28 Mar 2010
Tamén en Lugo
España é o único país europeo onde a prensa formal publica anuncios de prostitución. Obviamente, este tipo de publicidade repórtalles aos medios (serios ou non) importantes beneficios. Nun día laborable, El País publica 702 destes anuncios, El Mundo 672, ABC 225 e 91 La Razón. El País ingresa arredor dos 5 cinco millóns de euros anuais deste xeito*. O da prostitución é un negocio lucrativo e un pastel tan grande dá para repartir. Tamén en Lugo. Entre agosto e setembro de 2009, El Progreso publicou unha media de 70 anuncios diarios sobre prostitución e La Voz de Galicia 230 (dos cales uns 12 eran relativos á provincia de Lugo).**
O Foro de Participación cidadá en materia de igualdade do Concello de Lugo ven de pedirlles formalmente a El Progreso e a La Voz que "no marco dos seus códigos deontolóxicos consideren a renuncia á publicidade relacionada co comercio sexual para impedir o negocio das organizacións mafiosas”. Ata agora, só Público, 20 Minutos, Avui e La Gaceta de los Negocios renunciaron ao seu pedazo do pastel.
___
*Segundo datos recollidos na “Ponencia sobre la prostitución en nuestro país”, elaborada pola Comisión Mixta dos Dereitos da Muller e da Igualdade de Oportunidades do Congreso e do Senado. Ademais, participar do negocio tampouco impide criticalo. Sonado foi o caso das amplas reportaxes sobre prostitución que publicou El País en 2009.
**Segundo recolle a Carta dirixida aos medios de comunicación do Foro de Participación cidadá en materia de igualdade do Concello de Lugo que podedes descargar aquí.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment