11 Aug 2004


Apocalipse inspiradora.- Como boa periodista renegada, só traballo ó cento por cento baixo presión... digo eu que será por iso que tras dous meses rañándoa con fervoroso afán me atopo a estas alturas (dúas semanas e media "to go") cos traballiños sen comezar e coa visita sorpresa de dous vellos amigos, tan queridos como caros de ver. Agora, xusto agora que tiña o tempo contado, cando xa empezaba (dende o sofá do salón, mentres os Matamoros se reparten como irmáns o pastel televisivo) a lima-las miñas pretensións académicas, a eliminar lecturas ata facelas case factibles, a fusionar asignaturas incompatibles en traballos "poliédricos"... Xuro por ningún deus que estaba a puntiño de colle-los artigos recopilados con paixón os derradeiros días en Barcelona cando recibín a chamada do destino traidor: "ei, son fran... que acabo de falar con maider e, se aínda nos queres, pagámosche esta semana a visita debida". O plan fora unha e mil veces trazado: el ven no seu super-buga dende Valencia, recolle a María en Vigo ou Ourense e sube a Santiago a buscarnos a Maider e a min... que os esperamos co coche cheo de víveres, todo o que necesitamos para perdernos uns días na costa da morte. Obviamente, non serei eu quen deixe pasar semellante oportunidade, malia ser consciente (ou non) de que é imposible facer tres traballos dignos nunha semana e media.
Benvida sexa, entón, a presión inspiradora.

No comments:

Post a Comment