12 May 2006
Always look on the bright side of life
Catro meses despois de chegar a Madrí, sinto que lle debo (sobre todo ante vós) unha desculpa á cidade. Nunca me gustou esa xente que proxecta os males que o queiman por dentro sobre o seu contorno. Non me gusta porque é inxusto e porque se acaba convertendo nunha espiral de negatividade da que é difícil sair. E, je m'accuse, eu construin a miña propia gaiola de frustración o mesmo día que cheguei a esta cidade. Funme de Cicely cando millor o estaba pasando e, nunha fin de semana, cambiei o ambiente máis amable e xeneroso e adictivo do mundo por outro ben distinto, superficial, egocéntrico e egoísta.
Estas semanas descubrín un par de cousas.
A primeira é que, pase o que pase ó final coa bolsa, xa non poderei dicir que fixen mal vindo. Non (alomenos non só) polo que aprendín do inimigo, senón porque, como din os concursantes máis horteras dos realities, tiven que vir ata aquí e vivir unha montaña rusa emocional para aprender algúns límites propios que seguramente en Cicely nunca tería sequera intuído.
E a outra, a máis sorprendente, é que levo catro meses rodeada dunha ducia de illotes que, coma min, se sentían infinitamente sós e alleos ós discursos dos nosos compañeiros. Pero, claro, é díficil ver o que pasa ó teu redor cando estás tan concentrada no teu propio embigo.
O mércores, ó sair do exame de ruso, fomos ó Templo de Debod beber o LK dun deses illotes e fumar un dos muitos agasallos que troixen de Cicely. Alí, descalza, tirada na herba, vendo caer a noite sobre esa cidade que descoñezo e escoitando unha apaixonada regueifa de citas dos Monty Pyton, vivin o primeiro momento de felicidade real dende que cheguei. E non foi o LK. Foi que vin a portiña da gaiola aberta e saín dun chimpo. Libre, por fin...
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment