23 Jul 2008
O meu planeta de silenzo
Onte comín con H. nun dos recunchos especiais desta Compostela que atopei do outro lado das vías. Falamos de todo, como sempre, como só falamos coas persoas que recoñecemos como iguais. Contoume que lle gusta muito o silenzo, que o busca, que o precisa, que lle encanta compartilo e eu recordei o muito que me custou aprender a estar calada diante doutra persoa. Recordei as noites adolescentes na beira do Támesis, cando cambiei un italiano cachondo e falangueiro por un suizo calvo e interesante que me prometeu unha estrela se conseguía compartir o silenzo con el... poucos días antes de liarse cunha brasileira. Un par de anos máis tarde veume buscar a Compostela, pero daquela eu xa sabía que a estrela que dixera regalarme era, en realidade, un planeta.
O meu planeta de silenzo.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment