30 Jun 2005

diane arbus

Dicía Diane Arbus que unha foto é un segredo sobre un segredo... canto máis che di, menos sabes. Dende que saín de Valado City, sempre vivín con médicas ou psicólogas. Ou con aspirantes a médicas e aspirantes a psicólogas. A todas elas lles encantou sempre sicoanalizarme. Supoño que son un obxectivo fácil. A cuestión é que sempre que fago algo que a xente que me rodea non entende, acaban buscando en min trazos sicolóxicos que, lonxe de explicarme, me esconden. Estes días andan as dúas Joel Fleishman coas que vivo alteradísimas buscando sicopatoloxías para min. Léronme un montón de test e fixéronme escoller aquelas cousas coas que me sentise identificada, tralo que concluiron, concluimos, que podo ter tantas patoloxías que o máis probable é que non teña ningunha...

A personalidade obsesivo-compulsiva require alomenos catro das seguintes manifestacións para ser diagnosticada: perfeccionismo, detallismo, esixencia cos demáis, moralismo, indecisión, escrupulosidade, restricción na expresión dos afectos, tacañería, coleccionismo, excesiva dedicación ó trabajo, etcétera.

Ejem, eu non son tacaña.

As persoas cunha personalidade pasivo-agresiva con frecuencia aceptan realizar tarefas que en realidade non desexan facer e despois proceden a minar sutilmente a súa finalización. Ese comportamento xeralmente serve para expresar unha hostilide oculta.

Ejem, eu creo que non son hostil. E, se o son, non o oculto.

Canto máis me din de min mesma, menos sei.

Como as balas

Pareja Bailando _ Botero

Mañá libro. Hai tanto tempo que non libro entre semana que teño unha lista quilométrica de cousas que facer: renovar o DNI (depois de sete meses), devolverlle o libro da Aneiros ó meu titor do CAP, acabar o regalo da Zaira, comprar roupa, cortar o pelo e tentar quedar cos de Amnistía. Teño todo o día, porque ó final decidín coller (outra vez) o bus das doce. Chegarei a Mdd (espero) ás seis e media e terei dúas horas para atravesar a metrópole ata o primeiro obstáculo do primeiro dos meus futuros vivibles. Nin sequera estou moi segura de querer esa beca, pero sei que non quero ser eu quen pecha esa porta. En fin. Tralo exame, atravesarei a metrópole en sentido inverso e volta para a casiña. Jódeme non poder aproveitar máis os leuros da viaxe, pero esta finde hai grandes festas patronais na honra de San Pedro en Ronfe e non podo perderme a procesión, os pasodobres da sesión vermú e o mítico menú a base de fiambre, ensaladilla, lacón e tantas variedades de postre como familias invitadas. Mmm...

28 Jun 2005

Vidas futuribles ou futuros vivibles

ex

Por fin... xa están aquí os vagos e maleantes. Sen tempo non era. A ver se abrimos as ventás de San Caetano e ventilamos aquelo un pouquiño.

weismuller

Búscome e búscote nos admitidos para as probas do sábado. A min mándanme á Mdd. A ti, a Bcn. Será o destino. Ou será que non teño nin espírito nin ganas para nadar en contra da corrente. Perdonarásme?

24 Jun 2005

Vinte cantadas, cabalo na mesa

Unha das cousas que máis me sorprende das películas subtituladas é que os seus protagonistas, a pesares de falar idiomas estranos e vivir en terras remotas, teñen a mesma xestualidade ca nós. Unha enorme muller rusa pasa a man suavemente sobre as sabas para eliminar enrugas imperceptibles despois de doblalas. Un modernísimo rapaz finlandés lambe a culler despois de remexer o café. Unha remilgada rapaza bretona verte a masa do freixó, da crepe, sobre a tixola cun xiro de muñeca mil veces repetido. Un vello avó croata coloca ritualmente as cartas antes de comezar a xogar ás cartas.

tute

Na miña familia, antes de aprender a falar aprendemos a xogar ás cartas. Primeiro, ó cú sucio, para ir identificando os paus. Despois, á escaleira: as, dous, tres, catro, cinco, seis, sete, sota, cabalo e rei, para irnos facendo cos números. Cando temos as infraestructuras domindas, chegan os burros... sós ou con alforxas. E para aprender a sumar, xogamos á birisca e á escoba. Iso si, na miña casa ó tute non xoga calquera. Ou es pai ou es nai ou fixeches o servicio (no seu defecto, pode valer unha carreira universitaria). Senón, miras. A miña familia é ben máis respectuosa cos rituais dos xogos de cartas que cos da Igrexa católica.

Xa teño falado aquí daquel rapaz de ollos incisivos e suspicaces cuxas miradas me entretiñan e me intrigaban nas clases do doutoramento. Boris colabora dende hai anos con café diverso, onde cotilleo o que non puiden averiguar nos seus silencios. Alí descubrín hoxe que na súa casa xogaban á birisca. Chámanlle bríscola, pero ser évos a birisca de toda a vida.

Tranquilízame saber que o mundo non se acaba onde remata a miña mirada.

PD. Resulta que Boris ten un bloj.

23 Jun 2005

Purifiquémonos. Búscome dentro deste caos que proxecto cara ó exterior. Comezo o proceso lavándolle a cara ó meu alter ego cibernético...
Velaí quen gañou finalmente as eleccións.
cadea
Gañamos nós.

22 Jun 2005

Aí vai logo a miña meme-z, para que non digas:

dios

-Os cinco últimos libros que lin (por obriga):
1. Veu visitarme o mar, de Rosa Aneiros. Oira falar del, vino na oficina do meu titor do Cap e despois de pedirllo dábame reparo non acabalo.
2. A televisión en Galicia, de Cendán Fraga. Este e os que seguen linos para traballos ou para a tesina. Lin máis, pero non recordo a orde e tampouco podería dicir cales lería igualmente, aínda que non estivese obrigada. Poño este antes porque é horrible. Pienso de que.
3. La programación de televisión, de Palacio e Contreras. Este está ben.
4. El discurso televisivo, de González Requena. Aburridísimo.
5. Immagined Communities, de Benedict Anderson. Non está mal, ademáis de ser máis ou menos entretido, é un clásico absoluto co que podes ir de guai en calquera guateque organizado por o Gudi Alen de turno.

-Os cinco libros que teño na recámara para o verán:
1. Psicomagia, de Jodorovski. Vin ó autor desconcertar a Tino Santiago hai uns días e cando descubrín o seu libro nos cinco minutos que lle puiden roubar á xornada electoral para pasarme pola feira do libro de Lugo, souben que era un sinal psicomáxico e compreino sen máis.
2. Rebelarse vende, de Andrew Potter e Joseph Heath. Por indicación directa de ciber-gurú.
3. Carta blanca, de Lorenzo Silva. Porque estou nunha etapa totalmente Lorenzo Silva.
4. Cielos de barro, de Dulce Chacón. Porque estou (tamén) nunha etapa totalmente Dulce Chacón.
5. Los cuadernos de don Rigoberto, de Vargas Llosa. Porque é o único libro que atopei de don Mario na casa cando decidín superar a miña fobia á súa persoa política e darlle unha oportunidade ó literato.

-Os cinco que me gustaría contestasen a esta meme-z ben vía bloj ben vía comment:
1. Zaira. É hora de que saias do anonimato.
2. Spider-Paco. Curiosidade.
3. Borja. Simple rebanchismo polo meme-z musical que me mandaches hai uns días.
4. Dot. Cumpra como @ ciber-gurú que é para min.
5. Pinacle. Dime que les e tentarei averiguar quen es.

20 Jun 2005

sicodelia electoral

sicodelia electoral
Este domingo votaron na Mariña 47.469 persoas, o 74,8% do total dos electores censados. O Partido Popular gañou as eleccións autonómicas na comarca, co 47% dos votos (22.348), mentres que PSOE e BNG se repartiron o resto, con 15.762 e 7.937 apoios, respectivamente. Sen embargo, o PP perdeu 2.240 papeletas, que o alonxaron do 53,2% dos votos logrados nos comicios do 2001, e o PSOE gañou 5.185, que o erguen 10,1 puntos porcentuais ata o 33,2%. O Bloque alónxase de populares e socialistas, ó perder 1.462 votos e 3,6 puntos porcentuais.

16 Jun 2005

Agóbianme os gatos que hai pintados na parede do meu cuarto en Cicely. Só de mirar para eles, pónseme un nudo no estómago e teño que enrodelarme sobre min mesma e pechar os ollos para non velos. Odio as súas caras de felicidade, a súa convivencia harmónica cos ratos e os paxaros que, en realidade, acabarán comendo para sobrevivir.

tigreton
Agóbiame sentirme obrigada a facer algo. Nunca o soportei. Agora mesmo non soporto estar obrigada a chamar por milésima vez a wanadoo para tentar evitar que estafe ó meu abuelo, a enviar por cuarta vez unha fotocopia do meu dni á usc para que o grupo de teatro se poda presentar a un concurso, a limpar por enésima vez eu soa o piso ou a vivir entre a merda, a traducir ó castelán notas de prensa inintelixibles e estúpidas, a inventarme entrevistas (que despois firmarei co nome do meu xefe), a facer unha reportaxe "sobre" un tal Israel dentro dunha hora e doce minutos (e si, o seu nome é todo o que sei del), a ir a lugo a fin de semana só para votar porque me denegaron o voto por correo, a escribir unha tesina para a que me documentei durante anos nunha semana e, sobre todo, non soporto estar obrigada a impedir que esta sensación pozoñenta de cansanzo e de derrota salpique ós que están ó meu redor.

Porque sei que é imposible. Sei que cando me agobio se me nota en cada mirada, en cada xesto, en cada palabra. Sei que os que me queren tentan axudarme e que por iso están especialmente pendentes de min e me chaman e me miman e me preguntan que tal estou. E sei que son inxusta cando me sinto agradida polas súas atencións, cando sinto e lles comunico que se comportan dun xeito imperdoablemente egoísta co meu tempo, pretendendo monopolizalo, sentíndose capaces de sanarme coas súas palabras.

Esta mañá, depois de colgarlle o teléfono a unha das tres persoas que me chamaron para preguntarme que tal ía coa tesina, sentinme tan enfadada como inxusta, egoísta e borde... e, aínda por riba, os gatos da parede devolvéronme a mirada de odio. E sóubeno. Que van comer os ratos e os paxaros en canto teñan ocasión. E que non quero joder a tesina.

E non o vou facer. Aí queda outra vez, no caixón, ata mellor ocasión. E non quero que un traballo que non me gusta me ocupe todo o tempo e toda a enerxía. E non quero que amigos de unha e outra índole me fagan sentir culpable por non investir neles todo o que eu son. E non o van facer.

15 Jun 2005

Me quito el cráneo, que diría aquel.
A que isto escribe non é demasiado friqui nin moito menos está desocupada. Ben, algo sí que o estaría o día que empezou a experimentar co blog. Ano e medio despois, moito lle reina saber que hai alguén ao outro lado. E que cada día somos máis. Cadaquén coas súas teimas, opinións, lercheos ou a súa pequena historia que contar. O blogmillo está inzado de pequenas leiras máis ou menos vizosas, propiedade de friquis, de desocupados, de escritores con ínfulas, de escritores sen ínfulas, de poetas do cotián, de cronistas do futuro. Ou moito talento hai aquí ou moito Fertimón lle botaron. No país do minifundio como non ían triunfar os blogs.
María Yáñez

13 Jun 2005

A mariña is different (III)

Mentres uns e outros din a súa, en Cicely a contenda electoral segue os seus propios ritmos. Cada día escribo en dúas ou tres ocasións que O PP de Cervo sae ó paso dalgunha declaración do PSOE comarcal. Tódolos días sen excepción, a miña mesa énchese de comunicados de prensa sbore infraestructras viarias (autovías, corredores, carreteras), apertura de diques industriais ó tráfico xeral, saneamento de augas a gogo, colectores soterrados para todos, Sintrom en tódolos centros de saúde da comarca, inauguracións dobres (ou triples) de residencias, de vivendas sociais e ata de programas europeos e, sobre todo, balseiradas. Balseiro é o candidato irreductible, o único político do universo capaz de dicir dende o hemiciclo municipal que un proxecto auto se financia solo, que o concello é receutor de fondos autonómicos, que o esfaltado dunha estrada depende de que gañe o PP ou que a oposición o deixa parapléjico coas súas declaracións... todo un espectáculo.

10 Jun 2005

rivera
a mariña is different (II)
"Creo que son os datos clarificadores de que o que se montou coa praia da Rapadoira non ten nombre, xa non ten calificativo. Sacarlle a bandeira azul á madre das praias de bandeiras azules, porque a Rapadoira foi a primeira que tuvo bandeira azul no ano 87 interrumpidamente."

7 Jun 2005

absence

Hai hoxe un ano estaba tristísima. Cando recibín a derradeira mensaxe de La Fran no meu móbil, xusto antes de subir ó avión, aínda me sentía capaz de impedir a súa ausencia total na miña vida. Cando escribín o post, unha hora máis tarde, xa non estaba tan segura. Os días seguintes levitei por Barcelona, minimizando a importancia das despedidas. Negándoas incluso. Tentando non pensar que existía a posibilidade de non volver ver a esa xente. Hai anos que descubrín que a cotidianeidade xenera en min unha especie de campo electromagnético que me arrebola cunha forza brutal cara ós que están ó meu carón e me alonxa co mesmo ímpetu dos que viven fóra do meu espacio vital e, sobre todo, do meu tempo vital. O domingo tivemos a derradiera representación (programada) de Nai. Despois, comemos uns pinchos no Candilejas (encantadora, como sempre, a dona do que foi o meu segundo fogar en Compostela... máis cotidianidade perdida nos corredores da memoria). Hai meses que non sei nada de La Fran ou de Javier. Apóstome a min mesma un tanquerai cone esprait a que dentro dun ano sentirei este baleiro e esta culpa por non ter impedido que a cotidianidade borrara da miña vida ós de teatro.

1 Jun 2005

woordward e bernstein.jpg
O secreto que me reconciliaba coa profesión. Nestes días nos que Lidia Lozano pide perdón a Albano por se o mancou coa súa insistente defensa da teoría de que a filla desaparecida segue viva. Nestes días nos que Albano pide cartos a Lidia Lozano, pero non ós programas que puxeron o ventilador a esparcir a merda. Nestes días de maquiavelismo ou walraffismo ou o que sexa nos que se empregan as derradeiras armas xornalísticas para denunciar infidelidades e para azuzar parellas catódicas. Nestes días nos que emprego boa parte do meu tempo tentando facer lexible a propaganda electoral dun partido que detesto. Nestes días nos que teño a sorte de tropezar con algún pedazo da torta de televisiva que aínda non fede e cometo o erro (de principiante) de non apagar o aparato xusto despois. Nestes días nos que Ramoncín, Pilar Rahola e compañía se cren con autoridade para tratar certos temas. Nestes días, entristéceme profundamente que a realidade lle levara todo romanticismo ó secreto que me reconciliaba coa profesión.