9 Jan 2009

J'Adore



Adoro compartir con Wu doces aquarius e historias. Adoro ver no moble do salón o reflexo da xente que pasea polo valado. De feito, adoro pasear polo valado. Adoro que a praza ula sempre a empanada. Adoro o té Martinique. Adoro que Z. veña petar á miña porta cando lle pasa algo importante. Adoro que E. teña as súas zapatillas debaixo da miña cama. Adoro quedar ao día seguinte con S. e con V. para comentar os detalles escabrosos. Adoro ver unha peli resacosa con anITA. Adoro recibir a chamada post-garda da doutora Fleishman. Adoro estrear os reises co Pikiniño e co Afillao. Adoro que o meu pai me apalice ao tute. Adoro tomar unha caña cos de Amnistía. Adoro o tanqueraiconsprait caseiro. Adoro a música do Riff e, ás veces, a do No e a da Velvet. Adoro facer o idiota e dicir que bailo. Adoro escuitar historias surrealistas. Sobre todo, se son certas. Adoro que P. me encha a cabeza de teatro. Adoro almorzar salgado antes de ir para a cama. Adoro ter o recuncho cheo de pegadas das outras vidas que vivín. Adoro a miña cama, os azulexos do baño e a luz que hai na cociña pola mañá. Adoro o café. E o frío. Adoro conducir por carreteras coñecidas. Adoro estar aquí.

No comments:

Post a Comment