04/05/08
Son muller porque non podo non selo. Non é unha adscrición racional, é unha certeza física. Teño criticado muito e mui encabronadamente o uso do adxectivo "feminina" aplicado a min ou a calquera outra muller. No mellor dos casos é unha obviedade, un epíteto constante daqueles que non querían dicir nada de nada, porque definían características intrínsecas aos substantivos aos que cualificaban. E, no peor dos casos, implica unha serie de preconceptos sobre o feminino que me molestan muitísimo. Feminina é a muller muller, que leva o cabelo dun xeito determinado, que viste dun xeito determinado, que anda dun xeito determinado, que move as mans dun xeito determinado, que fala dun xeito determinado (e duns temas determinados), que ten unhas aficións e gustos determinados. Unha muller determinada, vaia. E que pasa se ti non es esa muller? Que eres, se non eres feminina? Masculina? Camiona? Sorprendeume, primeiro, e enfadoume, despois, que todas as mulleres homosexuais que coñecín en Chile empregasen tan alegremente un termo que as prexudica tanto, que no fondo para muita xente as define no seu negativo. Sorpréndeme e enfádame, agora, descubrir os meus propios preconceptos do feminino. Do meu feminino singular. Nunca quixen ter fillos, pero a posibilidade de non poder telos pertúrbame muitísimo... Non de cara ao futuro, senón hoxendía. Sorprendeume descubrir que a posibilidade, por remota que sexa, de ser mai forma parte da miña identidade...
No comments:
Post a Comment