14 Jun 2009
Acumúlanseme os post
que nunca escribirei
As semanas de lecturas, o Limiar da Conciencia, as pombas e os morcegos, a media ducia cumprida de historias entretidas, as dúas tardes de intenso (e enriquecedor) debate, a volta á illa, os pinchos, o lercheo, os risos, as oito doas para San Simón, a sorpresa a emoción e a frustración de saberme perseguida por aquelas palabras roubadas a Rodari que apareceron no primeiro libro que metín no bolso despois das lecturas forzosas e que, vintecatro horas máis tarde, estalaron de novo diante de min con toda a forza do discurso de Agustín.
Pasan os días e todo vai quedando sepultado polas caricias, polos praceres novos e os agobios vellos, polo insomnio, pola morriña do que nunca sucedeu, polos mareos a dor de cervicais e as feridas dos dedos, polo turismo pijo-rural con aqueles que xa non escuitan a Ismael Serrano, polo eterno retorno da raíña que nunca quixen ser e polo traballo. Horas días semanas de traballo que arramplan con todo.
Tamén con emerecindo.
Acumúlanseme os post que nunca escribirei e morren de vellos os que escribín e non publiquei. Teño o escritorio cheo de notas desfiañadas, de ideas pespuntadas que non souben rematar e de historias ben cosidas que non me atrevo a publicar. Sinto o peso das vosas miradas e, por primeira vez en máis de cinco anos, dáme medo e pudor e preguiza enfrontarme a elas.
Dáme unha preguiza imensa.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment