7 Aug 2007

Para saír daquí

De vez en cando, o meu fotógrafo favorito regálanos, a uns cantos afortunados, unha reflexión filosófica con apariencia de mail colectivo.


O gato de Cheshire, para John Tenniel

Non é a primeira vez que sinto que me susurra ao oído a súa última ocorrencia porque sabe que é exactamente o que necesito oir:
`Cheshire Puss,' she began, rather timidly, as she did not at all know whether it would like the name: however, it only grinned a little wider. `Come, it's pleased so far,' thought Alice, and she went on. `Would you tell me, please, which way I ought to go from here?'
`That depends a good deal on where you want to get to,' said the Cat.
`I don't much care where...' said Alice.
`Then it doesn't matter which way you go,' said the Cat.
`... so long as I get somewhere,' Alice added as an explanation.
`Oh, you're sure to do that,' said the Cat, `if you only walk long enough.'
Non é a primeira vez. E espero que non sexa a derradeira.

Camiñarei tanto como poida.

5 Aug 2007



Estou de volta no (frío) Santiago austral. Na foto, er peli explícanos in person o mosqueo machupichero que publicou en El País. Teremos que irnos preparando, vése que é o que nos espera a nós esta finde.



Nada máis aterrar, en fin, atopeime con eses compañeiros de viaxe que non sei se merezo pero que agradezo, cos seus paseos de fin de semana, cos seus planes de viaxe e coas súas charlas e cotilleos. Atrás quedaron as estampas familiares no vrao madrileño (gallifante para quen adiviñe onde saquei a foto).



As exquisiteces gastronómicas que nos ten vetado o puto SAG.



Os seres queridos (na foto, o guaperas do meu sobriño), aos que, por certo, deixei con toda a alegría e tranquilidade, sinceramente, vista a incríble recuperación do accidentado (grazas outra vez a todos polos ánimos).



E as 56 horas de viaxe, Andes pa'cá, Andes pa'cullá.

E eu non digo nada, pero mañá hai dez meses que os crucei por primeira vez.

26 Jul 2007

Estar lonxe, tan lonxe, cando os teus sofren implica un nivel de paranoia que eu non soporto. Non o soporto fisicamente. Hai anos que o meu corpo me berra cando unha situación non lle gusta. Creo que foi nos derradeiros meses en Barcelona cando me empezaron a sair as feridas na cabeza e nas mans. E agora, estes últimos días en Chile, case non durmo, cando consigo pegar ollo teño pesadelos, doeme a cabeza, teño o estómago anudado e feridas abertas en seis dedos. E non podo falar con (nin pensar en) eles sen chorar. Así que, apoiada incondicionalmente por est@s compañeir@s de viaxe que non sei se merezo pero que agradezo, fun falar co Capo para cambiar as vacacións que me quedaban por unha semana na casa. Saio para aí mañá a mediodía, chegarei a Lugo o domingo despois de comer, e volvo o sábado que ven.
Desexádenos sorte, que parece que non nos vai vir mal.

23 Jul 2007



A curmá que tamén fora mentora vai de visita á casa de meus pais e mándame unhas fotos que, por inesperadas, me alegran o día e que, por retratar unha realidade aparentemente inmóbil, me tiran da morriña de última hora.
Dende a outra beira, o meu cuarto parece estar exactamente como o deixei.

Actualización 13:53. Lamentablemente, as cousas non están exactamente como as deixei. Meu curmán tivo un accidente de tráfico e está na UCI desde o sábado.

Pois iso

O martes, Rupert Murdoch compra Dow Jones por un 65% máis do seu valor en Bolsa e o sábado morre Polanco. ¿Imaxinades a Aznar entrando en Gran Vía, 32, para tomar posesión como presidente de Prisa?
Asusta, eh.


No seu momento, a web de El Jueves estaba superada polas circunstancias, roubeina no 20minutos.

Amos, non me ghodas, bon gusto non destila, pero o de "injurias a la Corona"* e o de retirar as publicacións dos quioscos e ordear "que se destruya el molde" son dous traxes que nos quedan xa un pouco escasos. Claro que, na miña opinión, a Coroa tampouco nos favorece nada.


Tan só 10 meses despois, outra traxedia.


Para @s que falan e non calan do feos que son os chilenos, aquí Benjamín Vicuña

Hugo Chávez
anunciou, no programa Aló, Presidente Nº 266 a posibilidade de que a reforma constitucional na que está a traballar o Goberno venezolano inclúa "a reelección indefinida para Presidente da República". Que menos? Non queremos que Venezuela se quede sen líder e, evidentemente, en todo o país non hai outro.

Vargas Llosa ensalza a Barak Obama nun artigo de opinión publicado pola maioría dos xornais latinoamericanos. A exaltación non é tan criticable como aparentemente sorprendente, vindo de quen ven. A sorpresa desaparece ao ler o artigo que se resume nesta frase: El "sueño americano" no es un eslogan, sino una realidad. Xa.

Gloriosa, a entrevista a Bryce Echenique que publica Caretas. Grande, a periodista: "Hasta el momento, son once los plagios de artículos periodísticos que se le han imputado. Un error de su secretaria, se disculpó Bryce primero. Un complot fujimontesinista, adujo después. Fruto del odio de un enemigo, retruca ahora". E aínda máis grandes as respostas desquiciadas de Echenique. Unhas risas.

Despois está Putin e as "extraordinarias circunstancias que afectan á seguridade" do seu país", que, se non fora porque non ten puta gracia, sería divertidísimo.

Como esto.

17 Jul 2007

Doume conta, por un comentario de Roberto no blogh chileno, que aínda non vos falara do pisco. Graso error que tentarei solucionar de inmediato.



Pisco, ademáis dun val do Perú, é unha variedade de augardente e un exemplo máis do dominio da copia que teñen os meus veciños e amigos, os chilenos. Segundo conta a wikipedia, en quechua piskos eran os alfareiros que vivían nos vales de Pisco, Ica e Nazca, así como as ánforas que facían. Parece ser que o licor adquiriu ese nome porque dende un principio se almacenou nestes recipientes (toma cadea de sinécdoques). En fin, que o pisco naceu no Perú e que, sen embargo, actualmente, os chilenos consumen catro veces máis pisco que os peruanos (tres litros por persoa e ano, fronte a menos de medio litro) e producen dez veces máis (50 millóns de litros por ano, fronte a pouco máis de 4 millóns). Copiar, cópiano todo, eh, pero máis e mellor, eso si. En 2005, Perú iniciou o trámite para rexistrar a denominación de orixe do pisco ante a Organización Mundial da Propiedade Intelectual (WIPO, en inglés), argumentando que a palabra "pisco" aplicada ao licor ten unha relación estreita co espazo xeográfico onde se produce (como no caso do champagne, en Francia). Chile, sen embargo, considera que o término é xenérico (como o viño) e que pode ser usado por calquera que o produza.


Pisco premium, en Valle del Elqui (Chile)

En calquera caso, en Chile bébese muito pisco, pisco sour de aperitivo e piscola de carrete. Esta última está restrinxida a iniciados na materia ou, como mui acertadamente explicou Mike no seu momento, para o último cacharro de noites de alta inxesta de alcol e poucos recursos económicos. O pisco sour, sen embargo, é apto para tódolos públicos, baixa como a agua e sube como a escuma.
As consecuencias, terribles, comezan con este gesto,


shhh
cando te-o-es-si-la-be-ar
E acaban, ao día seguinte, coa peor resaca que coñeceu ser humano.
Ou, alomenos, eso é o que din ;)

Noites canallas



Acábase unha época de agobio laboral (habelas hainas) e do outro lado recíbeme alguén que ten un aire ao meu eu canalla.
Só un aire.
O mércores anITA e mais eu convertemos un café despois do traballo nunha litrona universitaria, un par de piscos happy-hour, unha cea de chino regada de viño chileno e confesións galaicas, máis bares, máis piscos, máis confesións... E acabamos ás tantas inventando histriónicas coreografías para os grandes temazos de ayer hoy mañana y siempre que ambientaban unha cea de empresa chea de caras nas que ningunha das dúas queriamos vernos reflectidas.
Non, se podemos evitalo.
Non, agora que parece que o meu eu canalla está a punto de volver.
Paso a paso.
Tampouco quero presionala, non vaia ser que escape de novo.

11 Jul 2007



Había tempo que non me namoraba así, ata as porcas, con esta obsesión que non me deixa nin pensar nin traballar nin postear nin durmir nin comer nin respirar cando estou lonxe del. Había tempo que non me pasaba e entregueime por completo a esa sensación de dependencia que me tranquiliza tanto, supoño, porque me libera da responsabilidade de tomar decisións. Dediqueille cada minuto, cada segundo, dos últimos tres días. Incluso aqueles nos que estabamos separados. E non llos dediquei porque quixera dedicarllos. Dediqueillos porque non podía facer outra cousa que dedicarllos. Desexando avanzar, ao principio, a cualquera prezo. E luitando contra as ganas de pisar o freo ao final, cando xa vía a luz no cabo do túnel e non podía distinguir se era a luz cálida dun domingo ao mediodía ou a luz fría dun luns pola mañá.
Agora, só me queda un sabor entre acedo e doce no padal.
Non era perfecto, nin sequera era o mellor libro que lin na miña vida, aínda que por momentos pensei que podía chegar a selo. Agora que o noso rematou, non me vai quedar máis remedio que comezar a buscarlle un sustituto. Eso e intentar recordar as derradeiras verbas que me susurou ao oído cada vez que me cague na metade de España que me xea o corazón:
Para los estrategas, para los políticos,
para los historiadores, todo está claro:
hemos perdido la guerra.
Pero humanamente no estoy tan seguro.
Quizá la hemos ganado.

5 Jul 2007

O cobrador



Aquí un amigo chileno, o cobrador do noso restaurante de colación favorito. Nótense a elegancia e o orgullo cos que mira a cámara. Previamente, quita as gafas, nun xesto de coquetería que nos conquista a Eva Luna e a min.

O do cobrador é un traballo curioso. Haino en todas partes: nos restaurantes (non nos pijos), nos pubs, nas papeleirías, nas tendas de chucherías... A súa función é unica e exclusivamente cambiar os teus cartos por ese papeliño amarelo que ten nas mans e asegurarse de que o levas contigo ("no se deje su boleta" debe de ser a frase que máis oín nestes meses), o que é especialmente importante nos pubs, onde tés que pagar antes de consumir, polo que se te vas sen papeliño quedas sen pisco.

4 Jul 2007

Paraíso sen pan



Para chegar a ese paraíso que é o salar de Uyuni, atravesamos os Andes durante oito horas por carreiros de cabras cheos de pedras e de baches nunha camioneta que tiña nome (La-Cáterin), pero non suspensión. Nese camiño infernal que leva ao edén vimos paisaxes incríbles: montes nevados que descansan sobre lagoas altiplánicas de cores imposibles, cumios vermellos marróns amaraleos que xogan ás agochadas cos seus veciños negros brancos grises, camélidos que buscan a súa merenda na neve, regatos que reflicten as cores do atardecer ata que La-Caterin os atravesa case sen alento... Entre uns e outros, comemos o rancho e o pan duns mineiros aos que a nosa visita imprevista lles "arreglou o día" e chispeamos a coca dun equipo de gravación de National Geographic. Xa ás portas do salar, durmimos (durmín) baixo sete mantas a -15ºC. E todo pagou a pena, todo se convertiu nunha anécdota, cando chegamos aos doce mil kilómetros cadrados de pureza branca, só interrompida por illas cheas de cactos e de terra seca e polas labores de extracción das saleiras (na foto, os montículos que van facendo coa sal que rascan do chan antes de subila aos camións).



E é que o paraíso do turista pode ser o inferno do autóctono. Un clima indómito (cun sol de xustiza ás doce da mañá e dous díxitos de graos baixo cero ás doce da noite), unha terra seca e chea de pedras que hai que arar a man, un dos gobernos máis pobres e ineficaces do planeta, unha historia que deixa poucas esperanzas para unha mellora pacífica e un único recurso, a sal. Unha das mercadorías máis baratas que existen, que deben rabuñar da terra, transportar en camións do século pasado, secar ao sol, embolsar a man (na foto, un saleiro sellando unha bolsa) e vender a quen sexa que a queira comprar por non máis dun dólar ao día.
No paraíso, por non ter, non teñen nin pan.

29 Jun 2007

Uyuni


A foto é dun tal Ladislav Kamarad, boísima. Máis, aquí

Pois eso, que nos vamos de finde longo a Bolivia.
Se non morremos de frío, lémonos á volta.

28 Jun 2007

O día do espectador poliquímico


Anuncio de Cruz Verde en La Tercera

O 90% do mercado farmacéutico en Chile repártese entre tres cadeas: Ahumada, Cruz Verde e Salcobrand. Repártese de maneira bastante equitativa, teñen unha política común despreciable con respecto á natalidade (os condóns e as probas de embarazo telas que pedir na caixa e, a pesares da lexislación recentemente aprobada ao respecto, néganse a vender anticonceptivos de emerxencia) e uns prezos que asustan (de altos). En lugar de baixarlos, xogan cunha competencia circense que, máis que rozar, afonda no surrealismo: puntos de venda (sempre) cerca e con máis publicidade que un programa de Tele5, anuncios a doble páxina nos periódicos con listados de prezos propios e alleos, dependentas que che ofrecen productos "en promoción" cando pagas o que foras comprar (por incríble que resulte, funciona, eu unha vez fun comprar un protector labial e saín con dúas caixas de protectores estomacais e unha de antigripais), promocións creativas (como unha segunda caixa por luca (1,5 EUR)) e, a miña favorita, o día do espectador poliquímico, un día no que Salcobrand ten un 30% de desconto e Cruz Verde, un 20%...

26 Jun 2007

The light that burns twice as bright...

...burns half as long


Onte tivemos sesión de cine clásico na embaixada ítalogalaica.

Varias cuestións me rondan a cabeza desde aquela. Cóntovolas, como caian, porque calquera cousa é máis apetecible que redactar o puto informe de conxuntura:
A metade dos fotogramas de Blade Runner poderían estar colgados nun museo,
Hai 25 anos que Harrison Ford estaba bon,
Por que parpadeará tantísimo? (pode ser porque Deckard é un replicante ou porque Harri é tan mal actor como Fran Perea),
Había tanto tempo que non vía unha peli doblada ao español-de-españa que case choro ao escuitar a Constantino Romero,
A canción dos Piratas será unha referencia á frase de Roy Batty?,
Cal é exactamente a derradeira frase da película? ("It's too bad she won't live. But then again, who does?"),
E se alguén me dixese que os meus recordos non son meus, que non os vivín, que alguén os puxo aí para min?, Con que soñaría?, Con ovellas eléctricas?.

Cómo me gustan as películas que cando acaban en realidade non fan máis que empezar.

25 Jun 2007

Sobre os meus amigos

As primeiras conversas que se teñen cun(ha) amigo/a de Euskadi son (seguramente nesta orde): o problema vasco, o terrorismo e a cuadrilla. Onte falabamos Eva Luna, anITA, Dumar e máis eu sobre as cuadrillas. (Os outros dous temas xa os temos máis que mallados.) Parece que, en Euskadi, os amigos son os que son dende ben pequenos e ata ben vellos.
Pode haber incorporacións e perdas, pero son as menos.
Podes facer outros grupos de colegas, pero amigos amigos son os da cuadrilla.


Eu saqueina de Todo Mafalda, e pertence a Así es la cosa, Mafalda

Eu teño sido acusada de ter demasiados mellores amigos como para que semellante concepto teña sentido. Coñecín á miña mellor amiga de toda a vida aos tres anos, en peces. Outra das nosas mellores amigas tamén a coñecemos no colexio, pero ela ía a flores. (Ou era ao revés?) A outra incorporámola en primeiro de BUP. Era a mellor amiga da compañeira de clase da miña mellor amiga. A outra en segundo. Era a mellor amiga da miña mellor inimiga. Á miña mellor amiga de Sarria tamén a coñecín nesa época, era (e é) a mellor amiga da irmá do primeiro rapaz co que saín... O meu mellor amigo éo máis ou menos desde o vrao de COU. É o ex dunha mellor amiga e o mellor amigo dun ex. Despois viñeron os mellores amigos da carreira, que o son practicamente desde o primeiro día. E os de Santiago que non son da carreira: as do piso, os de Lugo. Despois, chegaron os mellores amigos da Erasmus. Os mellores amigos de Barcelona, do piso, da Ramón Lull, de la noche, da tele, de Amnistía-Catalunya, da Pompeu. Á volta a Valado City, os de Amnistía-Lugo, os de teatro, os do CAP, a Telepecha, os do Diario de Lugo y su Provincia... En Madrid, tardaron pero chegaron, os mellores amigos do máster. En Chile, ademáis de La-Fran (que a estas alturas máis que amiga é familia), están ELES. E Oitxu. E Limón Alemán. E a tocaia arxentina. E anITA. E esa especie de irmao pequeno vasco. E as integrantes dese selecto grupo organizador das Cenas de Chicas...
Sempre pensei que os mellores amigos eran aqueles cos que mantiñas máis contacto co paso do tempo. Sen embargo, hai uns meses entendín que os mellores amigos son eses cos que te sintes cómoda, aínda que pases tempo sen saber deles.
Hai case nove meses que cheguei ao Santiago Austral e non escribín máis que respostas aos vosos correos e un par de mails colectivos. Nin unha postal. Nin unha mensaxe ao móbil. Chamadas contadas. Algunha conversa de messenger. Gustaríame manter máis contacto, pero non dou. Esta mañá, respostándolle á nosa flor londinense, presentóuseme unha posible explicación. Cando estás tan lonxe e levas tanto tempo sen ver a persoa á que lles escribes, os correos piden unha certa organización. Tés que resumir nunhas liñas a túa vida, a túa rutina e os acontecementos extraordinarios que a rompen. A min cústame muitísimo escribir así, sempre o encho todo de parénteses e de post datas. E, ademáis, pensar un correo así para alguén co que estou afeita a compartir as rutinas entristéceme, porque é recoñecer a distancia. No espacio e no tempo...
En fin, con esta enorme digresión, que non fai máis que corroborar esta hipótese, só quería dicirvos:
Sinto non escribirvos correos personalizados.
Sinto non chamar máis.
Sinto non ser capaz de facervos partícipes das miñas rutinas.
Pero é que non dou.
Tentarei resarcirvos á volta.
Prometido.

24 Jun 2007

A mellor serie que vira en muito tempo


O debuxo atopeino aquí

Acabo de rematar a primeira tempada e devezo por máis.

Ben planificada, ben escrita, ben executada...

E que homes, por favor, que homes!!!

Eso si que é mellorar a especie.

21 Jun 2007

Ser marabilla natural en Chile (I)


A foto é de AP, publicada por El País.

Acaba de facerse público nos medios chilenos (e nos do resto do mundo) que, entre marzo e maio, desapareceu "completamente" un lago (chamado Témpanos) no sur do país.
"En marzo patrullamos la zona y todo estaba normal, en abril no pudimos ir y fuimos en mayo y nos encontramos con la sorpresa de que el lago había desaparecido completamente", dijo Juan José Romero, director regional de la Corporación Nacional Forestal (Conaf). "Sólo han quedado los témpanos en el lecho seco del lago y una grieta enorme", agregó.
As autoridades estudian as causas e os expertos quítanlle importancia ao asunto.
Andrés Rivera, glaciólogo del Centro de Estudios Científicos de Valdivia, afirma que lo sucedido en el fiordo Témpanos "responde a factores muy locales, muy específicos de ese lugar que hay que precisar, estudiar, y que son comunes en un proceso general de desglaciación como el que se está observando no sólo en Chile sino que en Los Andes Tropicales, en los Himalayas, en el Artico".

O lago, ubicado na Rexión de Magallanes, era alimentado polo derretemento dos glaciares que o rodeaban, polo que era común observar bloques de xeo flotando nel. Agora só queda unha fenda seca sobre a que descansa algún que outro témpano de xeo.

Máis aquí, aí e acolá.

Actualización 13:31 (19:31): Acabo de vela en Chuza.

14 Jun 2007

Ser muller en Chile (III)


Visto na porta dunha igrexa, en Providencia (Santiago de Chile).

En Chile, o aborto está penalizado en todas a súas formas.

Non existen excepcións legais para esta prohibición.

Nin violación.

Nin perigo para a vida da nai.

Nin inviabilidade do feto.

Nin nada.

De nada.

No mundo, dos 210 millóns de embarazos que se estima se dan ao ano, 80 millóns son non previstos(2 de cada 5). Destes, 46 millóns (58%) acaban interrompéndose. 19 millóns destes en países onde a intervención voluntaria do embarazo é ilegal. En América Latina, practícanse 3.700.000 abortos inseguros.

O aborto inseguro é a causa do 17 % das mortes maternas.

Pero estes non calan.

11 Jun 2007

But


there is not enough time


And there is no, no song I could sing


And there is no combination of words I could say


But I will still tell you one thing,


We're better together

Adiviña altiplánica

42 (ana) 43

Propóñovos unha adiviña: cal destas dúas belezas luguesas medrou nunha poboación de 100.000 habitantes e cal nunha de 3.000?

Advertencia: os camélidos (neste caso) non son de Lugo.

Advertencia 2: altiplano rules.
78

Advertencia 3: jijijiji.
45

Máis, as usual, no flickr.

7 Jun 2007

And I feel like I'm naked in front of the crowd
Cause these words are my diary, screaming out loud
And I know that you'll use them, however you want to

But you can't jump the track, we're like cars on a cable,
And life's like an hourglass, glued to the table
No one can find the rewind button now
Sing it if you understand.
and breathe, just breathe

Neste preciso momento hai oito meses que cheguei a Chile.

Chego ao derradeiro tercio desta aventura austral derreada, despois de muitas semanas durmindo unha media de cinco horas diarias, despois duns días de muitísimo traballo e de intensa charla electrónica con MGP, despois dunha conversa longa e mística cun novo amigo de Amnistía, despois de axudar a un dos dous chilenos máis riquiños divertidos e interesantes que unha pode coñecer en Brasil a rematar a súa solicitude para unha universidade que coñezo ben, despois de facer as paces cun irmao vasco que me saiu allende los mares, despois de recibir un agasallo perfecto insospeitado e innecesario de anITA, despois de acabar de subir ao flickr as fotos de Rapa Nui...

E chego tamén antes. Antes de preparar as fotos de Arica-Perú, antes de escribir ese post que lles debo aos que se foron e aos que aínda están, antes de ser anfitriona dunha desas Cenas de Chicas que me deron a vida nos últimos tempos, antes de comezar un curso de xestión cultural, antes de esquiar nos Andes camiñar por Machupichu e perderme en Bolivia, antes de enviar os primeiros detalles from far far west (que tería que ter mandado hai séculos), antes de empezar a emparanoiarme co que virá despois do derradeiro tercio, con se quero que chegue, con se al punto final de los finales le seguirán dos puntos suspensivos...

5 Jun 2007

Ser muller en Chile (II)


Supoño que primeiro sairía en El País, eu roubeina aquí.

O Servicio Nacional de la Mujer (Sernam) analizou os prezos que as aseguradoras privadas (Isapres) lles cobran aos homes e ás mulleres e concluiu que entre os 20 e os 60 anos as mulleres pagan ata tres veces máis polos mesmos plans de saúde.
A maior diferenza prodúcese aos 30 anos, cando as mulleres pagan un 310% máis cós homes. A partires daí, disminúe pouco a pouco ata que a situación se revirte, aos 70 anos (cando as mulleres poden chegar a pagar ata un 10% menos cós homes).
A primeira explicación é, evidentemente, que se lles carga o custo da maternidade a elas.
Sen embargo, os planes sin cobertura maternal seguen custandolles o dobre ás mulleres cós homes.

31 May 2007

Chove en Santiago por terceira vez dende que cheguei ao hemisferio sur, vai xa para oito meses. Desta vez, a napolitana e o madrileño non se queixan da chuvia, esperan que nos bote unha man nesta luita desigual contra o smog.


Afoto de Raúl Maldonado para El Mercurio

A chuvia chega, como tantas veces na miña vida, en época de cambios. Despois dunha nova semana de despedidas, caio en que a próxima será a nosa. Entrarei, con anITA, no derradeiro tercio desta experiencia austral cunha fin de semana longa na fronteira co Perú.
Lémonos á volta.

30 May 2007

Ser muller en Chile (I)


En Que mala es la gente, de Quino (eu roubeino aquí).

A Sociedad Conyugal, que en Chile regula por defecto o rexime dos bens no matrimonio, establece ao marido como "jefe de la sociedad conyugal" e administrador ordinario dos bens comúns, dos propios e dos da muller. A muller só pode administrar os seus propios bens (os comúns e os do marido nunca os poderá xestionar totalmente) de maneira extraordinaria, previa autorización do marido ou da xustiza.
Non, non o inventei (ollo ao artigo 1749).
Si, suponse que o están cambiando.
Ao fin e ao cabo, teñen unha presidenta do Goberno.

23 May 2007



Rapa Nui é o sitio máis misterioso, intenso, místico e contradictorio (tan liberador como angustiante, tan húmido e enlamado como fermoso, tan cheo de homes guapirmos como de alcólicos e de persons) que visitei na miña vida.
E choveu.
A baldes.
Veño coa pel renovada.
E coa cabeza algo descolocada.

Pd. Evidentemente, o das autofotos sigue sen ser o meu, pero estou traballando neso ;)

18 May 2007

Habemus microrrelato

Chego tarde á cita, seino, pero non podía deixar sen atar a mamá. Espero que o can non roia as cordas e a ceibe. Non sobreviviría.
Parabéns, peke.

17 May 2007



Escapando do smog e dos seus efectos, Eva Luna, anITA, a becaria menos precaria (a de Promomadrid) e máis unha servidora partiremos este sábado cara á mítica Rapa Nui.

16 May 2007

Miss Chichos' Birthday



Aí nos tedes a erikitajuajua e máis a min. As malas linguas dirán que sempre tiven cara de mala hostia. E terán razón, nunca o neguei. Pero é que ademáis, a miña nai sempre lle deu por plantificarme unhas rebecas, uns lazos e uns cuellos-babero que... en fin.
Erikitajuajua pode ser considerada (co permiso das demáis) miña curmá favorita, algo así como unha curmá-irmá...
Sempre xuntas.
Menos cando nos atacou unha vaca na porta da casa vella e a tiven que deixala soa... para ir buscar axuda, evidentemente...
Ehem...
Erikitajuajua está de cumpre.
E eu, mui lexos.
...
Débesme unha bolsa de gominolas, miss chichos.

15 May 2007


O Santiago Austral leva dous días en Alerta Ambiental.
Esta alerta implica unha restricción na circulación de vehículos sen selo verde (non catalíticos), a prohibición estricta no uso de chemineas no fogar e a recomendación de non realizar actividades deportivas.
Tamén implica que unha néboa asquerosa e gris o cubra todo.

14 May 2007

Alucinante


En El Diaro de Lugo y su Provincia.

Nove mulleres prostituídas detidas.
"Identifican" 32 persoas e deteñen 9 víctimas. É o puto mundo o revés. Esto pásanos pola puta Ley de Extranxeiría que temos:

É fundamental modificar o art. 59 da Lei de Extranxería, polo que, para que os estranxeiros que se atopen en situación irregular por seren vítimas de trata non sexan expulsados, faise necesario que denuncien ou colaboren na investigación aportando información efectiva. Na práctica non funciona esta alternativa e faise necesario denunciar, o que é case imposible dadas as circunstancias das vítimas, que se ven ameazadas e non confían na policía.
1ª Ponencia das V Xornadas Locais sobre a Violencia de Xénero do Concello de Lugo.

Xa vai sendo hora.

I Concurso de Microrrelatos Lemosgalego

Typing

Pois iso, que podedes consultar as bases no twitter de Lemosgalego.

Actualización (luns 14 de maio): Eu xa deixei a miña (primeira) contribución.

11 May 2007


Don Quijote, de P.R.Picasso

Qué grande é que lle agradezan a unha o traballo que con tanta dedicación realiza. Vale que llo agradecen a outra persoa, porque unha non firma nunca os seus propios traballos, pero... eso son detalles sin importancia da vida da bolseira. O caso é que unha agradece eses ramalazos de furia, de emoción verdadeira, de comunión na loita, que ten ás veces o empresariado español:
Gracias por su ayuda y gran información de Chile, nos ayuda para poder buscar un importador y luchar contra el Déficit Comercial de España.
Olé!

8 May 2007


Adelante corazón, sin miedo a la derrota,
durar, no es estar vivo corazón, vivir es otra cosa

Bos Aires non é bonita. É a cidade máis europea de Latinoamérica. Todo o mundo o di. Pois vaia, para ver cidades europeas houbérame quedado en Europa. Bos Aires é como Madrid, pero clavada, eh, coa súa Gran Vía, co seu Callao, co seu Lavapiés, coa súa Fuencarral... Pero (aínda) máis suxa.
Bos Aires non é bonita e, sen embargo, en catro días namoreime dela.
Namoreime da labia dos taxistas, da beleza desenfadada dos porteños, da poética decadencia dos tanguistas, da profusión de postos de artesanía, dos teatros e das librerías cheos a tódalas horas de xente de tódalas idades clases e condicións, dos escolares que okupan os museos (e a Feira do Libro), das avoas que te piropean pola rúa ou che contan a súa vida nunha pizzería, das chacareras que te fan chorar cando chas canta Mercedes Sosa, das consignas coreadas a medianoite ante a Casa Rosada...
E, sobre todo, namoreime de min mesma... do que son eu en Bos Aires.

...durar, no es estar vivo corazón, vivir es otra cosa

Lemos Galego



Pois iso, que levo dúas semanas deambulando polo cono sur na busca dese libro (en galego) co que poder contribuir á vosa marabillosa idea.

Está complicado, pero non desespero.

Mentres, sígovos.

E, para os que aínda non saibades de que vai esto, para unirse ao grupo hai que:
1.-Escoller un libro en galego e comezar a lelo (se aínda non o fixeches).
2.-Rexistrarte en Twitter cun nome de
usuario ou usuaria que comece por lg_ (sabemos que está só en
inglés mais aínda non existe ningún clon en portugués nin en castelán)
3.-Incluír como primeiro contacto a lg_lemosgalego, ademais
de outros da túa elección (como non existe a figura do administrador, é o único
modo de nos asegurar que todos os participantes son visíbeis para o resto)
4.-Comezar a trasmitir opinións, recomendacións, comentarios, glosas… sobre
os libros que esteas a ler en galego. O límite por comentario está en 140
caracteres.
5.- Se che apetecer podes incluír no teu blog/web algún dos
“badges” que che ofrece Twitter para teres á vista os teus contactos ou os seus
comentarios.

Aproveito para perdirvos, a vós que podedes, que leades Licor de abelá con xeo por min... que lle teño unhas ganírmas...

27 Apr 2007

Japi berdei

Punta Arenas, cementerio de cine

Coas coñas, van tres primaveras.


Miren atentamente a imaxe e compartan o meu estado actual. Levo dous días cunha chea permanente e parece que a causa ten que estar entre as que seguen: idade, abuso do alcol, trastornos cerebrais, enfermidades cardiovasculares, efectos secundarios de medicamentos, abuso de inhalantes, trastornos do oído ou problemas de nutrición.

E nunhas horas, en fin, parto para Bos Aires...

24 Apr 2007



O outono austral do que vos falaba o outro día troixo con el un tsunami mortal, un pequeno tremorciño que nun décimo piso parece máis tremor e menos iño, un frío de neve, uns días escuros e uns seráns fermosísimos... tristes, decadentes e abúlicos, pero fermosísimos.