31 May 2004

Aí vai o Maio...

... e ven Xuño. Chegan as calores e eu escapo a climas máis benévolos. En principio, ó lugués, pero se son sincera preferiría facer unha visita guirilandia. Pena non ter un can. En calquera caso, quédanme 17 días en Barcelona... comeza a conta atrás. Xa empecei a facer listas quilométricas de tarefas pendentes: comprar roupa para a voda, buscar empresa de transportes barata, arreglar situación académico-económica, acabar bibliografía e plan de traballo tesina... só me quedan dúas semanas e pico para inclumplilas unha a unha.

26 May 2004

Posteando dende "el cogollo de la cuestión", o Forum. Despois dun finde de karaoke, pabellón criollo e PVR, o fin de semana rematou nesta controvertida paraxe, coa inaguración (e correspondente enchenta) do INPUT 2004.
O INPUT é coma un festival de cine (eles negan o parecido) pero en televisión pública: reúnense uns cantos traballadores das teles do mundo mundial, ven e comentan (sempre está presente o autor) os que a organización considerou os "mellores" programas do ano e despois reúnense polos corredores para mercadear entre eles. A entrada custa 50 euros, pero a nós páganola a universidade a cambio dun curso de doutoramento que non tivemos porque o profesor está de baixa. Iso que gañamos.
Exemplos rápidos das marabillas que estamos vendo:
-Entre os booms mediáticos: Balseros, The Corporation e Citizen Berlusconi.
-Entre os menos coñecidos, Between Joyce and Remembrance: un documental sud-africano que ten unha das secuencias máis impresionantes que vin na miña vida na que un torturador vai "pedir perdón" á familia dun torturado-desaparecido. El nega telo matado, di que non sabe que foi del, pero recoñece a súa parte de culpa, recoñece que o torturou, porque agora que é cristián entende que coa verdade e a sinceridade gaña o dereito a ser perdoado... a mera existencia desa conversa, a naturalidade do torturador, a resposta da familia do desaparecido... é brutal. Moi boa é tamén The Stockholm Syndrome, metade documental e metade ficción. Unha canle pública sueca contratou dous directores distintos para que tratasen un mesmo acontecemento trinta anos despois de que sucedese. Durante a producción, impídenlles comunicarse entre eles para que cada un chegue libremente ás súas propias conclusións. A idea é interesante, o resultado (alomenos un, o documental, que é o que eu vin) é xenial: un programa intelixente e divertido que tras unha hora de declaracións contradictorias dos protagonistas conclúe que "ou ben a memoria é fráxil o ben a verdade é individual". Innegable.

19 May 2004

Perdón pola ausencia. Prometín da-la vara diariamente e aquí me tedes, completamente absorbida pola urbe. En fin, a modo de breve resumo destes días:
-Venres noite: concerto de gipsy-jazz nun sitio super-pijo. Atopei de novo ó auténtico, ó único, ó irrepetible home da miña vida (buscade Emilio Tolga). Boa compañía, boa música, bos (pero carísimos) mojitos... só que me rallei co tema do gusto (de se pode ser bo e/ou malo) e non puiden evitar reflexionar no útil que resulta ter alguén que controle, que seleccione por ti e que finalmente che sirva en bandexa todo aquelo digno de ser experimentado... mmm, éntranme as dúbidas ó respecto. Só sei que non sei nada.
-Sábado noite: xornada gastronómica "especial Navarra" (próximamente, Venezuela) amenizada por unha das conversas máis interesantes dos últimos tempos.
-Domingo serán: paseo ó fresco, máis charla e o mellor xelado de limón a este lado do mediterráneo... fóra de serie, de verdade.
-Luns noite: quero ir ó cine ve-la última de Von Trier, pero ninguén secunda a moción, así que decido ir ve-la última de Colin Farrel. Moraleja, non me importa ir soa ó cine se o prota está cachondo. Por certo, Intermission é moito máis que Colin Farrel (que, por outra parte, non é tan prota)... y hasta aquí puedo leer.
-Martes serán: ven unha xente xenial ve-lo piso, líbrome da alumna infernal (vaia con dios) e celébroo regalándome unhas horas para ler Ébano (sí, que pasa, compreino co ABC).

Et voilà, chegamos ó mercores. Había moito tempo que non departía amistosamente coa ONU do curso de doutoramento, así que gocei coma nunca o xantar, o café, a copa e a leria. Ademáis, hoxe sí que caerá 5-Condiciones.

En fin, xa non chove, aínda non me estorba o sol e barcelona tamén ten o seu aquel.

13 May 2004

Jiménez Losantos ten un blog

Recollo do blog de Contra (ollo cos comments, son sempre xeniais), un cruce de amables palabras entre Savater e Jiménez Losantos alá polo 1979. Brillante. Non soporto a Savater, abúrreme, pero don Federico resúltame inapropiadamente divertido, odiable no fondo e admirable na forma; sempre estimulante. Decido darme unha volta polos arquivos de El País e mesmo cometo o exceso de deixarme caer por Libertad Digital. Erro de principiante, porque me poño de mala hostia co primeiro artigo co que tropezo. E nin sequera era de J.L., senón de Amando de Miguel, ese hombre español, cuxa obsesión polos cataláns é digna de estudio. A expedición ó terreo enemigo deixame sen tempo e sen folgos, así que decido garda-la dirección do blog de don Federico e deixa-la análise para outro día.

12 May 2004

Ando folgazana. Teño fame. E sono. Aínda tardarei media hora en chegar á casa. Como non vos manifestades, danme ganas de meta-bloggar, pero non podo porque me prometin non facelo cando comecei e aínda non hai dúas semanas (¿esto será considerado meta-bloggeo?). Capitulo. Mañá máis.

11 May 2004

¿Qué pasa co Forum?

Din por aquí que a idea xurdiu dunha cagada radiofónica de Maragall, que -tralo éxitazo do proxecto Barcelona-92- tivo a ben ir á radio e dicir en directo que o seu goberno municipal non só non se durmía nos laureis, senón que xa viña de presenta-la candidatura da cidade para a exposición universal do 2004. Parece ser que o entrevistador estaba atento (cousa insólita) e decidiu comunicarlle amablemente ó entrevistado que tal acontecemento caía máis ben cara ó 2005. Ó agora president gústalle recuar tanto coma á min, así que tivo que inventar unha "exposición universal das culturas" naquel mesmo momento. Dígali Fórum. Non sei canto hai de lenda na cagada margalliana. Pouco importa. O caso é que xa estamos no 2004 (quén o diría) e xa comezou a leria.
Eu ando a voltas co tema dende hai uns meses, cando saíron as primeiras entradas. "Cómprate el pase de temporada, tío, que sale más a cuenta". Sí, tío, total só son 168 eurazos. A hostia. Con esos louros compro unha de libros que me fago co saber universal nun tris e non teño que debater con ninguén nunca máis. Mai més. Pero, claro, unha é débil, éntralle as dúbidas e investiga. E resulta que aínda é peor, que coas vintecinco mil largas só entras no recinto. Despois, se queres ir tirarlle as bragas a Lenny kravitz, vas ó Palau Sant Jordi e compras a entrada (entre 35 e 48 louros máis). Como cada unha lle tira as bragas a quen lle da a gana, tamén podes ir dialogar con Ramonet por uns 60 euros extra (25 para estudiantes). Pero qué lle vou preguntar eu a... digamos... Lula, a ver, ¿que? "¿como che vai no curro?"
Véndeno como se fora a ágora grega: ti (primeiro pagas e despois) chegas alí e "dialogas", pero poñen de reclamo ó star-system intelectual do mundo mundial. ¿A ninguén máis lle resulta incoherente? Só de pensalo dáme a risa: "Saramago, ¿ti cres que Crónicas é telebasura?, é que a min entreténme, sabes". Unha de dúas, ou acaba sendo un (carísimo) seguido de conferencias das de toda a vida ou acabas pagando 193 euros para oir a un pailán calquera (coma ti) ó que lle gusta o seu propio timbre de voz.
E todo esto xa obviando de onde veñen os millóns (e sobre todo a cambio de que), a quen beneficia económicamente, a quen prexudica, de onde vén a campaña mediática ó respecto (escola Urdaciana, a min que me perdoen), etc, etc.

Pd/ Boísimo o artigo de María en Vieiros.

10 May 2004

A nova do día

Chívanme dende "allende la meseta" a noticia do día (tan noticia e tan do día que é de hai dez días)... Viaxo pola rede en busca das primeiras declaracións. Non atopo esas tan boas que me mandaron via mail ("Non envexamos nada a outros pero non podemos durmirnos"), así que vos teredes que conformar con estoutras. Ollo ó dato coa última resposta... Non controlo de termos futbolísticos, pero estou segura de que hai algún para describila.
En tan sentido intre, o Xornal despide a Morgan sen deixar de facerlle as costas a MT, mentres que o colexio e Vieiros apostan pola sobriedade...
En fin... polo que a min respecta e a falta de confirma-lo lugar de nacemento de Emili Prado, van (alomenos) tres de catro. Lugo, ¡terra de... decanos!

9 May 2004

LONGA NOITE DE PEDRA

O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra
.

Celso Emilio Ferreiro

7 May 2004

Cultura Basura

A teoría estética considera que a obra artística posúe un valor intrínseco e inalienable, relacionado coa tradición, coa técnica, cos coñecementos do autor, coas “pretensións” da producción, etc… criterios obxectivos que se poden reunir nun canon máis ou menos complexo e de aplicación máis o menos universal. Pola súa banda, a teoría extática inclínase máis cara á recepción: a artisticidade da obra depende da súa capacidade para toca-los sentidos do receptor, para emocionalo, para divertilo, para axudarlle a entender e a aprehende-lo mundo que o rodea, etc…
Ambas teorías están intimamente relacionadas co exercicio do poder simbólico. Os criterios estéticos son elitistas e, dende o meu punto de vista, inevitablemente conservadores. Implican a superioridade dos que “saben do que falan”. Adorno criticaba o jazz coa vehemencia que lle daba o seu profundísimo coñecemento da música “clásica”... como vós criticades Camela dende o dominio (máis ou menos profundo) da música actual. O concepto de éxtase, sen embargo, ponnos a todos ó mesmo nivel. Eu podo ser unha ignorante musical (e de feito sono) pero ninguén (por moitos CDs que teña na súa casa, por moitos concertos ós que teña ido, por moitos instrumentos –musicais- que domine) me pode dici-lo que sinto (ou deixo de sentir) cando escoito un violín nos corredores do metro. Parece democrático, ¿non? O malo é que tampouco o é totalmente. Ninguén me pode dici-lo que sinto, claro, pero si que pode utiliza-lo poder que lle dan os seus coñecementos estéticos para facer que me avergoñe dos meus gustos. Esta é a perversión definitiva, a confusión de estética e extática. A obxectivación das emocións.

6 May 2004

Estampas urbanas

Cando viña cara aquí case me tira un tipo que pasaba correndo. Era un poli. Xireime tras el, xusto a tempo para ve-lo saltar coas súas super-botas sobre a "manta" dun pobre tipo ó que non lle dera tempo a sair por patas. Nesa rúa hai un mercado e xusto dediante están sempre un home traxeado vendendo limóns (¿alguén mo pode explicar? ¿será un camello? ¿pode ser que simplemente venda limóns? non me digades que non é raro, raro, raro), unha muller vendendo calcetíns e bragas, unha velliña vendendo allos, un chino vendendo calquera cousa susceptible de formar parte do attrezzo de Torrente 3 e dous ou tres "árabes" cos seus top-manta. Xa supoño que os limóns e os allos non teñen copyright e podo asegurarvos que nin as bragas nin os calcetíns desa señora supoñen unha ameaza para as marcas de lencería, pero é que me pareceu tan inxusto... ¿Cal é a diferencia? ¿Por que o ghicho dos limóns (que manía lle teño) se quedou tan tranquilo, coa mercadoría na man, mirando para o top-manteiro con todo o desprezo do mundo mentres os polis (nun momento chegaron dous máis nun coche) o abucharaban como se fose o puto amo da piratería internacional?

5 May 2004

Cuspir para arriba

¿Como era iso de que a min a sanidade catalana me tiraba do aire? ¡Que pouco tarda a vida en traernos ó rego! Onte fun ó médico. Nada serio, donguorri, pedira vez hai tres semanas para consultar un par de efectos que ten a vida urbana en min. Pedira cita ás nove da mañá, a primeira da lista, para non ter que esperar. Bendita inxenuidade... obviamente, o ghicho non apareceu ata as 9.40. Iso sí, fun a primeira en entrar. Xa cando me chamou reparou no segundo apelido... repetiuno como para si... reflexionou:
-¿Eres desplazada?- Que capacidade de síntese, a miña vida nunha palabra.
-Pozzi.
-¡Una ghalleguiña!
Silencio sepulcral. Tema delicado. Os cataláns que se cren que -iñando falan galego espertan "ese tigre que hay en mi". Boto man do tantra aprendido dese gran filósofo da postmodernidade, Carl Winslow: "uno dos y tres yo me calmaré, cuatro cinco y seis todos lo vereis".
-Yo también soy medio ghalleguiño, ¿sabes? Falo algo de galego. Mi madre era de la terriña, de la coruña.
"Uno dos y tres... "
-Tú eres de Lugo ¿no? Me encanta Lugo, Castro de Rei... tengo un amigo en Castro de Rei. Es médico también. Se llama Ignacio. A lo mejor lo conoces...
"... todos los vereis."
-Yo es que no conozco a "mucha" gente en Castro de Rei.
-Ay, Galicia, qué bien se come en Galicia, eh.
-Ya... bueno, yo es que estaba un poco preocupada...
-... y se vive, eh, se vive muy bien en Galicia.
-Sí, bueno, ya, pero yo quería saber si... (afórrovos a consulta)
Cala a boca (por fin). Calamos os dous.
-Es mejor que te de vez para el especialista. Así no te molesto hablando de tus... partes.
Aquí, amigos e amigas "se acabó lo que se daba". As nosas "partes" (como concepto) colonizaron novos terreos, porque a dúbida non ía por aí. Xuro polo máis sagrado que tentei convencelo de que a min non me molestaba falar das miñas "partes". De calquera delas. E que, ademáis, esta parte en concreto non tiña relación algunha co aparato reproductor (alomenos co meu). Pero foi inutil, chantoume o volante "preferente" para o xinecólogo e chimpoume (literalmente) fóra da consulta.
Levitei cara ó mostrador de atención ó cliente (ou é ó paciente), fixen unha cola/cua/fila (¡axuda!) de vinte minutos, tentei razoar coa enfermera (obviamente foi inútil) e acabei por acepta-la cita para o xinecólgo... ¿non din que hai que ir unha vez ó ano? Non hai mal que por ben non veña (esto debe se-lo que os entendidos chaman transposición)

3 May 2004

Chove en Barcelona

Esperto antes de que soe a Marcha Turca porque oio chover. Poño a radio. Prefiro a Gabilondo na oposición. Síntome peixe (branqueas incluidas), así que non entendo porque me amola tanto sair da cama cando chove. Quedo sen escusa cando desconectan a Ona-Barcelona e empezan a falar da débeda da sanidade catalana (como son unha inmigrante mal adaptada, non me importan esas cousas). Obrígome a ducharme (se fose polas ganas...) e, como xa vou tarde, marcho para a facultade sen café (e sen donut, preludio inexorable dun día redondo).
¡Que mal lle acae a choiva a Barcelona! Non ule a terra mollada, nin se lle convirte o chan nun espello... non hai coreografía de paraugas de cores, nin oasis urbanos con forma de soportais... só hai máis coches que levan xente máis triste e máis enfadada; hai paraugas feos, vellos... paraugas de resistencia conducidos por xente pouco afeita a eses apéndices corporais.
Coa choiva quedo sen paseo matutino da casa á facultade. Non importa, gústame o metro, pero esa é outra historia...