7 Sept 2004

Espectacular



Mabel Rivera en Mar Adentro. Espectacular. O mellor da película, sen dúbida. E vaia por diante que son fan declarada de Amenábar. Entroutras desviacións sexuais, máis ou menos inconfesables, sempre tiven unha certa debilidade polos ollos enigmáticos e os dentes desordeados... por non falar da miña querencia polos homosexuais. Aforrádevo-las explicacións freudianas, que vivin dous anos cunha sicóloga. Só quero deixar clariño que, como me pon, non vou ser eu quen o critique por vendido, por continuista, por copión e por non ser ruso, chino ou iraní. Mar Adentro, coma as outras, tampouco inventa nada. Nin hai movementos de cámara rompedores, nin unha montaxe evocadora, nin un punto de vista innovador, nin unha construcción narrativa posmoderna... só a linguaxe cinematográfica máis rudimentaria. Aventuro que a idea era que nada te levase da historia, do guión, dos actores. É unha aposta arriscada: se esas tres cousas te convencen, a empatía é total; se non, quedas desamparado no medio do cine. A min, foi a mirada de Mabel Rivera a que me mantivo ben lonxe da butaca, suspendida no aire entre a fiestra do cuarto de Sampedro e o Atlántico, allea ós altos e os baixos de Belén Rueda, ó uso do catalán e ó desuso do galego, incapaz de recordar para que quero eu que unha película sexa revolucionaria. Hipnotizada.

No comments:

Post a Comment