1 Mar 2010

De tristezas culpables e fendas enormes



O sábado 27 de febreiro ás 06:34:17 (UTC), 03:34:17 hora local, o centro-sur de Chile sufriu un terremoto de magnitude 8,8 MW. Un terremoto 900 veces máis intenso que o de Haití. 900 veces. 900!

Eu sei que o país está todo o preparado que pode estar. Sei que a densidade de poboación non é moi alta, que a xente sen recursos vive en casas de pranta baixa e que os edificios novos se publicitan como "resistentes a los sismos". Sei dos carteliños que hai por todas partes. Sei que a xente sabe o que ten que facer. A xente en Chile nace sabendo que calquera día, a calquera hora, entre os temblores habituais, chega o Gran Terremoto y se va todo a la chucha. E sei, tamén, que as vidas humanas valen o mesmo nun sitio que noutro. Dígome a min mesma que non é xusto que me doian tantísimo estas 720 mortes*. Que non está ben que me doian máis que aquelas 150.000.

E xa non é que non estea ben, é que está fatal. Pero é así. Levo 48 horas chamando a móbiles que non van, dándolle ao F5 en todas as miñas contas de correo, no FB, no twitter. Levo 48 horas descontando amigos deses 720. Cada "estamos todos ok" éncheme de osíxeno os pulmóns. E cada hora que pasa agudiza o medo polas mensaxes que non chegan. Polos móbiles que seguen sen respostar.

E penso que non teño dereito a estar tan triste, tan melancólica, tan rabiosa. A quen lle importa que a cama na que me levantei a miña primeira noite en Chile, a fiestra desde a que mirei o Pacífico por primeira vez e manta de punto de miña mai que lle regalei á miña afillada putativa desapareceran debaixo dos escombros? Que máis da que unha das persoas ás que máis quero no mundo e a súa familia escaparan de milagro? O caso é que escaparon, que poden seguir coa súa vida... ou inventar unha nova.

O caso, dígome a min mesma, non é descontar coñecidos deses 720. O caso é que entre 150.000 e 720 hai unha fenda tan abrumadora que parece irreal. Unha fenda de xente que ten amigos que non os puideron descontar. Xente que morreu e punto final. E non por culpa dunha natureza caprichosa e ingobernable, non. Despois disto queda aínda máis claro que toda esa xente morreu por outra causa.

__
* Sei que ese 720 non é definitivo, pero é que o 150.000 tampouco o foi.
Tampouco o é.
**Non todo é bon en Chile, obviamente. Xa o veredes, se escuitades un momento a tele (a que insertei é a Televisión Nacional de Chile) ou vos dades unha voltiña por outros medios locais (esta web pode ser un bo punto de partida).
***E sobre o do exército, o toque de queda e o sacrosanto dereito á propiedade privada prefiro nin pronunciarme.

5 comments:

  1. Ei guapa... comparto plenamente la reflexión... hace unos meses, y a propósito del terremoto de Haití, leí una frase que se me quedó en la cabeza durante días: "la pobreza atrae al desastre". En realidad me resitía a creer que efectivamente fuera así, así de injusto... Y ahora, si te digo la verdad no he concluído lo contrario, pero sí se me han confirmado parte de otras sospechas. Aunque, entre tú y yo, tampoco me hacía falta confirmación... Y eso sí me jode que sea así.

    ReplyDelete
  2. É humano querer a quen se quere. Ánimo. A tod@s.

    ReplyDelete
  3. onte, miña amiga que vive en santiago, por fin tivo noticias da sua filla desaparecida noutra cidade... foron moitísimas horas de angustia.
    enténdote.

    ReplyDelete
  4. Bárbara, ahora estoy que muerdo con lo de lo del ejército... que mal lo van a pasar algunas personas, joder. Para mucha gente ahora empieza lo peor.

    Bicos para as tres.

    ReplyDelete
  5. Non creo q sexa q che doan máis esos 720 mortos... creo q che afectan máis. É como cando che doe unha moa ou o un dedo.. a intensidade da dor pode ser a misma, pero sintes máis a da moa pq. está máis "cerca". Bueno, non sei, igual é unha tontería o q digo... pero creo q é normal q che afecte máis o de Chile, entre outras cousas por todos esos amigos aos q tiveches que poñer "ok".

    ReplyDelete