25 Feb 2006

Alá foron...

...os primeiros exames.

Clock
Clock, de Wojtek Kozak

Como todo o mundo sabe, o único positivo que teñen as semanas de exames é que se acaban. E, de feito, os primeiros días da era post-exames son deliciosos. A ausencia de presión é tan poderosa que parece que puideras saír voando como un globo en calquera momento. Ademáis, está o que eu chamo o paradoxo temporal. Onte mataría por uns minutos para internetear, pero parecía que desapareceran os segundos e que o tempo saltaba e cuarto de hora en cuarto de hora. Hoxe, parece máis ben que ao día lle sairan horas de entre os minutos... horas que papo golosa, evidentemente, permitíndome incluso o luxo de perdelas... A felicidade absoluta, vaia.
Onte botei toda a tarde de cháchara e hoxe levo toda a mañá vendo tele (véxase post anterior), tunneando o meu super-ordenador novo, saqueando esta marabilla de conexión 3G que me mandou meu irmao e reorganizando a lista de tarefas ineludibles para catro luguesas na capital do imperio, que de momento está como sigue:
- Pasear e pasear e pasear e pasear
- Ir gastar os cuartos á FNAC e á Casa do Libro e ás grandes superficies de Alcorcón
- Ir comer a algún restaurante "étnico" (que palabra máis fea e imprecisa, acéptanse correccións)
- Ir de museos e/ou exposicións
- Ir ao rastro, máis que nada a modo de excusa para ir despois de cañas por La Latina
- Pasear de madrugada (alguén que en xeral ten pinta de saber do que fala díxome unha vez que a capi ulía ben e que a mellor maneira de comprobalo era paseando de noite polas rúas baleiras... dende logo a imaxe é fermosa)
- Saír de noite por Malasaña (que me recordará para sempre as horas pasadas con La-Lore aquel verán de hai séculos)
- Irlle tomar algo ao pub irlandés O'neill's, na rúa principe
- Ir ao cine e/ou ao teatro
Menos mal, en fin, que se me multiplicaron as horas, porque se non non sei como iamos facer tantas cousas en tres días...

Culturilla general

Punky Brewster

1. Vistes Floricienta? Non vira nada igual dende Rebelde Way. Os mesmos actores, os mesmos diálogos, os mesmos decorados... as mesmas "canciós"!
2. E Engaño? Oh-my-god! Mágoa que durase tan pouquiño.
3. Que me dicides de Supernany? Ipresionante o rápidos que andiveron os de Cuatro eliminando a asesión charleta intragable.
4. Ninguén se dera conta de que a amiga da universidade de Sabrina era a mítica Punky Brewster? Pódese saber a que andades? Que gran fonte de talentos interpretativos foi esa serie, por certo, practicamente ao nivel de Al salir de clase. Daí tamén saira a amiga de Laura Winslow.
Ás veces asústome a min mesma.

21 Feb 2006

Dias de viño e rosas

Ando de exames. Mentres paseo a miña atención máis ou menos concentrada entre activos fixos e circulantes, recursos propios e alleos (fixos e circulantes tamén estes), ratios económicos e financieiros, TIR e VAN e PIB e PNN, Renda, Demanda e Oferta Agregadas, déficits e superavits públicos e exteriores, Investimentos e Aforros, vendas e clientes e distribuidores e productores, economías e deseconomías de escala, Marketing Mix, PEST, 5 Forzas de Porter, Matriz de entornos xenéricos da BGC, Cadea de valor, Factores relevantes do contorno e Factores críticos de éxito, SWAT ou DAFO... e outras muitas miserias humanas. Mentres, digo, o meu corpo vaise preparando para a fin de semana.
Había ben tempo que non tiña tantísimas ganas de saír.
Vide preparadas.

16 Feb 2006

Nunca choveu que non escampara

rain_b_w

E non ía ser distinto desta vez. Encantaríame dicirvos que comprei unhas marabillosas lentes rosas que converteron de súpeto esta cidade no paraíso ou aos tabeiróns en golfiños (nunca pensei usar esta palabra). Por desgraza aínda non puiden sair de compras. Pero si que vos podo ir adiantando que (d)escribir os meus agobios alixeirou un pouco a carga e que os vosos xenerosos comentarios/correos resultaron muito máis balsámicos do que imaxinades. Será certo iso de que as penas compartidas son menos penas. (Unha vez máis) Gracias.

PD/ Ademáis, non fun a única que partiu no grupo. De feito, houbo un coup de etat no que (xúroo) non tiven nada que ver. As cousas, lentisimamente, van cambiando.

PD2/ Búscase profesor(a) de portugués. Desesperadamente.

13 Feb 2006

Aí vos van algunhas das miñas teimas:

atlas

1. Durmo tapadísima e quietísima.

2. Encántame ter unha (mínima) rutina vital. Erguerme (máis ou menos) á mesma hora, facer a cama (si, tódolos días), poñer o café, ducharme mentres sube, servilo ao saír da ducha, vestirme coas noticias (radio ou tele) de fondo mentres se me enfría o café, tomalo e sair da casa (máis ou menos) á mesma hora cada día.

3. Nunca tomo o café quente.

4. Sempre levo un atlas (de peto) encima.

5. Non podo sair de noite sen cartos, sen móbil e/ou sen as chaves da casa na que vaia durmir.

Moito me temo que a lista sería infinita.

A dos que me gustaría que seguisen a meme é algo máis breve. Os nominados son Spidey, Armental, Zaira, Sabela e Borja. Podédelea deixar neste o voso humilde fogar. Se queredes.
Nuestra situación es crítica, di unha tarxeta da Escola Contemporánea de Humanidades que me acompaña a soidade no pisito madrileño.

Equilibrio

Esta fin de semana estiveron meus pais. Troixéronme o super-ordenador dende o que escribo (nunca neguei o innegable, son unha nena de papá), enchéronme a nevera, leváronme de paseo, puxéronme ao día na complicada historia familiar e tentaron poñer o máster no lugar que lle corresponde... Relativiza! Sen embargo, antes de coller camiño da A6 (e xusto despois de preguntarme por enésima vez se necesitaba cartos), pedíronme que recollera as miñas cousas e me volvera con eles. “Non estás ben, manda todo á merda e vente”.
E é certo, non estou ben. Enchéronseme os ollos de bágoas muitas veces este fin de semana. Nunca, en ningún sitio, estivera tan soa. Supoño que ata esta fin de semana non era consciente. Non hai unha soa persona na miña clase que me guste de verdade. Hai de todo, como en botica, din por aí. E haberá. E a xente é boa sempre, e eu seino. E, como o sei, poño toda a miña intención en obviar as diferencias e resaltar as similitudes. Pero é que case non as hai. Cando estou con eles abúrrome. E calo a metade das cousas que me pasan pola cabeza. A quen llas ía contar? E os que me coñecedes sabedes que eu nunca calo nada. Gústame falar. Gústame, encántame, rir. Sempre tiven un riso mui agradecido. Pero aquí todo parece tan estupidamente denso... que se me quitan as ganas.
Teño un grupo de traballo composto por xente que nin sabe nin quere traballar en grupo. Acordamos dividir os traballos en pedazos que despois nos repartiremos alfabeticamente e nos mandaremos por e-mail para aforrar o tempo da posta en común. Cada traballo, un de nós encaragáse de “limar” as diferencias. En caso de conflicto, prégase non discutir, porque así non “avanzamos”. E penso nas horas e horas que farían días e días que farían semanas e semanas que farían meses e meses que botei debatendo cos de Xornalismo. E doume conta de que son incapaz de recordar a frustración da discusión. Sei (supoño) que a houbo, pero agora só recordo os cafés, os cd’s e libros intercambiados, as películas comentadas, as críticas despiadadas, o cotilleo máis vulgar, o debate político filosófico científico histórico máis profundo, o respecto que sentía por esa xente que sempre me sorprendía con arguementos imposibles e o orgullosa que me sentín (case) sempre do resultado das nosas broncas “creativas”.
Muito aprendín con eles.
Bóto(v)os tanto de menos.

3 Feb 2006

Xa fixen os dous primeiros exames. Fuentes de Información e Contabilidade. Vaia dios con eles. Hoxe tiñamos tamén que expor un traballo sobre a Barbie... Aínda que ao final non veu a profesora e quedou no tinteiro.

1959 Ponytail Barbie

Como vedes, este master está poñendo a proba a miña amplitude de miras. Que, por certo, non é tan ampla como debera nin tan limitada como eu pensaba. Parece que podo (fisicamente) idear unha campaña de publicidade para a Barbie. E aínda non empecei a cabezazos coas paredes... Aínda.

Entre as cousas boas (que tamén as hai): que se apague o alumeado público cando vou camiño do metro pola mañá (encántame que me sorprenda o cambio de luz, de cor, cada día nun punto distinto), os cines en versión orixinal (si, xa fun), que me coincida un guaperas (hai unha chea deles) en frente no metro, o efecto explosión lumínica que causou a chegada ao pisito da colcha guatemalteca que me regalou la-lore, os sorrisos que se reflicten na miña cara como nun espello (hai catro na miña clase que teñen a facultade ilimitada de alegrarme o día), descubrir pouco o pouco á xente que me rodea, que a copia de Aznar que se senta á miña dereita (non podía ser doutro xeito) se estea convertindo en Xurxo a pasos axigantados, ir de copas cos do máster e descubrir que "non hai posturas irreconciliables senón vodkas de menos"... e que exista a posibilidade (real) de pasar un par de anos polo mundo adiante.