Había tempo que non me namoraba así, ata as porcas, con esta obsesión que non me deixa nin pensar nin traballar nin postear nin durmir nin comer nin respirar cando estou lonxe del. Había tempo que non me pasaba e entregueime por completo a esa sensación de dependencia que me tranquiliza tanto, supoño, porque me libera da responsabilidade de tomar decisións. Dediqueille cada minuto, cada segundo, dos últimos tres días. Incluso aqueles nos que estabamos separados. E non llos dediquei porque quixera dedicarllos. Dediqueillos porque non podía facer outra cousa que dedicarllos. Desexando avanzar, ao principio, a cualquera prezo. E luitando contra as ganas de pisar o freo ao final, cando xa vía a luz no cabo do túnel e non podía distinguir se era a luz cálida dun domingo ao mediodía ou a luz fría dun luns pola mañá.
Agora, só me queda un sabor entre acedo e doce no padal.
Non era perfecto, nin sequera era o mellor libro que lin na miña vida, aínda que por momentos pensei que podía chegar a selo. Agora que o noso rematou, non me vai quedar máis remedio que comezar a buscarlle un sustituto. Eso e intentar recordar as derradeiras verbas que me susurou ao oído cada vez que me cague na metade de España que me xea o corazón:
Para los estrategas, para los políticos,
para los historiadores, todo está claro:
hemos perdido la guerra.
Pero humanamente no estoy tan seguro.
Quizá la hemos ganado.
No comments:
Post a Comment