12 Jul 2008
Sombras e fume
Rafita visita o Santiago pequeno nestes días extraños, de sombras e de fume, de ilusións e frustracións, de encontros e desencontros, de (enésima) reconstrución vital. Acompañamos o polbo á feira e os pementos de padrón cunha conversa sobre os insospeitados límites dos corpos e das mentes, sobre os ataques de ansiedade, as depresións, as arritmias, as visitas ao taller e sobre como muita da xente que queremos vive vidas que non quere vivir.
Falo con dous tipos interesantes que coñecín en épocas mui diferentes da miña vida. Os seus camiños crúzanse en Delhi e eu penso que sería divertido mover os fíos dende a distancia para forzar o encontro. Había tempo que non sabía de ningún dos dous e sorpréndeme descubrir que tampouco eles son alleos ás angoxas que nos atenazan ao resto dos mortais.
Un pouco por unha cousa e un muito por outra, ao final quedo en Compostela a fin de semana. Aproveito as horas que lle roubo ao Freire para repensar aquelo que lle dixen a Rafita pouco antes de despedirnos, índome de guai, como sempre...
A pregunta non é se seremos capaces de levar a vida que levan os nosos xefes.
A pregunta, claro, é se queremos.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment