12 Jan 2006

Estou viva

Working Girl

Non sei por canto tempo, pero de momento parece que respiro. Escríbovos dende un ciber da capital do imperio. Xa teño a miña roupiña, os meus libros, a miña vaquiña cooperante (xa vola presentarei) e a Mariña perfectamente instalados no meu futuro fogar. Eu, sen embargo, durmirei unhas noites máis na de miña tía mentres non me traian a cama que comprei a principios de semana. Non teño (nin terei) internet na casa, pero a Academia ten unha conexión wifi de-la-hostia da que poderei facer uso en canto miña irmá me mande a tarxetiña que deixei (son así, un encantador desastre) en lucus. Mentres, fago uso do típico locutorio internacional que ten os grandes éxitos de Shakira a todo trapo.
A vida urbana segue gustándome tanto como antes. Nada. Erguerse cando aínda non puxeron as rúas, miniducha, café rápido, carreira cara ó metro, ser incapaz de meterte no primeiro que pasa, loitar (xa picada) para entrar no seguinte, sardiñas en lata, paseo tranquilo ata a Academia, café de máquina (nada que ver coa da facultade vella de Santiago... nin co café), o máster...
O máster merece un post propio, pero adiantareivos un par de detalles: non podemos levar calzado deportivo nin camisetas nin nada que non levara Sigourney Waver naquel flin mítico e non somos estudiantes senón "ejecutivos en proceso de formación y selección".
Tela.

No comments:

Post a Comment