Xa vos dixera que Armental se ía de
au pair á
urbe, verdade? Hai xa máis dun mes que está alí. Como pasa de internete, mantemos un (exiguo) contacto a base de cutre-mensas pola miña banda e de xenerosas chamadas pola súa. A primeira vez que falamos, hai xa tempo, só nos deu para que me describira a familia: matrimonio novo, con traballos de elite e cartos a manchea, dous fillos pequenos (unha rapaza algo teixo e un neno riquiño e tranquilo) e unha longa e católica familia de inmigrantes portugueses. O traballo non a mataba, as comodidades eran moitas (plasma, satélite, coche) e a
xefa tratábaa de luxo (conversas, ceas, paseos turísticos). Levaba unha fin de semana aló e parecía que pasaran vinte anos... tan introducida no ambiente como desilusionada con respecto á cara aventureira da viaxe. Quedei medio preocupada.
O luns á unha e media da mañá chamoume outra vez, peneque perdida de viño e de brandy (dos caros). Leson-namber-guan: así, amig@s, é como se enchen os ricos.
Líbreme dios de xulga las cheas alleas, pero curiosa si que son, así que tiven que preguntarlle por que arrastraba a lingua unha emigrante currante un luns a media noite. A resposta acabou coas miñas preocupacións sobre a súa capacidade para esquiva-las aventuras. Parece ser que o feliz matrimonio británico-luso de clase alta non era tan feliz. Parece ser que o marido tivo un par de pares de experiencias extra-matrimoniais, ademáis dun intento fallido coa anterior
au pair. Parece ser que o tipo en cuestión é un atractivo cabronazo de corenta e pico que sente unha certa debilidade polas latinas novas, "cunha figura máis bonita cá da miña muller". Parece ser que se foi da casa, que lle preguntou á muller se lle podía seguir levando a roupa para pasarlle o ferro, que chamou a Armental ó mobil ó diga seguinte para preguntarlle se, non agora,
of course, pero dentro dun mes, sairía con el. Parece ser que Armental dixo "
maybe". Parece ser que unhas horas máis tarde, mentres axudaba á súa xefa e amiga a empurra-las mágoas gorxa abaixo con viño e con brandy (dos caros), Armental non podía entender que tipo de enaxenación mental a levara a pronunciar aquela enganosa palabra; ela nunca xamais se liaría con el... fixo... case fixo... quere crer. Leson-namber-tu: a aventura non está en kenia, está aí fora.