25 Jun 2007

Sobre os meus amigos

As primeiras conversas que se teñen cun(ha) amigo/a de Euskadi son (seguramente nesta orde): o problema vasco, o terrorismo e a cuadrilla. Onte falabamos Eva Luna, anITA, Dumar e máis eu sobre as cuadrillas. (Os outros dous temas xa os temos máis que mallados.) Parece que, en Euskadi, os amigos son os que son dende ben pequenos e ata ben vellos.
Pode haber incorporacións e perdas, pero son as menos.
Podes facer outros grupos de colegas, pero amigos amigos son os da cuadrilla.


Eu saqueina de Todo Mafalda, e pertence a Así es la cosa, Mafalda

Eu teño sido acusada de ter demasiados mellores amigos como para que semellante concepto teña sentido. Coñecín á miña mellor amiga de toda a vida aos tres anos, en peces. Outra das nosas mellores amigas tamén a coñecemos no colexio, pero ela ía a flores. (Ou era ao revés?) A outra incorporámola en primeiro de BUP. Era a mellor amiga da compañeira de clase da miña mellor amiga. A outra en segundo. Era a mellor amiga da miña mellor inimiga. Á miña mellor amiga de Sarria tamén a coñecín nesa época, era (e é) a mellor amiga da irmá do primeiro rapaz co que saín... O meu mellor amigo éo máis ou menos desde o vrao de COU. É o ex dunha mellor amiga e o mellor amigo dun ex. Despois viñeron os mellores amigos da carreira, que o son practicamente desde o primeiro día. E os de Santiago que non son da carreira: as do piso, os de Lugo. Despois, chegaron os mellores amigos da Erasmus. Os mellores amigos de Barcelona, do piso, da Ramón Lull, de la noche, da tele, de Amnistía-Catalunya, da Pompeu. Á volta a Valado City, os de Amnistía-Lugo, os de teatro, os do CAP, a Telepecha, os do Diario de Lugo y su Provincia... En Madrid, tardaron pero chegaron, os mellores amigos do máster. En Chile, ademáis de La-Fran (que a estas alturas máis que amiga é familia), están ELES. E Oitxu. E Limón Alemán. E a tocaia arxentina. E anITA. E esa especie de irmao pequeno vasco. E as integrantes dese selecto grupo organizador das Cenas de Chicas...
Sempre pensei que os mellores amigos eran aqueles cos que mantiñas máis contacto co paso do tempo. Sen embargo, hai uns meses entendín que os mellores amigos son eses cos que te sintes cómoda, aínda que pases tempo sen saber deles.
Hai case nove meses que cheguei ao Santiago Austral e non escribín máis que respostas aos vosos correos e un par de mails colectivos. Nin unha postal. Nin unha mensaxe ao móbil. Chamadas contadas. Algunha conversa de messenger. Gustaríame manter máis contacto, pero non dou. Esta mañá, respostándolle á nosa flor londinense, presentóuseme unha posible explicación. Cando estás tan lonxe e levas tanto tempo sen ver a persoa á que lles escribes, os correos piden unha certa organización. Tés que resumir nunhas liñas a túa vida, a túa rutina e os acontecementos extraordinarios que a rompen. A min cústame muitísimo escribir así, sempre o encho todo de parénteses e de post datas. E, ademáis, pensar un correo así para alguén co que estou afeita a compartir as rutinas entristéceme, porque é recoñecer a distancia. No espacio e no tempo...
En fin, con esta enorme digresión, que non fai máis que corroborar esta hipótese, só quería dicirvos:
Sinto non escribirvos correos personalizados.
Sinto non chamar máis.
Sinto non ser capaz de facervos partícipes das miñas rutinas.
Pero é que non dou.
Tentarei resarcirvos á volta.
Prometido.

No comments:

Post a Comment