10 Aug 2004


Crónica dun empacho televisivo.- Unha non pode sequera intui-los abismos da mente e os límites da degradación da especie humana ata que comproba que:

-Tres das sete canles ás que ten acceso adican toda a mañá a debater cuestións de importancia tan vital como:
(1) se a ex-muller dun toureiro, dun cantante e dun bailaor morreu drogada, duchada, espida e/ou soa
(2) se un actor machista e violento, ex-marido dunha cantante alcohólica, estivo, hai trinta anos, liado cunha muller maior ca el (no que habería consenso é no indubidable móbil económico desta aberrante relación)
3) se unha licenciada en bioloxía, actriz, stripper, guionista e/ou productora televisiva amosa debilidade de carácter ou intelixencia empresarial deixándose fotografar (unha vez máis) cun biquini tan difícil de ver como de olvidar nas poses máis ridículas que un fotógrafo profesional pode imaxinar.

-Das catro canles restantes:
(1) a pública estatal nacida para a defensa da pluralidade cultural ofrece catro horas seguidas de series norteamericanas (que ademáis non é a primeira vez que emite)
(2) a pública autonómica financiada en nome da supervivencia dunha cultura minoritaria "arrampla con todo" (inenarrable) tralos debuxos de cumprimento (non importa a calidade... chega e sobra con que sexan en galego)
(3) a "local" contrataca, facendo honra do seu nome, con dúas telenovelas sudamericanas (unha das cales xa foi emitida tres veces por outras canles nos últimos anos)
(4) e a de pago por visión convirte unhas raias e un zunido na promesa do paraíso terreal.

A cousa non mellora ó longo do día. Tralos informativos, máis telenovelas de saldo (¡a TVG enlaza catro!); máis repeticións de ficcións propias e/ou alleas (o de TVE con Ana Obregón é algo serio); e, sobre todo, máis seudo-magazines retro-alimentados ata o límite coas súas propias mentiras e obsesións.

Do serán só recomendaría El Abogado, especialmente a aqueles/as cunha certa querencia polos homes de ollos azuis e ós fanáticos do cine de xuizos que non soportaban Ally McBeal.

No prime-time, con un pouco de sorte, cae algunha estrea como o "Zapping" dos domingos con Silvia Jato e Arturo Valls, o Super-Show dos xoves con Sobera e Patricia Pérez, ou a cacareadísima The O.C. De entre estas tres eu quédome, sen dubidalo, con The O.C. porque:
(1) odio visceralmente os programas estilo gala de público en grada e presentador con micro Madonna estilo Antena 3
(2) incriblemente é nova en serio, é a primeira vez que a poñen (que a este paso ata os Simpson cansan)
(3) cando menos ofrece cachondos para tódolos gustos: mulleres máis ou menos novas, máis ou menos esqueléticas, pero sempre fermosas, homes máis ou menos musculosos, máis ou menos intelixentes e atormentados, pero sempre atractivos
Son consciente de que a historia non di nada, nin novo nin vello, sobre case nada. ¡Mira tí! A estas alturas xa me parece moito pedir. De feito, na miña humilde opinión, o peor defecto que ten The O.C. é a auto-contra-programación que sofre dende os segundo día de emisión, golpe de agudeza profesional só asumible polos programadores da TVE.

En fin.

No comments:

Post a Comment