Esperto antes de que soe a Marcha Turca porque oio chover. Poño a radio. Prefiro a Gabilondo na oposición. Síntome peixe (branqueas incluidas), así que non entendo porque me amola tanto sair da cama cando chove. Quedo sen escusa cando desconectan a Ona-Barcelona e empezan a falar da débeda da sanidade catalana (como son unha inmigrante mal adaptada, non me importan esas cousas). Obrígome a ducharme (se fose polas ganas...) e, como xa vou tarde, marcho para a facultade sen café (e sen donut, preludio inexorable dun día redondo).
¡Que mal lle acae a choiva a Barcelona! Non ule a terra mollada, nin se lle convirte o chan nun espello... non hai coreografía de paraugas de cores, nin oasis urbanos con forma de soportais... só hai máis coches que levan xente máis triste e máis enfadada; hai paraugas feos, vellos... paraugas de resistencia conducidos por xente pouco afeita a eses apéndices corporais.
Coa choiva quedo sen paseo matutino da casa á facultade. Non importa, gústame o metro, pero esa é outra historia...
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment