15 Mar 2009

Notas necrolóxicas

Enfróntome ao sentido do deber e á culpa cambiando os reflexos do espello compostelán por unha fin de semana na aldea. Levo comigo a Xesús Fraga, para ver se o seu sentido do humor desganado e retranqueiro me axuda a sorrir mentres recollo os restos da batalla. Sinto que me mira sen mirarme cando reprimo as ganas de abrazalo, de abrazala. Réñeme. Non hai que ser covardicas, dime, non hai que esconder os abrazos. Eu baixo a mirada e disfrazo a culpa cun sorriso parvo.



Prendo a radio e deixo, de fondo, as notas de Monforte. Séntoo ao meu lado, debaixo das mazairas, e pídolle que me fale de Tony e de Álvaro mentres o pikiniño xoga a ser pekeno. Mírame coa miña mirada revirada, convídame a un xelado e cóntame de Untia e de Londres mentres lambemos cobizosos nos dedos as faragullas de chocolate. Fálame de Joseph e de Ian. De Román, de Pablo e de Norberto. Apréndeme a ler graffittis. Ponme deberes musicais. Penso que eu preferiría mil veces ser Vitoria a ser Lucía, pero non llo digo. Tampouco lle digo que non hai polvos da vida, como tampouco non hai amores da vida. Sobre todo desde que os botas. Desde que os tés. Intrígame por qué escapou de Sarah e de Nadine e, en vez de preguntarllo, quéixome porque non entende o conflito lingüístico que tanta dor me causou. Mírame as pencas e as zapatillas de cadros, louba o meu castrapo monolingüe e lévame da man correr darredor do seu estanque.
Se queres
, dime, xogamos a Robín e Marián.
Eu ben sei que o papel xa está dado, pero déixome levar.

No comments:

Post a Comment