20 May 2009
Dual
Fun círculo up close and personal. Tentando desfacer un nó, tirei do fío que non era e convertinme en liña recta. Recta xenerosa madura perfecta. Quixen ser hipotenusa -apoiarse sempre axuda- pero sentinme paralela. Proxecteime na busca dun punto impropio e sóubenme menos recta menos xenerosa menos madura menos perfecta. Sóubenme covarde. Botei a correr sobre min mésma, contra min mésma, coa esperanza de ser círculo outra vez. Personal, yes. E corrín e corrín e corrín. De verdade que si. Pero só consiguín sentirme como un disco de vinilo. Xirando. Raiada.
Onte foi un mal día, pero hoxe decidín confiar no principio de dualidade, segundo o cal a partir de calquera construción de xeometría proxectiva se pode obter outra distinta só con intercambiar as palabras punto e recta e modificar a relación entre elas. Así, por obra e gracia do teorema dual, os puntos convírtense en rectas, os círculos circunstritos en círculos inscritos, as rectas paralelas en puntos equidistantes e tu e máis eu convertémonos nas figuras amorfas que fan as burbullas de aire no pé dunha copa cristal. Acabouse a carreira e aparecemos conxelados para sempre a dous milímetros de distancia infranqueable. E eu non quero pasar o tempo apampando para esa distancia, non quero converter a miña vida nun what if. Eu o que quero é arrebolarme cunha bici lila polo camiño da felicidade que se esconde no meu armario empotrado.
E alá vou.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment