Nuestra situación es crítica, di unha tarxeta da Escola Contemporánea de Humanidades que me acompaña a soidade no pisito madrileño.
Esta fin de semana estiveron meus pais. Troixéronme o super-ordenador dende o que escribo (nunca neguei o innegable, son unha nena de papá), enchéronme a nevera, leváronme de paseo, puxéronme ao día na complicada historia familiar e tentaron poñer o máster no lugar que lle corresponde... Relativiza! Sen embargo, antes de coller camiño da A6 (e xusto despois de preguntarme por enésima vez se necesitaba cartos), pedíronme que recollera as miñas cousas e me volvera con eles. “Non estás ben, manda todo á merda e vente”.
E é certo, non estou ben. Enchéronseme os ollos de bágoas muitas veces este fin de semana. Nunca, en ningún sitio, estivera tan soa. Supoño que ata esta fin de semana non era consciente. Non hai unha soa persona na miña clase que me guste de verdade. Hai de todo, como en botica, din por aí. E haberá. E a xente é boa sempre, e eu seino. E, como o sei, poño toda a miña intención en obviar as diferencias e resaltar as similitudes. Pero é que case non as hai. Cando estou con eles abúrrome. E calo a metade das cousas que me pasan pola cabeza. A quen llas ía contar? E os que me coñecedes sabedes que eu nunca calo nada. Gústame falar. Gústame, encántame, rir. Sempre tiven un riso mui agradecido. Pero aquí todo parece tan estupidamente denso... que se me quitan as ganas.
Teño un grupo de traballo composto por xente que nin sabe nin quere traballar en grupo. Acordamos dividir os traballos en pedazos que despois nos repartiremos alfabeticamente e nos mandaremos por e-mail para aforrar o tempo da posta en común. Cada traballo, un de nós encaragáse de “limar” as diferencias. En caso de conflicto, prégase non discutir, porque así non “avanzamos”. E penso nas horas e horas que farían días e días que farían semanas e semanas que farían meses e meses que botei debatendo cos de Xornalismo. E doume conta de que son incapaz de recordar a frustración da discusión. Sei (supoño) que a houbo, pero agora só recordo os cafés, os cd’s e libros intercambiados, as películas comentadas, as críticas despiadadas, o cotilleo máis vulgar, o debate político filosófico científico histórico máis profundo, o respecto que sentía por esa xente que sempre me sorprendía con arguementos imposibles e o orgullosa que me sentín (case) sempre do resultado das nosas broncas “creativas”.
Muito aprendín con eles.
Bóto(v)os tanto de menos.
13 Feb 2006
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment