7 Nov 2009

O cotián



Levo semanas remoendo un post sobre o cotián. Sobre o muito que me gustan as rutinas. Sobre a facilidade que tiven sempre para establecelas e sobre o perdida que me sinto sen elas. Levo semanas intentando explicarvos (explicarme) que os últimos meses foron completamente distintos do resto da miña vida. Foron meses de inmobilidade, nos que non saín dun círculo imaxinario de 100 km de diámetro. E, sen embargo, foron meses de caos e inestabilidade. Meses nos que perdín o control sobre o cotián. Sobre as rutinas.

Unha noite, con dous viños, faleilles desta sensación de perda de control a uns amig@s e dixéronme que tiña que alonxarme para coller perspectiva. Propuxéronme unha viaxe demasiado cara e demasiado longa. Quero, pero non podo. Como sempre. Non podo? Quero? Onte pola tarde, na sétima reunión de traballo do día, mentres analizaba necesidades prazos e orzamentos dun novo proxecto, miraba prezos e datas da miña viaxe imposible.
Santiago. París. Helsinki. Delhi. Delhi. Helsinki. París. Santiago.
ok
ok
ok
ok
ok
ok
e cando me quixen dar conta xa estaba feito.

Saio de Compostela o día 5 de decembro e volvo o 19 de xaneiro. Pasarei fóra o meu 30 cumpreanos, as matanzas, o nadal e fin de ano. E o curioso, o máis curioso deste asunto é que non fun capaz de escribir este post (nin ningún outro) ata hoxe.
___
*Encántanme os camiños. Gústame mirar para eles, retratalos, construir vidas propias e alleas do outro lado do punto de fuga. Sen embargo, non fun capaz de atopar un co que ilustrar este post. Hai meses que non vexo ningún camiño novo, que non fago fotos, que non imaxino outras vidas e a única imaxe do cotián que se me ven á cabeza é esta. Van ter razón e resulta que hai meses que me falla a perspectiva.

No comments:

Post a Comment