No me sorprendo nada de las palabras de mi jefe porque la verdad es un poco animal pero no es mala persona.También es cierto que las conversaciones informales que has tenido con él no deberías haberlas colocado en internet. saludos
Escribín unha resposta rápida, irreflexiva:
mmm... se é un animal non será nin boa ni mala persona...
Pero despois penseime máis. Iso é o que distingue o eu real do eu virtual, supoño. Que (ás veces) penso as cousas antes de premer publicar. Así que cambiei a miña resposta por:
non sei, supoño que haberá situacións vitais nas que as lindes do correcto e do normal se difuminan. non me gusta xulgar as circunstancias alleas, pero ese señor ocupa un cargo moi concreto que fai que a súa maneira de ver o mundo afecte de xeito máis ou menos directo a moita xente. non só ás persoas que traballan ás súas ordes, que tamén. senón, sobre todo, a esas mulleres do rural galego cuxa seguridade depende en derradeira instancia dun tipo que resume a súa existencia nun estar ou non estar coas cabras no monte. tanta ignorancia máncame.
Pero tampouco me convencía. Engadinlle:
ah, e non foi unha conversa informal. foi unha visita formal solicitada formalmente ao subdelegado de goberno para presentar formalmente unha batería de preguntas cuxas respostas esperabamos recibir formalmente nalgún momento.
obviamente, aínda estamos esperando.
Xa me estaba xustificando. E aínda así non me gustaba a resposta. Pensei ignorar o comentario, pero tampouco quería agocharme. Que sentido tería agocharse? Au contraire, pensei eu toda estupenda e toda políglota, vou expoñer ata os detalles máis insignificantes, ata os ciclos de tecleo compulsivo, dúbida, delete compulsivo, dúbida... Porque a cuestión non é se eu respecto ou non a postura de jmb con respecto ao seu xefe. Porque non sei se admirar esa crítica sutil, case paternalista, que (vendo o foro da Unión de Oficiais intúo) pode ser un signo de valentía pero que tamén é claramente insuficiente. Porque a cuestión é, simplemente, que tío o que está ao mando da garda civil na provincia de Lugo é un machista e un retrógrado cunhas ideas incompatibles co exercicio das súas obrigas. E punto.
No comments:
Post a Comment