9 Aug 2004
A voda.- Ó final puiden eu máis có fotoxop e rematei a montaxe nostálxica a tempo. Trala impresión (15 ourazos por un A2, de maior quero ser papeleireira) e o enmarcado (moderno, sinxelo, minimalista... o máis barato que había no continente), quedei razonablemente satisfeita co resultado. Saímos cara Madrid na mañá da operación saída (50 mortos o mesmo fin de semana do 2003, a velocidade pode matar, etc, etc) e parece ser que iamos no sentido equivocado, porque as retencións eran sempre do outro lado da mediana. Menos mal, porque aínda así chegamos xusto a tempo para comer algo na casa dos pais na noiva, entrega-lo sobre e o cadro (o primeiro era o sustancial, claro, e o segundo, o toque chic), aviarnos e colle-lo bus cara á igrexa.
A calor en Madrid é infinitamente máis soportable ca de Barcelona; levabámolo moi ben ata que vimos un termómetro que marcaba 42º... e de súpeto chegou o ataque dos zapatos asasinos (pero sexies, iso sí) e dos ventiladores magnéticos (aínda que te resistas no nome da túa saúde futura acabas sempre sentada a carón deles). Sobrevivimos á (longa) misa do cura rojo (en fin, alomenos máis ca nuestro obispo don josé) dos arrabaldes madrileños, á comida e ata á barra libre... pero ó día seguinte, xa de volta para a casa, o meu sensibilísimo aparello respiratorio decidiu que merecía uns días de descanso.
E así foi como pasei cinco días entre a cama e o sofá, sudando como unha vaca (se é que as vacas sudan) e chupando moita máis tele da que o meu cerebro (e o meu corpo) poden asimilar.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment