A teoría estética considera que a obra artística posúe un valor intrínseco e inalienable, relacionado coa tradición, coa técnica, cos coñecementos do autor, coas “pretensións” da producción, etc… criterios obxectivos que se poden reunir nun canon máis ou menos complexo e de aplicación máis o menos universal. Pola súa banda, a teoría extática inclínase máis cara á recepción: a artisticidade da obra depende da súa capacidade para toca-los sentidos do receptor, para emocionalo, para divertilo, para axudarlle a entender e a aprehende-lo mundo que o rodea, etc…
Ambas teorías están intimamente relacionadas co exercicio do poder simbólico. Os criterios estéticos son elitistas e, dende o meu punto de vista, inevitablemente conservadores. Implican a superioridade dos que “saben do que falan”. Adorno criticaba o jazz coa vehemencia que lle daba o seu profundísimo coñecemento da música “clásica”... como vós criticades Camela dende o dominio (máis ou menos profundo) da música actual. O concepto de éxtase, sen embargo, ponnos a todos ó mesmo nivel. Eu podo ser unha ignorante musical (e de feito sono) pero ninguén (por moitos CDs que teña na súa casa, por moitos concertos ós que teña ido, por moitos instrumentos –musicais- que domine) me pode dici-lo que sinto (ou deixo de sentir) cando escoito un violín nos corredores do metro. Parece democrático, ¿non? O malo é que tampouco o é totalmente. Ninguén me pode dici-lo que sinto, claro, pero si que pode utiliza-lo poder que lle dan os seus coñecementos estéticos para facer que me avergoñe dos meus gustos. Esta é a perversión definitiva, a confusión de estética e extática. A obxectivación das emocións.
7 May 2004
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment