Xa vos dixera que Armental se ía de au pair á urbe, verdade? Hai xa máis dun mes que está alí. Como pasa de internete, mantemos un (exiguo) contacto a base de cutre-mensas pola miña banda e de xenerosas chamadas pola súa. A primeira vez que falamos, hai xa tempo, só nos deu para que me describira a familia: matrimonio novo, con traballos de elite e cartos a manchea, dous fillos pequenos (unha rapaza algo teixo e un neno riquiño e tranquilo) e unha longa e católica familia de inmigrantes portugueses. O traballo non a mataba, as comodidades eran moitas (plasma, satélite, coche) e a xefa tratábaa de luxo (conversas, ceas, paseos turísticos). Levaba unha fin de semana aló e parecía que pasaran vinte anos... tan introducida no ambiente como desilusionada con respecto á cara aventureira da viaxe. Quedei medio preocupada.
O luns á unha e media da mañá chamoume outra vez, peneque perdida de viño e de brandy (dos caros). Leson-namber-guan: así, amig@s, é como se enchen os ricos. Líbreme dios de xulga las cheas alleas, pero curiosa si que son, así que tiven que preguntarlle por que arrastraba a lingua unha emigrante currante un luns a media noite. A resposta acabou coas miñas preocupacións sobre a súa capacidade para esquiva-las aventuras. Parece ser que o feliz matrimonio británico-luso de clase alta non era tan feliz. Parece ser que o marido tivo un par de pares de experiencias extra-matrimoniais, ademáis dun intento fallido coa anterior au pair. Parece ser que o tipo en cuestión é un atractivo cabronazo de corenta e pico que sente unha certa debilidade polas latinas novas, "cunha figura máis bonita cá da miña muller". Parece ser que se foi da casa, que lle preguntou á muller se lle podía seguir levando a roupa para pasarlle o ferro, que chamou a Armental ó mobil ó diga seguinte para preguntarlle se, non agora, of course, pero dentro dun mes, sairía con el. Parece ser que Armental dixo "maybe". Parece ser que unhas horas máis tarde, mentres axudaba á súa xefa e amiga a empurra-las mágoas gorxa abaixo con viño e con brandy (dos caros), Armental non podía entender que tipo de enaxenación mental a levara a pronunciar aquela enganosa palabra; ela nunca xamais se liaría con el... fixo... case fixo... quere crer. Leson-namber-tu: a aventura non está en kenia, está aí fora.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment