17 Mar 2005


Un patio de butacas ás escuras e un escenario a medio iluminar que se intuía inusualmente amplo marcaron a primeira diferencia. Chiscándolle o ollo a Meyerhold, a Aula de Teatro Universitaria de Ourense (Maricastaña) decidiu amosarlles ós espectadores o artificio teatral. Sen telón que erguer nin baixar nin buracos laterais nos que acocharse, catorce actores quentan a voz e o corpo entre sombras mentres o público se acomoda. Como un mago que se arrisca a face-los seus xogos nas distancias curtas a pesares de ser consciente de que a atención da audiencia estará especialmente adicada a atopa-lo truco, Maricastaña arriscouse onte a competir pola atención do público co xogo de luces, cos cambios de vestiario e mesmo coa "porquería" que, segundo asegura Fernando Dacosta, "sempre hai nos teatros galegos".

Frankenstein é a segunda parte da triloxía do monstro que Maricastaña comezou o ano pasado con TOTEM, versión de Fernando Dacosta de O Señor das Moscas de William Golding. "Esta vez queriamos falar do monstro que levamos dentro", asegura Dacosta, "un mostro capaz de feri-lo próximo". O traballo comezou en Novembro de 2004, cando os integrantes do grupo comezaron a documentarse e a "xogar" con distintos momentos da novela de Mary Shelly. Fixeron unha escolla das pasaxes esenciais e apropiáronse da obra achegándolle un intre circense que deixase respira-la traxedia e un certo anticlericalismo que nos empatizase co monstro que, coma nós, tan pronto implora perante o seu creador como blasfema na súa contra.

O resultado deste proceso creativo é unha peza teatral dunhas dúas horas de duración que lle volve a honra a un termo tan denostado como é o de espectáculo. Un verdadeiro alarde de maxia teatral que atrae irremediablemente a atención do público cara a uns actores sobresaíntes que o emocionan e que o levan despois a reflexionar sobre a propia natureza do home, sobre o abandono ó que nos condeou un creador que se supón bo e xeneroso, sobre o feito de que á morte, amigos e amigas, hai que ganarlle a golpes de vida...

Estaba todo ante nós e aínda así non fomos capaces de descubri-lo truco.

No comments:

Post a Comment