
Ultimamente teño a sensación de estar a vivir momentos decisivos. É unha sensación lixeira pero persistente, un cristal viselado a través do cal vexo un mundo case real. Esta nova sensación é moito máis agradable que a pesada carga da reflexión continua que me atenazaba en Barcelona, sobre todo porque non sinto que me impida tomar decisións. Máis ben todo o contrario. Estas semanas adquirín máis compromisos que no resto da miña vida. Dinme de alta no Inem e no Servicio Galego de Colocación (experiencias tan divertidas como pouco estimulantes), matriculeime en filoloxía e no CAP, escribín algunha que outra carta de presentación sincera para traballos que sinceramente querería conseguir e investín toda a paixón que puiden xuntar nun proxecto de Amnistía que reconcilia o que fun co que quero ser. Neste tempo de ciber-ausencia tamén lin e vin a tele e fun ó cine e xoguei a tódolos xogos que atopei nos bares lugueses e falei e discutín e berrei e bebín (máis da conta) mentres combinaba eses tres verbos e recuperei nas fotos e nos vídeos (e nos amigos cambiados polo tempo pasado separados) aqueles outros instantes decisivos nos que saltei á poza nun estado de semi-insconsciencia, lixeira pero persistente.
No comments:
Post a Comment