29 Mar 2008



Edito un (fermoso) itinerario histórico musical por Valado City coas cuecas que me regalou La-Fran e que lle encantan a miña nai de fondo. Mentres, a impresora cuspe o programa da delegación galega na feira de Boloña. Ando a mil. Teño a maleta sen facer, dous textos por corrixir e unha conferencia ás oito da tarde que me leva a vida. E á que non vou poder ir. Recibo simultaneamente unha chamada dos de Cicely, inesperada inintencionada e divertidísima, e unha mensaxe da nosa flor londinense. Sinto a ausencia das outras vidas que vivín no mesmo músculo no que me proe a ilusión desta que comeza.

Mañá marcho uns días a Italia, pero estou máis aquí ca nunca.

26 Mar 2008

Árbores que atrapan historias V



Esta árbore en flor que atopamos o outro día Eva Luna, anITA e máis eu en Bonaval contounos a coñecida historia das tres emigrantes retornadas que sobreviviron a dous invernos seguidos.

Que si, que si, que é posible.

Eso si, disque estas confiadas fermosas intelixentes e sorrintes mozotas chegaron alasando á súa primeira primavera en dous anos e que, cansas como estaban, non daban reunido forzas para luitar co vento cando as sorprendía a chuvia. Luitar luitaban, pero, claro, tampouco non podían evitar xogar coa idea de renderse. Ata que chegaba onda elas un raio de amable sol tendéndolles a man... Vide, vide, que hai muito que non nos vemos... E, cando ían, o sol traidor desaparecía con gran pericia, deixándoas a flanco descuberto diante da saraiba. A idea de renderse ocupábao todo cando, ao límite das súas forzas, as cada vez menos confiadas fermosas intelixentes e dende logo menos sorrintes mozotas corrían cara ao refuxio máis cercano para lamber as súas feridas. E volvía entón o sol, desculpándose... Tiven que marchar, síntoo, eu tamén estou débil, esta ténche un carácter malísimo, calquera pode contra as súas arroutadas e patatín e patatán... E convencíaas, claro. E ir ían, pero confiar non confiaban nel nin un chisquiño, xa non eran nin fermosas nin intelixentes e ían cunha cara de can que alucinas.

Díxonos a árbore en flor que non atoparemos foto que probe esta historia, porque non houbo maneira de sacala, pero que ser é certa.

Abofé.

24 Mar 2008

Cousas que facer en Lugo cando non estás morta

Si yo me convirtiera en un pez luna,
tu te convertirías en ola de mar o en alga,
y si quieres algo muy lejano porque no desees besarme,
tú te convertirías en luna llena,
¡pero en cuchillo!*


De volta a esta anormal normalidade, deixo o traballo de lado un segundo para actualizar a axenda da semana. Sabedores das miñas paixóns máis ocultas, non vos extrañará que destaque o encontro coa defensora dos dereitos humanos colombiana Leonora Castaño, a representación da Bombilla Máxica de Teatro do Atlántico, a presentación do catálogo Letra Viva (colaboración do Concello con Palimoco para difundir a figura dos homenaxeados no Día das Letras) e a apertura do XIV Festival Internacional de Teatro Universitario.

O Festival é un dos acontecementos teatrais do ano e eu, lamentablemente, non o vou poder aproveitar. A todo non se pode estar, xa mo ten dito meu pai mil veces, e eu a semana que vén andarei sachando noutras leiras. Pero os que estades en Valado City do 30 de marzo ao 7 de abril non deberiades deixalo pasar. Sobre todo, se me permitides o consello, a adaptación de Paloma Lugilde de O Público de Lorca (o domingo 30, ás 22h, no Gustavo Freire) e 84, unha adaptación de Fernando Dacosta do 1984 e Orwell (o 1 de abril, ás 20.30h, tamén no Gustavo Freire). Claro que eu son fan confesa da unha e máis do outro, discípulos os dous da escola Sarabeliana, pero... que perdedes por probar?

Tamén hai outras cousiñas, claro:

Luns, 24 de marzo
A partir das 21h, reunión do grupo local de Amnistía Internacional.

Martes, 25 de marzo
Ás 20.30h, A Bombilla Máxica de Teatro do Atlántico, no Gustavo Freire.

Mércores, 26 de marzo
A partir das 20h, presentación do catálogo Letra Viva 2007: Caracola Perdida no Courel, na Galería Sargadelos. Organizado por Palimoco Teatro, contará coa presenza de Darío Xohán Cabana para falar de Xosé María Álvarez Blázquez.
Ás 20.30h, no clube impulsado por lectura de Implicadas no Desenvolvemento e Kandaharia falarán de A Voda, de Carson McCullers, na Cova da Terra.
Ás 23h, jam session de Rock & Blues no Clavicémbalo.

Xoves, 27 de marzo
Ás 19h, David Méndez e Fátima ofrecen contos e maxia na biblioteca municipal Parque da Milagrosa.
Ás 20h, Das Experiment na Cova da Terra.
Ás 20h, O pazo das musas no Museo Provincial.
Ás 21h, actuación de El Pararrayos, en Maxisterio, dentro dos concertos Lubicán que organiza Lugo Cultural para o cuarto xoves de cada mes.
Ás 23h, Natan no Clavicémbalo.

Venres, 28 de marzo
Ás 20h, a presidenta da Asociación Nacional de Mujeres Campesinas, Indígenas y Negras de Colombia (Anmucic), Leonora Castaño, falará da situación dos defensores dos Dereitos Humanos neste país latinoamericano, no salón de actos da biblioteca provincial.
Ás 23h, Flowklórikos no Clavicémbalo.

Sábado, 29 de marzo
Ás 12h, a terceira das 75 festas (programa en pdf) para celebrar o 75 Aniversario do Museo provincial.
Ás 23h, o tango de Tangata, no Clavicémbalo.

Domingo, 30 de marzo
A partir das 12h, itinerario de mulleres entre o parque Rosalía de Castro e o museo provincial.
Ás 12h, cuarta das 75 festas (programa en pdf) para celebrar o 75 Aniversario do Museo provincial.
Ás 22h, no Gustavo Freire, comeza o XIV Festival Internacional de Teatro Universitario Campus de Lugo con El Público de Federico García Lorca, en adaptación de Paloma Lugilde.

Exposicións
Manuel Monteserín no Museo Provincial, onde tamén hai 80 pezas do escultor Cristino Mallo.
Teatro baixo a area, ata o 26 de marzo na escola Politécnica Superior. Despois, no vestíbulo do Gustavo Freire, ata o 7 de abril.
O traballo invisible das mulleres, na sala de exposicións do Centro Social Uxío Novoneyra, ata o 30 de marzo.
Retrato dun escándalo universal de dereitos humanos. A discriminación e a violencia contra as mulleres, ata o 31 de marzo, na Biblioteca Provincial.
Os xoguetes esquecidos, ata o 6 de abril, na Deputación Provincial.

Multicines
As Termas

Las hermanas Bolena 20.30, 23.00 e 01.10 (V e S)
En el punto de mira 23.00 e 01.10 (V e S)
27 vestidos 16.15, 18.15, 20.30, 23.00 e 01.10 (V e S)
Mi monstruo y yo 16.15 e 18.15
10.000 BC 16.15, 18.15, 20.30, 23.00 e 01.10 (V e S)
Pozos de ambición 20.30 e 23:30.
Las crónicas de Spiderwick 16.15, 18.15, 20.30, 23.00 e 01.10 (V e S)
The Eye 16.15, 18.15, 20.30, 23.00 e 01.10 (V e S)
Horton 16.15, 18.15, 20.30, 23.00 e 01.10 (V e S)
Seda 16.15, 18.15, 20.30, 23.00 e 01.10 (V e S)

Centro (antigos Yelmo)
En el punto de mira 18.10
Juno 16.40 (S e D), 18.30 e 20.30
La guerra de Charlie Wilson 22.50 e 00.45 (V e S)
27 vestidos 18.10
10.000 BC 20.30 e 22.50
Cometas en el cielo 20.10, 22.40 e 01.00 (V e S)
Los falsificadores 18.10, 20.30, 22.50 e 01.00 (V e S)
Las crónicas de Spiderwick 16.40 (S e D), 18.30, 20.30, 22.40 e 00.45 (V e S)
El menor de los males 18.10, 20.20, 22.50 e 01.00 (V e S)
Horton 16.40 (S e D), 18.30, 20.20, 22.40 e 00.45 (V e S)

___
*El público de Federico García Lorca.

18 Mar 2008

Árbores que atrapan historias IV

Invádennos as avesedas flairas do teixo,
e os cavorcos do lobo,
e as cerdeiras e as maceiras
abafadas xa polos acivros.
O noso é un sexo derrubado*




Contoume este acivro que atopei o outro día nun curuto de Pedrafita (ao que subira, por certo, mui ben acompañada) a historia dunha poeta de mirada intranquila e verso complexo, que leva toda a vida luitando contra as correntes que tiran dela cara ao fondo da cultura confortable. Luita con máis ganas que medo, arrebolando con forza as súas verdades e as súas mentiras, fachendeando de ser a máis libertaria, a máis rupturista, a máis desconcertante, a máis singular, a máis hermética, a máis radical, a máis reflexiva... a mellor.

A mellor non sei se será, contaba o acivro, pero tenche a madeira máis dura e compacta, excelente para construir obxectos de primeira, e os fruitos máis rechamantes, orixinais e coloridos. O feito de frutificar fóra da súa época engádelle, ademáis, un valor especial, por servir de alimento ás novas especies nunha etapa especialmente dura pola escaseza de recursos. Porén, ten que andar con ollo, advirtiume o acivro con esa súa sabedoría natural, esos mesmos froitos poden ser considerados purgantes e vomitivos por algúns e, cando non, corre o risco de comezar a ser empregada como adorno...

Esto é terrible, concluiu, o peor que lle pode pasar a unha poeta... Acaba con elas ata o punto de deixalas en perigo de extinción, permitíndolles vivir só como especie protexida.
___
* m-Talá. Vigo: Xerais, 2000.

17 Mar 2008

Los desiertos de Atacama son azules*

Los desiertos de atacama no son azules ya ya dime
lo que quieras


Tebinquinche, por Ana López

Naceu en Calama. Era o primeiro de nove irmáns e tivo que traballar a vida toda para alimentar os que viñeron detrás. Nunca lle importou. Quería muitísimo á súa nai, faría calquera cousa por ela e ademáis gustáballe estar ocupado, sentirse útil. Porén, ás veces, fastidiáballe darse conta de que nunca podería chegar a ser alguén.

Alguén importante, enténdase ben.

Aprendeu a ler nos xornais que empregaban para envolver a froita que levaban as mulleres dos enxeñeiros da mina. El nunca quixo entrar ao cobre. Dar daba muitos cartos, sabíao ben, pero esos cartos non os levaban os mineiros sen estudos, senón os homes estudiados que viñan de Santiago. Mentres, os que baixaban ao furado, os que naceran ao seu carón, caían como moscas antes tempo, antes de ver ler os fillos, aínda que fose nos xornais que empregaban para envolver a froita nunha tenda de mala morte.

Cando o irmán máis pequeno comezou a traballar, el decidiu buscar fortuna fóra de Calama. Unha noite, despois de cargar a froita para San Pedro, subiu dun chimpo á camioneta. "Que fas?", preguntoulle o tratante. "Vou con vostede", respondeu.

Traballou dez anos para aquel home, ata que a coñeceu a ela.

Cáterin era o amor da súa vida. Era estranxeira. Atopáraa unha noite estrelada, de muito frío, a carón do lume, no Ayllú, e non lle quitou ollo dende que entrou pola porta. Sabía que non era de San Pedro, porque non a vira nunca. Nos seus 25 anos de vida non sentira medo semellante ao que sentira cando a viu por primeira vez. Se a tivese visto antes, saberíao. Tardou tanto en decidirse a falar con ela que cando se quixo dar conta estaba pagando para irse. Correu tras dela e, cando a alcanzou, á altura da igrexa, contoullo todo, así, nunha soa frase: "Levo toda a vida traballando e non xuntei máis que para unha habitación e un cabalo, pero quérote, quérote tanto que estou seguro de que te vou querer así toda a vida". Ela mirouno de esguello e respondeulle, cun español izado de dúbidas e uns ollos cheos de seguridade, "quero ter tres fillas".

"Por suposto, meu amor, por suposto".

O día que o coñecemos licenciábase a filla máis vella. "Dereito", fachendeaba el, "estudiome dereito". A do medio ía polo camiño, levaba dous anos cursando enxeñería mariña na universidade de Arica, e a máis pequena... "A máis pequena é a princesa da casa, aínda está no instituto pero vai facer algo grande, dígovolo eu, é lista como unha chispa". Foi o noso guía os dous primeiros días de excursións fóra de San Pedro e cando nos preguntou se podía traer a Cáterin á visita das lagoas dixemos enseguida que claro, que faltaría máis, e obligamos ao Pablín a cambiarse voluntariamente para a outra furgoneta da expedición e cederlle o seu posto. "É que é o noso aniversario, saben?", aclarounos a xeito de agradecemento, "mañá hai 25 anos que nos coñecemos".

A Cáterin era unha muller fermosísima, dunha beleza tan encandeante que casi mancaba ao mirala, pero decepcionounos un pouco o seu silenzo. "Para ser o amor da vida dun home que non cala un segundo, a esta gústalle mui pouco falar", bromeu anITA. "Ao mellor é precisamente por iso", contestoulle Eva Luna, "non lle dará tempo". O certo é que era un silenzo estraño, un silenzo tan profundo que nin sequera falaba cos ollos, pero el estaba tan contento por tela alí que conseguiu que deixaramos de lado os nosos comentarios maliciosos para escoitar as súas explicacións cheas de chiscadelas picantes para ela. Á tardiña, díxonos que nos quedaba a mellor experiencia da nosa estadía en Atacama, o anoitecer en Tebinquinche. Preparamos as nosas cámaras e, en canto abriu a porta da furgoneta, saímos disparadas na busca da mellor perspectiva. Foi daquela cando o oimos berrar ás nosas costas.

Ela calara para sempre, deixándoo deserto.

Los desiertos de atacama no son azules porque por
allá no voló el espíritu de J. Cristo que era un perdido
___
* Este é o cuarto capítulo dese proxecto que teño a medias con anITA para marzo. O segundo capítulo xa está no seu blog. O poema que lle dá título é de Raúl Zurita, "El desierto de Atacama (III)", e atoparédelo nos "Desiertos" do Purgatorio (1979)

16 Mar 2008

Cousas que facer en Lugo cando non estás morta


A ilustración da luguesa Noemí López
para Fina Casalderrey atopeina
nesa
marabilla que é Prazadasletras


Menda lerenda pasará estes primeiros días currando para poder ir o xoves sen cargo de conciencia recoller o flamenco napolitano a Humidtow para dar xuntas unhas voltas pola metaurbe galaica: tour básico pola capital, Compostela lanuit cos que quededes por aí e queirades apuntarvos, tour básico pola costa da morte con Z., Coruña lanuit con Miss Inercia e con anITA, tour basiquísimo por Ankara e Valado City, Lugo lanuit e tour dominical básico polo monte do interior lugués cun barcelonés afincado en Bruxelas que ven 24 horas de visita... Velaí o meu planazo para estos días de reflexión e recollemento.

Os que quededes por aquí, ademáis das actividades propias da Semana Santa tedes outras posibilidades.

Martes, 18 de marzo
A partir das 21h, reunión do grupo local de Amnistía Internacional

Xoves, 20 de marzo
Ás 10h, inauguración do Museo de Cacabelos no Museo provincial
Ás 23h, Sean Riley & The Slowriders e Vale Tudo no Clavi

Sábado, 22 de marzo
Ás 12h, Cinco historias para unha man, de Spaghetti Títeres. Primeira das 75 festas (programa en pdf) para celebrar o 75 Aniversario do Museo provincial
Ás 23h, noite de hip hop no Clavi

Domingo, 23 de marzo
Ás 12h, Poñendo imaxes para un conto, de Noemí López. Segunda das 75 festas (programa en pdf) para celebrar o 75 Aniversario do Museo provincial

Exposicións
Manuel Monteserín no Museo Provincial, onde tamén hai 80 pezas do escultor Cristino Mallo
Teatro baixo a area, ata o 26 de marzo na escola Politécnica Superior
Retrato dun escándalo universal de dereitos humanos. A discriminación e a violencia contra as mulleres, ata o 31 de marzo, na Biblioteca Provincial
Os xoguetes esquecidos, ata o 6 de abril, na Deputación Provincial

Multicines
As Termas

Astérix en los Juegos Olímpicos 16.10 e 18.15
Las hermanas Bolena 20.30, 23.00 e 01.10 (V e S)
En el punto de mira 20.30, 23.00 e 01.10 (V e S)
27 vestidos 16.15, 18.15, 20.30, 23.00 e 01.10 (V e S)
Mi monstruo y yo 16.15 e 18.15
10.000 BC 16.15, 18.15, 20.30, 23.00 e 01.10 (V e S)
Pozos de ambición 20.30 e 23:30.
Las crónicas de Spiderwick 16.15, 18.15, 20.30, 23.00 e 01.10 (V e S)
The Eye 16.15, 18.15, 20.30, 23.00 e 01.10 (V e S)

Centro (antigos Yelmo)
En el punto de mira 18.10
Juno 16.40 (S e D), 18.30 e 20.30
La guerra de Charlie Wilson 22.50 e 00.45 (V e S)
27 vestidos 18.10
10.000 BC 20.30 e 22.50
Cometas en el cielo 18.10, 22.40 e 01.00 (V e S)
Los falsificadores 18.10, 20.30, 22.50 e 01.00 (V e S)
Las crónicas de Spiderwick 16.40 (S e D), 18.30, 20.30, 22.40 e 00.45 (V e S)
El menor de los males 18.10, 20.20, 22.50 e 01.00 (V e S)
Horton 16.40 (S e D), 18.30, 20.20, 22.40 e 00.45 (V e S)

15 Mar 2008

Árbores que atrapan historias III

Ay de mí, Llorona Llorona,
Llorona, llévame al río
Tápame con tu rebozo, Llorona
Porque me muero de frio



Versión local dunha lenda común a toda Latinoamérica, a Pucullén chilota é a unha muller que chora eternamente porque lle levaron o fillo do colo sendo mui neno e cuxo pranto eterno é empregado polos mortos para atopar o camiño correcto cara ao alén.

A terceira árbore da nosa serie atopoume onte en Ribeiroland, terra de viño, de auga, de trenes, de reporteiros dicharacheiros, de mulleres lindas que tecen lindos osos, de iratxoak sabios en materia de pokémon e de árbores que lles choran contos tristes ás visitantes descoñecidas.

Esto non ten sentido

O legal... agora é ilegal
O prohibido... xa non é...
Que buscamos?
Vivir o día a día, aí esta o sentido*



Outra das cousas que se pode facer en Valado City cando non estás morta é ir tomar uns viños a Atenas... Ou a Humidtown... Ou a Ankara... Longa vida á meta-urbe galega! Desta volta tocou Atenas, porque os viños foron acompañados dunha serie de delicias gastronómicas e etílicas xentileza da anfitriona.
Todo mui rico e mui abundante, repetimos cando queirades.
Eso si, mellor que sexa fin de semana e aproveitamos para mesturarnos coa fauna local.
____
* Reflexión etílica de gran fondura filosófica anotada na miña axenda por un ateniense
habitual do lokal.

13 Mar 2008

Árbores que atrapan historias II



Este é o alcolito dos Pereiro de Bardaos. Mui autóctono non é, xa o sei. Din por aí que veu da Curuña... Pero saber sábevos unhas cantas historias. A min tenme contado unha mui divertida dunha nena estrábica, alérxica, asmática e, o que é peor, revella que cada vrao ía uns meses facer bafos á aldea... O seu non arreglaba nin con bafos de alcolito máxico, pero mal non volo pasou gaveando polas fincas arriba para arrebolarse despois a rolos cara o descoñecido, mal non volo pasou...

12 Mar 2008

Na miña axenda para a semana había unha ausencia imperdoable. Luis Piedrahita trae o sábado día 15, ás 20.30, ao Gustavo Freire o espectáculo de monólogos Dios hizo el mundo en siete días... y se nota, co que anda estes días de paseo por Galicia.



O Piedrahita este parece un tipo curioso. O outro día díxolle a unha xornalista con nome de boa e preguntas de lista unha cousa que me encantou:
Yo pasaba muy desapercibido en clase. Ni el payaso, ni el ingenioso ni nada. Era el normal de la clase, nunca llamé la atención por nada. Había niños mucho más ingeniosos y graciosos que yo, pero luego dedicaron su vida a ser abogados o fontaneros o pilotos de avión, o no sé, a heredar millones, y yo seguí haciendo mis bromas.
Muito me gustaron sempre os enxeñosos da clase. Mágoa que a maioría deles agora sexan avogados. Ou fontaneiros. Ou pilotos de avión. Ou, non sei, herdeiros.

11 Mar 2008

Árbores que atrapan historias



Retomando un vello título que xa no seu momento lle roubara ao atrapacontos por excelencia, subo esta primeira afoto para a serie de árbores que teño, a medias coa anITA, de deberes para marzo. Recollina na estrada que vai do Oural ao Incio, antes do desvío de Bardaos.

10 Mar 2008

Tiñamos un futuro por diante*

Si la vida es muerte entre paréntesis
nacer es la única victoria**


O cemiterio de Poconchile, de Ana López

Na vila todo o mundo sabía que o noso nacemento estaba marcado, que estabamos chamados a sacar ao noso pobo da enfermidade, da pobreza e da submisión. Chegamos á Acapacha co Challaco e as nosas nais non sobreviviron ao parto. Preñadas de sete meses, pasaron a noite preparando a ofrenda, pero nunca puideron levarlle a súa comida, a súa chicha, a súa coca e os seus cigarros á Pachamama. A morte foi o seu pago polo noso nacemento, así o entendeu o Mallku e así o entenderon os seus compañeiros. "A Pachamama é xenerosa, pero non dá nada de balde", oímoslles dicir aos nosos pais con cada novo cabodano.

Non hai outra explicación. Non pode habela.

Fomos criados xuntos. Neno e nena, río e monte, Mallku e T'alla, home e muller. Sempre os dous. Explicáronnos que debiamos estudiar a nosa lingua e a nosa cultura primeiro na nosa vila e despois nas dos arredores. Debiamos coñecernos ben nós mesmos para conseguir despois que os nosos fillos fosen coñecidos polos demáis habitantes da Apacha. Así debía ser e así o fixemos. Erguémonos cada día co primeiro raio do sol e deitámonos cada noite co derradeiro. Falamos con todos os habitantes do val. Escuitamos as súas dúbidas, as súas peticións, os seus consellos. Cultivamos millo, ají, quinoa, pataca e coca. Criamos polos e llamas. Taballamos o seu guano. E a súa lá. Tecémola, tinguímola e unímola nas sete cores da Wiphala. Diriximos, dende que tivemos control das nosas verbas, as cerimonias de culto ao Amaru, ao Mallku e á Pachamama. Finalmente, no décimo aniversario do noso primeiro Challaco, unimos a nosa sangue e a nosa alma, unímonos nós mesmos.

Porén, Malku negounos o froito do noso sangue, o aymara que estaba chamado a xunguir o noso tempo e o noso espazo co tempo e co espazo dos nosos antergos, a levar a nosa mensaxe aos outros habitantes do Acapacha e a traer así a saúde, a riqueza e a liberdade ao noso pobo.

"A Pachamama é xenerosa, pero non dá nada de balde", recordamos nós neste derradeiro aniversario daquela primeira unión, daquel primeiro intento.

Non hai outra explicación. Non pode habela.

Na vila todo o mundo sabía que o noso nacemento estaba marcado, incluso nós mesmos. E hoxe sabemos que tamén o estaba a nosa morte. Tiñamos un futuro por diante e hai cincuenta anos que as nosas nais deixaron dito cal era. Por iso erguemos na nosa casa o Arco, símbolo da semente que morre para producir nova vida e, co noso sacrificio, pedímoslle á Pachamama que poña en marcha o tempo da terra, o tempo que distribúe as estacións, o tempo que fecunda os campos, o tempo que debe curar as dores do noso pobo e fecundar os seus fillos, para que leven a todos os habitantes da Acapacha a nosa mensaxe de paz e liberdade.
___
* Este é o segundo capítulo dun dos proxectos que teño a medias con anITA para este mes de marzo. Neste caso, ameazamos con escribir unha serie de dez relatos por cabeza sobre outras tantas fotos das nosas viaxes austrais (que non astrais). O primeiro capítulo xa o publicou ela no seu blog.
** Verónica Zondek, “De cuerpos abatidos”, en Entre Lagartas (Lom, 1999)

9 Mar 2008

Pois iso



Por deben andar os meus votos. Muito me temo que non foron tan útiles como algúns (non todos) cren que deberan ser.
Se cadra, fórono máis.

Cousas que facer en Lugo cando non estás morta



Luns, 10 de marzo
A partir das 20h proxectaránse as imaxes de Contra o muro, na fachada do Museo Provincial
Ás 20.30h, Caixanova trae a La Bohème de Puccini ao Gustavo Freire. A orquestra sinfónica Pleven basearáse na obra de Henri Murger La Vie de Bohème, coa dirección musical de Georgi Notev, a dirección de escena de Alfredo Troisi e a escenografía de La Bottega Fantastica e Alfredo Troisi.

Martes, 11 de marzo
Comeza o IV Curso de Primavera da Facultade de Humanidades de Lugo, que, baixo o título América, América, estará dedicado a este continente, nas súas diversas facetas históricas, sociais e culturais.
A partir das 21.30h, reunión do grupo local de Amnistía Internacional

Mércores, 12 de marzo
A partir das 11h, comeza o XIV Maratón Fotográfico do Campus
Ás 20.30h, Volta e Dalle Teatro presenta Pan. Catro propostas arredor da malla no Gustavo Freire

Xoves, 13 de marzo
Ás 19.30h, Lemming, no salón de actos da facultade de Humanidades
Ás 23h, Triumph of Death Fest I, no Clavicémbalo

Venres, 14 de marzo
Ás 23h, Quique González & La Aristocracia del Barrio no Auditorio Gustavo Freire
Tamén ás 23h, Edu Bighands & Whiskey Tren, no Clavicémbalo

Sábado, 15 de marzo
Ás 20.30, Luis Piedrahita no Gustavo Freire.
Ás 23h, Mielotxin, no Clavicémbalo

Domingo, 16 de marzo
Ás 20.30h, Concerto extraordinario de Semana Santa da Orquestra Filharmónica de Ceske-Budejovice e o Coro de Cámara de Praga, no Círculo das Artes.

Exposicións
Manuel Monteserín no Museo Provincial, onde tamén hai 80 pezas do escultor Cristino Mallo
Teatro baixo a area, ata o 26 de marzo na escola Politécnica Superior
XIII Maratón Fotográfico do Campus, ata o 12 de marzo en Maxisterio
Retrato dun escándalo universal de dereitos humanos. A discriminación e a violencia contra as mulleres, ata o 31 de marzo, na Biblioteca Provincial
Os xoguetes esquecidos, ata o 6 de abril, na Deputación Provincial

Multicines
As Termas

No es país para viejos 20.30 e 23.00
Jumper 16.15, 20.30, 23.00 e 01.10 (V e S)
Astérix en los Juegos Olímpicos 18.15 e 20.30
Sweeney Todd 17.45
Las hermanas Bolena 16.15, 18.15, 20.30, 23.00 e 01.10 (V e S)
Rise: cazadora de sangre 16.15, 18.15 e 01.10 (V e S)
En el punto de mira 16.15, 18.15, 20.30, 23.00 e 01.10 (V e S)
27 vestidos 16.15, 18.15, 20.30, 23.00 e 01.10 (V e S)
Blade runner 2007: la historia final 20.30, 23.00 e 01.10 (V e S)
Mi monstruo y yo 16.15, 18.15, 20.30, 23.00 e 01.00 (V e S)
10.000 BC 16.15, 18.15, 20.30, 23.00 e 01.10 (V e S)

Centro (antigos Yelmo)
En el punto de mira 16.45 (V e S), 18.30, 20.30, 22.45 e 01.00 (V e S)
Mortadelo y Filemón. Misión: salvar La Tierra 16.45 (V e S), 18.45 e 20.40
Juno 16.45 (S e D), 18.30, 20.15, 22.45 e 00.45 (V e S)
Jumper 16.45 (S e D) e 18.30
La guerra de Charlie Wilson 20.30, 22.30 e 00.45 (V e S)
El último Justo 22.45 e 00.45 (V e S)
27 vestidos 18.00, 20.15, 22.30 e 01.00 (V e S)
10.000 BC 18.15, 20.30, 22.45 e 01.00 (V e S)
Cometas en el cielo 18.00, 20.15, 22.30 e 00.45 (V e S)

7 Mar 2008

A la sombra de mi sombra...

...me estoy haciendo un sombrero,
sombrero de largas pajas
que he recogido del suelo.

53

Ando redefiníndome. Ao meu carón, o artista anteriormente coñecido como pikiniño constrúe e destrúe personaxes e casas e traballos e vidas con pasmosa facilidade. A min ultimamente cústame algo máis desfacer os niños nos que me vou acubillando... pero sei que é un paso imprescindible para facer outros cestos cos mesmos bimbios, así que opto por retirarme ao cuartel de inverno e tirar de vellas tácticas, de eficacia mil veces probada, como o sobriñeo, o madriñeo e o mequeo compulsivo, a limpeza xeral da vella habitación na casa petrucial, a lectura practicamente obsesiva dos libros que levo meses acumulando, a selección dos recordos que paga a pena gardar e das fotos e fotos e fotos e fotos e fotos e fotos e fotos e fotos e fotos e máis fotos que paga a pena conservar (aquí me temo que non fun mui selectiva), o tapeo con anecdotario e posterior reflexión, a construcción de listas de Mustdo e, sobre todo, a petición absolutamente descarada e descarnada de consellos vitais.

Acéptanse, precísanse, consellos vitais.

E mecos, muitos mecos.

2 Mar 2008

As 8 claves do meu marzo invernal


O ceo lugués estáme regalando unhas postas de sol im-prezionantes,
que non teñen nada que envexarlle a aqueloutras


1. Sair, alomenos, dúas noites á semana.

2. Escribir, con anITA, unha serie de relatos sobre as fotos das viaxes comúns do 2007.

3. Facer unha reportaxe fotográfica de árbores.

4. Invitar a cear a un home atractivo.

5. Conseguir traballo.

6. Atoparlle un grupo de teatro a anITA na Curuña.

7. Resucitar Emerecindo.

8. Organizar unha CenadeChicas.