24 Feb 2005
Por se alguén tiña dúbidas... eu podo asegurar e aseguro que xenético non é, a este non hai quen lle quite o aspirador das mans. Aínda que... estou pensando que na lavadora nunca lle deu por fuchicar.
O noso é puro teatro
Levo toda a semana de ensaio en ensaio e tiro porque me toca. Entre iso, arregla-los meus desencontros coa administración pública e prepara-la unidade didáctica para as prácticas, o informe para o obradoiro do fin de semana (Amnistía lévame again á capital-del-reino) e o traballo para o CAP de mañá acabaron coa pouca vida social que me quedaba.
Por se fora pouco co estrés vital que me caracteriza, o primaveral sol santiagués non era tal e o venres pasado pillei un catarro de agárrate que hai curva. Toda a fin de semana na cama, con couldinas e efferalgans e auga de limón a tutiplén. Ademáis de para durmir e sudar, o finde deume para ensaiar o sábado e o domingo (pero que durírma é a vida do artista, oes), para ler El País do domingo, para votar (in extremis) e para ver un par de pelis malas e unha moi boa. Como lle dixen a alguén en pleno subidón de paracetamol "paso de Clint, paso de Keanu e paso da vida real que non son máis que números verdes caendo, pero que viva Charlie Kaufman e o seu cráneo previlegiado."
O cumio social da semana foi a primeira reunión co titor das prácticas do CAP o luns á hora do recreo (as once e cuarto, de cheo na primeira resaca de codeína do día). Que mítica a entrada do instituto... os mesmos cadros, os mesmos mobles, o mesmo profesorado. Sentinme minguar por momentos e cando din chegado á porta da sala de profesores xa tiña outra vez quince anos. Despois dun vergoñento incidente cun (encantador) ex-profe de matemáticas, por fin din falado co que fora o meu profe de literatura galega en COU, aquel ante quen coa apaixoada inocencia que da a ignorancia defendín a teoría de que robles e carballos eran árbores diferentes... teoría baseada no feito irrebatible de que na miña casa hai un roble e tres carballos. Gracias ó ceo el dixo recordarme vagamente (a min dame a impresión de que non me recordaba en absoluto) e a conversa foi máis ben un monólogo sumamente xeneroso cos meus intereses: "ti non te agobies, fas as clases que queiras, para o curso que queiras, sobre o tema que queiras... como se non queres facer ningunha". Concordamos que preparara unhas seis horas de clase para un grupo de diversificación curricular de 3º da ESO sobre os medios de comunicación de masas e, en máis en concreto, sobre a prensa escrita. Se se me da moi mal, podo fuxir cando queira e se se me da moi ben podo quedar ata que canse... mellor, imposible.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment