Antes, nas noites sanfroilaneiras sufría en silencio as inclemencias do papel de anfitriona. Viñan os amigos de Sarria, os de Santiago, os da Coruña, os de allende la meseta; viñan os amigos dos meus amigos; viñan meus tíos, primos e demais familia; viñan os tíos, primos e demais familia de cada un dos grupos anteriormente mencionados... e con todos eles había que quedar nalgún bat-momento nalgún bat-lugar. Ás doce en San Pedro cuns que só aparecen para dicirche que pasan de ir a viños, así que mellor que quedemos ás dúas en Santa María; ás doce e media na Souto con outros, que queren ir ás barracas, nós non podemos porque temos que estar á unha na chupitería, que quedamos cos amigos dos primos de non sei quen, e xa non chegamos, así que quedamos ás tres na praza da Soidade. Ás veces pasaba que os que non chegaban eran eles, eu estiven unha vez unha hora sentada na fonte da praza do Campo esperando por un amigo que (segundo me informou despois) estaba durmindo a mona nun portal da avenida de Madrid. De feito, agora que o penso, nese mesmo momento debín ve-la luz: unha goza moito máis das visitas cando lles da (e se da) liberdade total de movemento.
Unha vez superados os reparos morais ó incumprimento das obrigas da perfecta anfitriona, o único problema é a supervivencia. Se a fin de semana pasada foi espectacular, esta non podía comezar mellor. Inaugurámola onte Armental e mais eu cunha inesperada noite de ribeiros, tumbadioses e mojitos. Como manda a tradición. Hoxe haberá que ir proba-lo polbo(nunca me afarei a esta palabra) e, coa venia do gafe borjiano, algunha desas delicatessen masculinas que andan por valado city nestes días de fiesta jorlgorrio. Mmm.
Nota para Belta.- Perde coidado, que todo parece indicar que recuperei a miña líbido. Para min que son os aires da terra. Por certo, cando vides? Esperámosvos cos brazos abertos e coa rota trazada para maximiza-las visións apolíneas. Iso si, o sábado Armental vai render pleitesía ó Carballiño, así que se preferide-lo lote completo case mellor vide o luns baila-la samba da bahía cun marabilloso mojito lugués nas mans.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment