8 Nov 2009

India - भारत (I): Xeografía básica



India é o sétimo país máis grande do mundo e o segundo máis poboado. Ten 7.517 km de costa, está próxima a Sri Lanka, as Maldivas e Indonesia e comparte fronteiras con Paquistán, China, Nepal, Bhutan, Bangladesh e Myanmar. A República da India é unha democracia parlamentaria estruturada en 28 estados e sete territorios da unión. Un destes territorios é a capital, Delhi (o F no mapa). Outros lugares da India que ata o de agora me teñen recomendado visitar son:

Goa (6) é o estado máis pequeno da India e o cuarto menos poboado. Está situado uns 400 km ao sur de Bombay e ten unha liña costeira de 101 km no mar Arábigo. A súa historia está marcada pola presenza portuguesa, a imposición do catolicismo e os estragos da Inquisición. As igrexas e conventos de Old Goa son Patrimonio da Humanidade desde 1986. E si, tamén é famosa polas colonias hippies.

En Jammu and Kashmir (10), a 3.650 m sobre o nivel do mar, está Leh, a que fora capital do reino de Ladakh nos Himalaias e que durante séculos foi lugar de paso nas rutas comerciais do val Indus entre o Tibet, Cachemira, India e China.

En Karnataka (12) está Hampi, coñecida como Cidade da Vitoria. Foi capital do imperio Vijayanagara e ocupa uns 26 km2 no val do río Tungabhadra. Foi declarada Patrimonio da Humanidade en 1986.

En Orissa (20) está Puri, o lugar onde Shangaindia construiu hai nove anos un colexio e onde actualmente están equipando unha segunda escola.

En Tamil Nadu (24) está Tiruchirappalli, onde Implicadas no Desenvolvemento levou a cabo o programa UDI Tiruchy, entre 1998 e 2000, e onde agora desenvolven o UDP Tiruchy. No programa SIDHUR, IND tamén traballou na India coa organización local REDS no mandal de Mudigubba, distrito de Anantapur, estado de Andhra Pradesh (1). Atoparedes máis info sobre estes e outros proxectos de IND na súa web.

No estado de Uttar Pradesh (26) están Varanasi, unha das sete cidades sagradas do hinduismo, situada á beira do Ganges, e Agra, que foi capital do imperio mongol e que acolle o Taj Mahal, Patrimonio da Humanidade desde 1983 e nomeada unha das Sete Marabillas do Mundo Moderno. Whatever that means.

En West Bengal (28) está Calcuta, unha cidade con máis de 15 millóns de habitantes que a convirten na 8ªurbe máis poboada do mundo.
___
*Todos os lugares da India que a Unesco considera Patrimonio da Humanidade están aquí. O país é enorme e ten unha cantidade aparentemente infinita de lugares interesantes, agradécense os consellos e as recomendacións.

No comments:

Post a Comment