13/05/08
Espero hora e media na sala de consultas externas do Xeral Calde. Levo as incertezas de Dobao no bolso, pero non teño a cabeza para ler e amáis teoricamente debera falar con miña mai, que para eso sufre esta espera comigo. Como tampouco teño a cabeza para falar da nada e non quero anegar a súa tranquila normalidade coa miña intensidade vital, só miro. Vexo nenos e vellos. Vexo unha muller embarazada lendo o último de Harry Potter. Vexo caras coñecidas e descoñecidas. Vexo como levan un rapaz novo directo para o Hospital. Vexo como se me colan dúas tías listas. Vexo sair o anestesista fumar un pito na entrada. Sempre me sorprende esta querencia dos médicos polo tabaco. Tócame, por fin, entrar a min. En menos de 4 minutos, mídenme (tiña a idea de ser máis alta), pésanme (tiña a idea de ser máis fraca), tómanme a tensión, pregúntanme se teño algunha enfermidade grave de corazón ou pulmón e se son alérxica á clara de ovo e ven, na suma das miñas negativas, que non hai motivo ningún para non durmirme enteira. Un anestesista que non se parece en nada ao meu xinecólogo marabilloso dáme a firmar un papel que nin me explica nin me lé nin me deixar ler. Despois, dáme unha copia para min, para que a lea na casa, comenta algunha gilipollez sobre a rúa na que di na miña ficha que vivo e dime:
-¿Alguna pregunta?
-Como podo averiguar cando me pode tocar operarme?
-¿Alguna pregunta que yo pueda responder?
-Está claro que non.
Saímos á rúa. Chove. Invádeme a mala hostia.
No comments:
Post a Comment