15 Jun 2009

We'll try to make this the
best place in the world

Cartaz

Quedaron na estación de tren de Bemfica. Dous amigos que se admiran e tantean a posibilidade de coller xuntos o próximo tren sentan na cafetería da estación. Sobre a mesa, a posibilidade de tocar xuntos no Salón Teatro de Compostela. "Comezamos a falar das cousas posibles", recorda Narf, "e díxenlle que eu tiña unha canción. Comecei a cantar Aló Irmao e el seguiume. Rimos, abrazámonos e entendemos que había que seguir cara adiante, que era por aí”. “No tren de volta", dime Manecas cun sorriso que lle ocupa a cara toda, "eu só pensaba: eu tamén quero”.

Despois de tantos meses de proxectos que non chegan a concretarse e de desexos que pensamos pequenos ata que se revelan tan grandes que non nos caben no peito, sinto un pracer enorme oindo a historia de Fran e de Manecas. Unha historia simple, din eles, de dous tipos con dúas guitarras que se caeron ben, que se entenderon ben. Ás veces, digo eu, as historias simples son as máis fermosas e importantes. As que nos cambian a vida.

Mañá e pasado, no Teatro Principal de Santiago, Narf e Manecas gravarán ao vivo o seu Aló Irmao. Os concertos comezarán ás nove da noite e a entrada é gratuita até completar aforo. Muitas desas horas de traballo das que vos falaba onte estarán tamén alí, no mellor sitio do mundo. Con eles. E, se vos animades, con vós.

No comments:

Post a Comment