10 Aug 2005

Pois ao final vai ser certo eso de que nos merecemos as políticas que temos.
Quen nolo ía dicir hai uns mesiños...

Táboas e Díaz Pardo por Antonio López para A Mariña

Táboas salienta en Sargadelos o seu compromiso coa sostenibilidade
A clausura das xornadas de deseño foi o seu primeiro acto público como conselleira

A conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, salientou onte en Sargadelos o seu compromiso coa sostenibilidade, entendida como "consumir para vivir sen hipotecar o territorio para os que virán".
Táboas pechou así as xornadas sobre deseño territorial, arquitectura e deseño industrial que se desenvolveron onte e antonte na fábrica de cerámica. Táboas fora invitada hai tempo, en calidade de decana do colexio de arquitectos de Galicia, a presidir as xornadas, pero o seu nomeamento fixo que só puidera participar no acto de clausura. Teresa Táboas asegurou que para ela era "moi emotivo" que o seu primeiro acto como conselleira fora "nun seminario organizado por Isaac Díaz Pardo".
A responsable de Vivenda e Solo dixo que "no século vinteún queremos vivir nun pasado que xa non existe" e afirmou que, pola contra, "temos que pensar un futuro que pase por criterios de sostenibilidade, porque senón, en 30 anos, non poderemos xerar os recursos que necesitamos para sobrevivir". Neste sentido, a conselleira aboga por "cambiar os hábitos de consumo" e "pensar globalmente para actuar localmente".
"A utopía non a alcanzaremos nunca, pero intentalo fainos camiñar", concluiu Teresa Táboas. E de utopías falouse, e moito, nas xornadas de deseño de Sargadelos, segundo explicou Ramón Villares, pero "de utopías que parten dunha realidade que non nos gusta".
A presenza de dous conselleiros —ademáis da propia Táboas, o titular de Presidencia, Méndez Romeu, asistiu a título persoal á conferencia de Caramellino sobre o planeamento agrícola do sur de Milán— dotou as xornadas dunha certa solemninade. De feito, Villares tivo dúas referencias para Teresa Táboas na súa exposición das conclusións das xornadas, respecto da necesidade de "ter unha posición máis crítica sobre o mercado" e de "afrontar a nosa relación co territorio dun modo ordeado e integrado".
As xornadas para debater "o que nos agarda", en palabras do propio Isaac Díaz Pardo, concluíron así coa entrega do relevo da utopía do desenvolvemento sostible á nova responsable autonómica de Vivenda e Solo.

No comments:

Post a Comment