23 Aug 2004


Tras-es.- Trala morte súbita desta máquina infernal á que estarei estos días máis unida ca nunca. Trala súa inmediata recuperación por parte desde doutor amor da informática que é o meu amiguísimo Borjitas (fago unha chamada ó levantamento popular contra os publicistas españois por esa manía persecutoria que teñen co seu nome). Tras unha noite de farra madura, sobria, redentora. Tras unha semana perdida nos máis marabillosos paisaxes que avistaron estes ollos... novos, sí, pero viaxeiros. Trala tradicional fin de semana de seudo-enclaustramento, de telefilms, de tempo perdido. Tras dúas semanas sen postear "para non perde-lo tempo"... esta mañá (por fin) comecei a traballar. Erguinme cediño e fun a Santiago. Tan cediño era que tiven que poñe-la calefacción do coche. Xa na capi (humidtown que lle din os meus ciber-gurús) preguntei (outra vez) polo meu título de licenciadavidriera e aseguráronme (outra vez) que estar, está... nalgures; averiguei o que teño que facer para matricularme (segundas nupcias) en filoloxía (basicamente, pagar); paseime pola xeral para fotocopiar sen compaixón os principios xerais de programación da TVG (e sí, existen); conseguín (merquei) o número 74 de Tempos Novos, o do especial TVG, que casualmente é o único que non teñen na Intercentros; e, xa de paso, axencieime tamén algo de historia e o que espero sexa combustible ideolóxico de última xeración.

No comments:

Post a Comment