30 Mar 2005



Northern Exposure
A vida ten os seus ritmos. Supoño que é a confluencia destes ritmos cos nosos propios a que finalmente marca o noso paso. Eu teño corrido sobre as agullas do reló ata chegar practicamente á extenuación. E teño tamén visto como os segundos se converten en minutos e os minutos en horas perante os meus impotentes ollos. Barcelona supuxo para min o ralentí definitivo, a detención total do paso do tempo. Alomenos, do meu tempo vital. Escapei dalí para recarga-las baterías, consciente de que precisaba os xogos (e as enchentas e as conversas) cos amigos e as gabanzas e/ou críticas feroces da familia... Do que non tiña nin idea era do ben que me ía facer atoparme cun grupo de afinidades desafinadas como o de Teatro e (sobre todo) cun grupo ante o que poder presenta-la rendición total, o de Amnistía... O deceseis de marzo saín de contas, levo nove meses reconstruindome e nove días durmindo mal, consciente de que a fin do ciclo estaba á volta da esquina. Quizais é por iso que me pillou tan tranquila, tan de volta de todo. Como diría aqueloutra, "veu visitarme o mar". Mañá saio para Cicely, xa vos manterei informados.

No comments:

Post a Comment