Chegarían a quererse algunha vez? Dende pequena, sempre tiven a impresión de que se odian. Non se miran, non se tocan e non se falan se non é a berros. Teñen oito fillos, algo de intimidade deberon ter. Sen embargo, ó velos parece imposible que algún día se desexasen. Hoxe, ceando todos na cociña, el dixo mentres fitaba para min con picardía "o home ese a min ni me mirou, pero a ela abrazoucha con todo o corpo, pensei que quedaba sen ela". Ela sorriu.
Levo tanto tempo dicindolles ós demais que me encantaría perde-lo control que pouco máis e acabo créndoo. Menos mal que apareceron eles: divertidos, atractivos, enxeñosos e incriblemente prepotentes. Agora xa sei que son incapaz de solta-lo timón. Se me intimidas, eu paso.
Alégrome de que nos ragharamos ó final co do casting de Gran Hermano. Se chego a estar aí dentro, ou me lio a hostias con todos ou me tiro no chan do confesionario en posición fetal a chorar mentres repito insistentemente "yo soy mejor que todo esto".
A compañeira de piso de miña curmá cambia comunicación audiovisual por filoloxía inglesa para non vivir lonxe do mozo. Canto lle durará o mozo? E a carreira?
Quixen recuperar do pasado un relato en forma de e-mail que lle mandara hai anos a un amigo que tiña ideas tan xeniais como a de cambiar "un recordo da infancia en quince liñas" por "unha fábula marabillosa de corpos etéreos que traballan no circo". Non atopei nin o un nin o outro. Eso era o bon que tiñan as cartas, non se perdían nos discos duros. Estos días penso moito naquel recordo, nas nubes de fume que facía meu tío cos ducados mentres falaba con meu pai na cociña da aldea. Nós, meu irmán e máis eu, poñiamo-los pés no tiro, cruzabamo-los brazos sobre o mármore quente e deixabamos que a cabeza "descansase" sobre eles mentres escoitabamos aquelas conversas eternas, indescifrables, apaixonantes e apaixonadas... Quedar durmido o primeiro era unha derrota imposible de asumir (como todas), así que eu sempre tentaba concentrarme nas nubes de fume, inventaba unha historia para cada unha e así ía enganando o sono. Eran historias de vacas con mamite, de pozos que non botan auga, de veciños que moven os lindeiros e de avoas incapaces de recorda-los nomes dos netos... Anos máis tarde tirei rolos e rolos tentando fotografa-la miña infancia no fume dun cigarro. Non fun quen. Agora sinto que me persigue o cheiro do ducados: onte nun concerto, hai uns días nun bar e hoxe nun ascensor.
6 Oct 2004
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment