19 Oct 2004
Había tanto tempo que non viaxaba... As viaxes, sobre todo en transportes públicos, son unha auténtica chamada á reflexión. Seis horas sentada entre unha fiestra (1) e un pintador de estradas profesional dan para unha profunda revisión da aplicación actual dos preceptos da filosofía clásica.
Conste que o pintador de estradas era un home encantador, que encaixou como puido a súa inmensidade no seu asiento para poder baixa-lo repousa-brazos que marcaba o meu territorio. Díxenlle que non importaba, que podíamos redimensiona-lo espacio, que para os dous ben chegaba e riuse. Da igual, ehtoy acohtumbrao. Despois foime explicando as fases da viaxe: primero noh paramoh en la bañeza pa tomar argo, dehpueh noh ponen una peli, dehpueh te dejan un ratillo sin ná y ar finá te ponen otra pa que acabe juhto cuando llegamoh a madrí. nosotroh lah pelih ya lah hemoh vihto toas, que lah repiten mah que la hohtia. Pregunteille que facía logo en Galicia, para ter que ir e vir a Madrid tódalas fines de semana e foi cando se produciu a revelación total: ehtamoh pintando la autopihta de coruña a santiago. Levan meses pintándoa (xa acabaron o traxecto santiago-coruña, agora están co courña-santiago) porque se chove ou hai néboa non poden traballar. Eu alucinaba, non pensei que fora un campo tan "especializado" como para que non houbera xente capacitada en Galicia. Eh que pintamoh todah lah de ehpaña, todah. Yo llevo 35 añoh trabajando en ehto, en Galicia ya hehtao variah veceh. La gente eh mu maja, pero a mi no me guhta mucho trabajah aquí, porque eh mu peligroso, son mu animaleh conduciendo, nadie hace caso de loh avisoh de obra y dehpueh pasa lo que pasa. En la autovía orense-vigo, que también la hice yo, se cargaron a un compañero que ehtaba en la mediana. Ni que fuera a por él el pedazo animal. Quedou calado, mirando cara a ningures e eu non souben que dicir. Pensei na de veces que se me enche a boca co prudentísima que son conducindo e fixen conta mental da de veces que dupliquei a velocidade obrigatoria "por obra". Que vergonza.
Despois de ler El jueves (2), de conversar un cacho co pintador de autoestradas, de ver The Gift e Mothman la profecía e de toconear contra a fiestra nun par de ocasións, por fin chegamos a Madrí. Gustoume o ambiente (era venres pola noite e entramos por Moncloa, o ambiente era basicamente botellonero) e os letreiros de negocios imposibles recordáronme que houbo un tempo no que me apaixonaba pasear por Barcelona fichando tendas de cordós dos zapatos, prestamistas de obxectos informáticos e croqueterías. Cando e por que deixaría de verlle o encanto á vida urbana?
Véñenme buscar miña prima e o seu flamante/recente marido. Fan tan boa parella que case dan ganas de probar. Teñen unha casa xenial, moi curriña, pequena pero ben aproveitada e con toda clase de comodidades para o spare time: PS II, vídeo, dvd, unha tele do tamaño do continente asiático, cable (unha chea de canles e unha conexión a interné que os prové de pelis que aínda non se estrenaron nestes lares), tantos cedeses que non sabería por onde empeza-lo pirateo e, last but not least, un moble bar excelenteme surtido. Como lles dixen a eles, se eu tivera unha casa así ía manda-la vida social ó carallo. Motivo demáis para non tela, ademáis do voto de pobreza.
A primeira noite pedimos comida china e puxemos (e comentamos) un programa de vídeos musicais clásicos... unhas risas; acabamos vendo Diario de un skin (a reportaxe) ás catro da mañá a golpe de llintoni. Obviamente, ó día seguinte non me levantei ás oito como estaba previsto senón ás nove e cuarto e de puta casualidade.
Aínda así, cheguei a unha hora decente á sede de UXT na que, por certo, ata os baños son vermellos (3). Non fun persoa ata o café da media mañá, no que tamén lle botei un ollo ás edicións capitalinas dos xornais; quedeime coa reportaxe do suplemento madrileño de El Mundo sobre o gañador do campionato mundial de Monopoly (4). Despois, voltamos ó taller e discutimos todo o discutible sobre xénero, discriminación e violencia... o cal me encheu de dúbidas aínda non resoltas coas que non tardarei en abrasarvos.
A ralladura foi tal que apenas puiden goza-la viaxe de volta en metro (7), excelente campo de estudio antropolóxico (9) que, por certo, o domingo pola mañá estaba deserto (8). Cando cheguei á casa, ás nove e pico, estaba cansa e filosofadora (5), difícil combinación para un sábado pola noite. Ós meus anfitrións tampouco lles apetecía botarse ós bares (6), así que quedamos na casa comendo pipas e vendo a tele.
O domingo, tralo taller, deunos tempo a dar unha voltiña por Malasaña, a comer (10) nun árabe xenial (palabra de non devota) e a tomar unha caña no bar no que as tomaba Pi i Margall (11). Tras unha fin de semana marabillosa, o atasco da M30 (xogaba o Atlético) que case me deixa en terra veume recordar os contras das cidades con croquetería.
Obviamente antes de sair da cidade (12) xa estaba durmida, pero unha hora e pico máis tarde espertoume un móbil (somos xa incapaces de vivir seis horas en eles?) e non puiden volver colle-lo sono. Unha pena, porque a oferta fílmica non resultou moi variada e volveron poñer The Gift (creo que podería recita-los diálogos de memoria) que, sen os comentarios do pintador de autovías, resultou ser bastante aburrida. Así que a escapada acabou máis ou menos como empezara, escoitando clásicos entre unha fiestra e un descoñecido.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment