1 Mar 2005



Fin de semana de rat race. O venres, cheguei do Cap co tempo xusto para remata-lo informe que lles debía ós de Amnistía, ducharme ás presas e sair pitando cara á estación de autobuses. Outro día falaremos dese niño de freaks que é a estación luguesa.

O bus saía (e saiu) á medianoite. Unha carraca vella coetánea dos Freires que paran dúas veces en cada casa entre Lugo e Santiago. O conductor era un pouco cabrón e, ademáis de acelerar e frear con certa brusquedade e moita máis frecuencia da imprescindible, prendía as luces cada pouco, supoño que para comprobar que non durmíamos. Non debiamos resultar convincentes, porque ás catro e media da mañá tivo a ben facernos baixar do bus no medio e medio da (branca) castela porque el tiña que ir repostar. Cando chegamos a la-capi xa me cagara unhas cantas veces nos seus mortos, pero para rematala non nos deixou baixar en Atocha porque a miña mochila estaba no compartimento da Estación Sur. Alá que nos fomos, para despois coller un taxi ata Atocha. En fin.

O taxista foi do mellor da viaxe, cos seus comentarios dignos dun artigo de Elvira Lindo: "Uy, fíjate como vaaaan... bolingash perdíosh. Yo esh paso mil de hacerme losh bolingash. Yo con mish estaciooonesh, mi aeropuerto, mish trabajadoresh madrugadoresh eshtoy de vicio. De bolingash, ná." Para desgracia do pobre home, cando baixamos nós subiron dúas orientais e un occidental moi riseiros que non tiñan pinta de ir deixar pasa-la oportunidade.

Nós fomos leva-las cousas ó hostal, compra-lo xornal e almorzar na única cafetería que atopamos aberta a esas horas, o horrible Caffé di Roma. O bon foi que tivemos espectáculo: tres tunos ligando cunhas orientais bastante cocidas, unha panda de tíos e unha de tías tentando salva-la noite no último momento e a actuación a catro bandas do facha capitalino, o trío de mafiosos gregos, os camareiros sudamericanos e o madrileño progre. Impagable.

Cando rematou a diversión, fomos dar unha volta para facer tempo ata a primeira reunión. O obradoiro foi no edificio do consello da xuventude e a sala onde estivemos toda a finde pechados estaba chea de posters do Referendum Plus de marras. Case toleo, dúas noites sen durmir, unha viaxe horrenda en bus e oito horas seguidas vendo a publicidade da "bebida que che cambiará a vida"...

O corpo non deu máis de si e tralo paseo vespertino, as cañas e as tapas, caín rendonda na camiña do hostal, cando oín o móbil ó día seguinte pensei que non podía ser que xa se me acabara a noite. Máis Referendum Plus, máis cañas, máis tapas, máis paseo e para o bus de volta.

A viaxe do domingo foi infinitamente máis agradable, un par de películas pasables (¿alguén sabe se Filmax pactou con Alsa a emisión de cine europeo nos seus buses?) e unha conducción amable e delicada. A gloria.

No comments:

Post a Comment