29 Sept 2008

As croquetas


Podedes oir o anuncio aquí, ilustrado coas croquetas de Bachmont

Descubro (vía Chuza) a polémica que xurdiu ao redor das croquetas e do sexismo na publicidade despois de que a ministra de Igualdade, Bibiana Aído, pedira ao ministro de Economía e Facenda, Pedro Solbes, a retirada dunha cuña radiofónica de Letras del Tesoro no que se produce o seguinte diálogo:
Psicóloga: Cómo psicóloga te digo que deberías dejar ese trabajo y olvidarte de tu mujer, que te absorbe toda la energía positiva.
Paciente: ¿Dejar a mi Puri? pero ¡tú estás loca!, ¡si mi Puri es lo más grande!. Cómo se nota que no has probado las croquetas de mi Puri.
Off: Si tu vida es como tú eliges que sea ¿tu inversión no debería ser igual?. Compra letras del Tesoro. Tesoro Público. Gobierno de España.
A polémica que xurdiu a seguir da retirada do anuncio, despois de que unha senadora do Partido Popular protestara na Comisión de Igualdade, non vai dos cartos que puido costar un anuncio tan malo (porque fóra de calquera outra consideración, o anuncio é malo con ganas), nin da falta duns criterios comúns mínimos na publicidade institucional, nin muito menos do papel da muller nos medios. Non. A polémica vai das croquetas. Os diarios electrónicos énchense de comentarios airadísimos sobre a liberdade soberana da Puri a facer croquetas. E eu alucino. Non avanzamos. Pasan os anos e o conto é o mismo.

Paul Newman's flows



Dicía Paul Newman que I never ask my wife about my flaws. Instead I try to get her to ignore them and concentrate on my sense of humor. E parece que non era unha mala técnica. Mantívoos xuntos 50 anos (1, 2 e 3), ata que o cancro puido con el, coa súa beleza, co seu sentido do humor e cos seus defectos.

25 Sept 2008



Apunta Ghanito nos comentarios ao post anterior, con toda a razón do mundo, que a discriminación non é allea a nós. Non hai racismo só nos Estados Unidos, nin pobreza só nos países "aínda non desenvolvidos" (que linguaxe tan cínica, esta do desenvolvemento). Alí e aquí os medios son os mesmos, idénticos, e as mensaxes, claro, tamén. Os mecanismos sutís dos que fala Casandra están diante dos nosos ollos día e noite. Entremedias, de cando en vez, deixan pasar algunha mensaxe como esta, que di, simplemente, enfrónte ao mostro no que te convertiches. Evidentemente, o sistema xa se encargou de darnos as ferramentas necesarias para neutralizar a mensaxe, para convertila nun "se me dás algo do que che sobra xa me encargo eu de que non teñas que enfrontarte ao monstro no que te convertiches" ou nun "eu non son así", ou, o que é peor, nun "que afortunad@ son, que non me tocou vivir o que a outr@s, pobres, pénsao cando se che ocurra queixarte outra vez por tonterías". Cinco minutos máis tarde, claro, o meu (o teu) mundo deixa de ter sentido porque non vai internet, porque a peli que baixei salta no minuto 84 ou porque cambiaron a única serie que vexo na tele por culpa do puto fútbol.

Eu sei que aspecto ten o monstro no que me convertín, enfróntome a el de cando en vez. O que non teño tan claro é se algunha vez gañarei a batalla.

22 Sept 2008

De illa en illa

09
Guía e guiadas*

Este sábado fun con Ireniña á illa de San Simón. A fundación organiza visitas gratuitas (pódese facer a reserva on-line) que axudan a completar a paisaxe da illa (impresionante o paseo dos buxos) cunha historia que, segundo puidemos comprobar, segue habendo xente que non quere re-coñecer.
Dá rabia, pero supoño que mentres haxa xente que non queira oila, haberá un motivo para contala.

003

Despois de deixar ao guía co seguinte grupo de guiados, subimos ata aqueloutra illa que tanto me gusta para tomar un café cunha das súas habitantes ilustres. Antes de irnos, aproveitamos para pasear pola "urbanización illa de arousa" coa que o Concello "incrementa os parques públicos, aposta polo teu futuro"...
Andamos sobrados de ironía política.

___
* Con estes dous embárcome eu en calquera aventura

21 Sept 2008

Nin Vicky nin Cristina nin Barcelona



"¡Claro!, si es que no has visto la película, y si no has visto la película, ¿cómo vamos a hablar de ella?". A min a película gustoume, confirmoume que o peor Woody Allen me entretén máis có melloriño dos demáis, pero o que me encantou foi a entrevista de Elvira Lindo a Penélope Cruz. Non sei se me divirte máis a ignorante soberbia da enrevistada ou o sutil revanchismo da entrevistadora.

18 Sept 2008



Os camiños do interior, como os da illa, están cheos de cruces sen cruceiro. Con cada novo carreiro, volven dúbidas vellas. Segura de que non é por aquí? Por meses tiro para adiante, certa de saber cara a onde me dirixo, e, cando chego ao desvío indicado, as silveiras os toxos os fentos as xestas fanme recuar. Unha mao amiga tráeme un fouciño e unhas instruccións, pero estou tan cansa de todo, tan cansa de min mesma...
Por que elixo sempre o destino máis complicado?

9 Sept 2008

Árbores que atrapan historias VI

Sen metafísica poética digo o meu mensaxe:
vivide



O outro día contoume este castiñeiro a historia dun Pereiro carpinteiro músico e bailarín, rosmón presumido e sabio, marido pai avó e bisavó, vividor vivido e vital ao que lle leva a vida escuitar valses e contar historias. "Vou vello", díxome o outro día este Pereiro cabo daquel Castiñeiro, "vou vello, non teño forzas para traballar e cánsome de non facer nada". Sorriu coa cara toda. "Se te fías dun vello, non pares quieta, xa terás tempo para aburrirte cando non che quede máis remedio".

8 Sept 2008

Os comedores de chopos


Unha leira heroica sobrevive entre as obras e os chopos

O sábado fun dar un paseo pola aldea. Antes ía muito co can de meus tíos, o León, pero hai tempo que morreu e xa antes decidira ignorarme, así que había anos que non pasaba polos carreiros que levaban ao río. E non son a única que deixou de usalos. Están cheos de pólas secas e de silveiras e as moras apodrecen esperando que alguén faga con elas unha papilla de cores imposibles. Eu como unhas poucas, máis por melancolía que por outra cousa, pero dáme mal rollo que estean tan cerca das casetas dos explosivos do túnel do AVE. As obras do como se chame fenden unha paisaxe que non se parece en nada á da miña infancia. Os camiños están a monte porque as fincas ás que levan están tamén a monte. Onde antes había patacas, millo e pan, agora hai silveiras e chopos. Vénme á cabeza Otero. Síntome reaccionaria por detestar esta nova paisaxe e sei que eu non podo decidir o futuro do rural porque eu non quero, nunca quixen, vivilo. Pero non soporto esta sociedade que cambia o pan pola madeira...
Que pasa, vamos comer chopo?


A foto fíxoa Juan Carlos Tomasi en Etiopía

A resposta chégame ao día seguinte, no meu cubillo urbano, con forma de reportaxe de Ramón Lobo*. E resulta que non, que nós non vamos comer chopo. Nós vamos seguir comendo de puta madre**. O problema, evidentemente, téñeno os que só podían comer pan.

___
*Nota: si, ás veces paga a pena ler o xornal.
**Uso lingüístico sexista que eliminarei do meu vocabulario en canto se me pase a frustración e a mala hostia.

7 Sept 2008



Hoxe aprendín que os domingos no cantiño ulen a café, a piriódico do domingo, a historias espectaculares da vida presente de habitantes de vidas pasadas, a sesión vermú con z., a pan galego con aceite e gazpacho, a acentos estranxeiros que che falan dende o adarve da muralla e á ultima raiola de sol do vrao que nunca existiu xogando coas cores caribeñas da colcha máxica de La-Lore.

5 Sept 2008

Moving, que é xerundio


A foto é de isus, que tamén anda á procura da velocidade vital axeitada

Tardo dúas horas en meter en bolsas caixas maletas mochilas todo o que necesito para independizarme. Agóbiame o contraste entre a tranquila quietude que me rodea e o meu movemento desenfocado e non estou segura de se prefiro parar eu ou que se mova o resto.

3 Sept 2008

Notas para unha turista galega no Santiago Austral (V): Poniente



Lindeiros con Bellavista e con Santiago Centro están os barrios Recoleta, Independencia, Brasil e Yungai, onde buscaría casa se tivera que vivir no Santiago Austral. Aquí, en plan turisteo, levaríate de paseo polo "barrio comercial" de Patronato e, por suposto, ao cemiterio, que é, en si mesmo, a mellor mostra das desigualdades sociais do país e onde están, ademais, o nicho de Víctor Jara e o patio 29 coas tumbas sen nome dos desaparecidos do golpe militar. Teño as distancias mui desordenadas, pero creo que nalgures entre estos barrios está Quinta Normal, coa Biblioteca de Santiago e o Centro Cultural Matucana, e a praza Brasil, co Galpón Víctor Jara, no que normalmente hai concertos interesantes. Por aí anda tamén a Blondie, coas súas noites do rock dos 70 ou do pop británico, que foron do melloriño da miña vida nocturna. En Yungai levaríate tamén a un dos nosos restaurantes favoritos, a Peluquería Francesa, en Compañía con Libertad, e a un centro cívico que hai por alí cerca que programa obras teatrais e concertos de grupos locais. Paga a pena entrar, aínda que sexa para tomar un café (soluble, sempre soluble), porque está decorado con cartaces e recortes de xornal rojeras... En realidade, toda esta zona é zona tradicional de mobilización comunista.

Non é oficio para cínicos



Gabilondo recibe o premio Nuevo Periodismo CEMEX-Fundación Nuevo Periodismo Iberoamericano da man de García Márquez e eu teño sentimentos encontrados. Gústame Gabilondo, cáeme ben. Respétoo. E gústame aínda máis Gabo, xa o sabedes. Porén, paréceme obsceno ler en El País as reflexións dun e máis do outro sobre como "la información ha sido derrotada por las empresas de comunicación". Leo esa frase precedida pola expresión "el presentador del informativo estrella de Cuatro" e sinto náuseas. Despois, ven Juan Cruz e para explicar que é para el o xornalismo cita a Kapucinsky. "Kapucinsky decía que este no es un oficio para cínicos", di Juan Cruz. E eu pregúntome como se fai para sobrevivir á nausea sen botar man do cinismo.

2 Sept 2008

Notas para unha turista galega no Santiago Austral (IV): Bellas Artes



Entre Santiago Centro e Bellavista está o barrio de Bellas Artes, no que atopariamos o museo de Arte Moderno e o de Bellas Artes, algúns dos bares e tendas máis moderniquis de Santiago e a mellor librería da cidade (Metales Pesados, na calle José Miguel Barra). Tamén é o máis parecido a un barrio gay que ten a cidade. A min recordábame un pouco a Barcelona. Non está mal para dar un paseo, tomar uns jugos naturais ou uns tés e, se tiveramos bo tempo, ir ao parque na fin de semana e flipar coas cousas que pode vender a xente... Eu unha vez vin a píldora anticonceptiva exposta nun mantel de cadros chantado no medio dun camiño.
Xa de estado en Bellas Artes, achegariámonose a Lastarria. Alí, se hai sorte, atopariamos un home vendendo pendientes de alpaca. Eu nunca en toda a miña vida usara pendientes ata que coñecín a este tipo, que é o mellor orfebre que hai no mundo enteiro e que ten, ademáis, unha conversa mui interesante.
Se vas sen min e o ves, encantaríame que lle mandaras saúdos da súa fan galega.

1 Sept 2008

Notas para unha turista galega no Santiago Austral (III): Bellavista

Bellavista é o barrio tradicionalmente bohemio de Santiago. Nel está a casa de Neruda na que entraron a saco tralo golpe militar, a Chascona, e a maior parte dos teatros e locais de moda da cidade. Ten un punto bohemio pijolas que a min me botaba un algo para atrás, pero ten tamén algunha das mellores flores urbanas que vin na miña vida. En calquera caso, paga a pena velo.

bellavista 3

Se o visitaramos xuntas, chegariamos en metro a Baquedano. Esa é a praza Italia, núcleo das manifestacións e das broncas e límite último para os habitantes do Santiago rico que non saben mui ben que é o que hai máis alá. Dende alí teriamos que cruzar o río Mapocho, tapando o nariz e a mente, para non pensar que nese país no que as farmacias se negan a vender a píldora do día despois "porque é inmoral" hai pequenos abandonados que viven baixo as pontes deste río envelenado. Cruzariamos o Mapocho, digo, sen pensar, e nada máis pasar o río á esquerda atopariamos o mercadillo no que descubrín o cubo de Rubik e, á dereita, a maioría dos obradoiros de lapislázuli da cidade. Subiriamos por Pío Nono ata a galería pijolas na que sempre hai música en directo e que sempre está chea de guiris e comeriamos un xeado de iogur, antes de sentarnos nunha terraza a beber unha litrona de Austral. Despois, comeriamos unha empanada de queixo e choclo, tomariamos unha copa a medias na Casa al Aire con algún cantautor imitando a Sabina de fondo e, se o corpo aguantase tanto alcol, iriamos botar un baile a Bombero Núñez. Seguramente, ao Clandestino.

Enésimo capricho pihippy



É unha inversión, claro. Capital fixo, creo que se chama. E ademáis, de paso, faime mui pero que mui feliz.

31 Aug 2008

Notas para unha turista galega no Santiago Austral (II): Santiago Centro

Piojera

Se visitaramos xuntas o Santiago Austral levaríate pasear pola Alameda, ver a Biblioteca Nacional, dar unha volta darredor da Bolsa, subir ao cerro de Santa Lucía, botarlle un ollo ao mercadillo que hai do outro lado da avenida, sentar un cachiño diante da Moneda para poñerlle a nosa imaxe á Historia, visitar o centro cultural que hai debaixo que ás veces ten mostras interesantes, mirar os libros pirata que venden nos paseos Ahumada e Huérfanos, alucinar con que sigan existindo os cafés con piernas, visitar o Museo Chileno de Arte Precolombino (que para min é o mellor do país), gozar polo menos media hora a lección maxistral de antropoloxía que regala cada día a Praza de Armas e achegariámonos despois ata o Mercado Central, donde tomariamos un bocata de lacón (que eles chaman pernil) e un terremoto na Piojera. Se houbera sorte, xa achispadas polas réplicas, botariamos unha peza coa xente que traballa no mercado e que celebra neste bar os días de boa pega.

Mostly Harmless
(riquiñismo pasivo agresivo)



Vou tomar unhas copas coas do traballo e falamos dos prexuízos, da roupa, do calzado, das xoias, de linguaxe verbal e non verbal e da imaxe que damos aos demais. É interesante que quen hai dous meses che fixo unha entrevista de traballo che conte o que leu na túa forma de vestir, nos teus xestos, na túa maneira de falar. Dinme que nunha primeira visual teño pinta de ser correcta, educada, amable, natural (whatever that means), algo rojeras e máis ou menos inofensiva. En resumen, riquiña. Tamén me din que, nunha segunda visual, esa mirada transparente que tantas veces me teñen acusado de ter delata as miñas filias, as miñas fobias e unha determinación absoluta a luitar todas as batallas. Eu calo, asinto e penso para min: "se me chegan a ver hai dez anos, cando si que luitaba todas as batallas..." E elas rin con condescendencia ante a miña mirada transpartente e enganden: "claro, muller, iso cúrase co tempo".

30 Aug 2008

Notas para unha turista galega
no Santiago Austral (I)



O Santiago Austral non é unha cidade turística. Non é unha cidade bonita, non ten bos museos nin unha arquitectura peculiar nin bo clima nin monumentos espectaculares. Pero é unha cidade perfecta para entender Latinoamérica. É unha cidade imensa, contaminadísima, na que barrios tan pobres e conflitivos que nin os carabineros se atraven a entrar neles conviven coa burbulla da clase alta, escondida na cordilleira, onde non chegan nin o transporte público nin a contaminación.
Eu vivía a medio camiño entre os dous Santiagos. Pola mañá almorzaba un riquísimo café de Panamá cun croissant no coffe club de Providencia e pola tarde escapaba cara ao outro lado da praza Italia, na busca do Chile, da Latinoamérica, que lera nos libros, que vira nas películas, que levaba na cabeza e que non puidera vivir.

26 Aug 2008

Vai facer un ano

7º atardecer austral impresionante

Vai facer un ano que comezamos a albiscar a despedida, que volveron asexarme as dúbidas vitais, que recibín a visita do As de Espadas. Vai facer un ano que aprendín que parezo menos cínica do que son e que son menos cínica do que creo, que aprendín que sei o que quero aínda que xogue a non sabelo e que non hai carta nin disciplina esotérica que me diga como teño que vivir a miña vida. Vai facer un ano que aprendín que hai partes de min mesma que non quero negar, como hai partes de min mesma que me nego a aceptar. Vai facer un ano dos derradeiros ceos en chamas e o azar, outra vez o azar, faime trazar unha visita ideal ao Santiago Austral para unha das mulleres marabillosas que me regalou a experiencia habaneira.

22 Aug 2008

De traballos e vidas


A primeira leica de Cartier-Bresson, na wikipedia

O azar (que para Borges é el nombre que nuestra inevitable ignorancia da al tejido infinito e incalculable de efectos y de causas) fai que o centenario do nacemento do pai do fotoxornalismo coincida no tempo cunha das maiores responsabilidades e un dos maiores fracasos dos nosos medios, a narración da (propia) traxedia.

O xornalismo podería ser unha gran profesión.
Desde esta atalaia albisco algunhas das miserias máis miserables dos gabinetes e dos medios. Non podo contárvolas, claro, pero quéimame na lingua. Alucino.

18 Aug 2008

Unplugged



Paso a ponte desenchufada da vida capitalina. Ceando con lugueses aos que había mil anos que non vía, conducindo por Galicia adiante co recordo da nosa flor londinense na retina, comendo, durmindo, sobriñeando, lendo, comendo, durmindo, sobriñeando, comendo, discutindo, recuperando algo de fuelle etílico, rindo, bailando, exercendo de antropóloga da noite, luitando contra a resaca, perdendo ao mus, indo ao cine, comendo, durmindo. Volvo á rutina compostelana a rolos, despois de tanto comer e de tanto durmir, e luito contra a saudade das vidas que quedaron no camiño chateando con algúns dos seus protagonistas, pensando viaxes compartidas e botando contas de cantos ovos rompería se me lanzase nun baile desenfrenado entre as serpes e os peixes de Sandy Skoglund.

13 Aug 2008

Apapacho's time

Desordénome,
amor,
e dou co punto único
do centro dos abrazos



Ando perdida nun mar de abrazos. Bos e malos, tranquilizadores e estresantes, luminosos e escuros, sinceros e falsos, fortes e febles, divertidos e graves, fondos e superficiais, coñecidos e descoñecidos, sobrios e etílicos, atractivos e grimosos, reais e imaxinados, pasados, presentes e futuros, paternalistas, sexuais, teatrais, musicais, literarios, artísticos e, sobre todo, intensos.


É ben sabido que non só non fumo, senón que cada día me parezo máis á típica luitadora contra o tabaco. Porén, esta mañá, de camiño ao traballo, envexeille a este home a trasnada de botar un pito a escondidas pola fiestra.

12 Aug 2008

Trekking terapéutico



Despois de seis semanas traballando 16 horas ao día collín unha tarde libre para ir gavear monte arriba con algúns (e algunhas) habaneir@s. No choio miráronme como se fora a tía máis estrambótica do planeta. En vez de ir durmir a mona 20 horas seguidas... Pero a verdade é que a conversa cómplice, o cansanzo físico e a limpeza visual foron a mellor terapia contra os agobios profesionais e as preocupacións persoais. Amáis, agora que xa comprobei que as miñas enfermidades crónicas (e as miñas habilidades etílicas) desapareceron co achado, desconfío do poder desestabilisador da miña cabeciña e estudio outras posibilidades.
Be new age, my friend.

8 Aug 2008

Covardía

Volve pasar o sol pola miña porta e, unha vez máis, o son dos ovos escachando baixo os meus pés impídeme variar uns milímetros o obxectivo do penúltimo bico.

1 Aug 2008

Outing




Eu fago cousas como tender a roupa agrupada por cores e usar dúas pinzas iguais para cada prenda.

27 Jul 2008

Cantina Turner

Say my name
sun shines through the rain

16

Loce o sol depois da choiva e eu recupero os azos en camas alleas e a perspectiva nos espellos dos cruces de camiños. A vida é unha cantina (Turner) e hai que bebela en boa compañía.
Foi, como sempre, un pracer.

23 Jul 2008

O meu planeta de silenzo



Onte comín con H. nun dos recunchos especiais desta Compostela que atopei do outro lado das vías. Falamos de todo, como sempre, como só falamos coas persoas que recoñecemos como iguais. Contoume que lle gusta muito o silenzo, que o busca, que o precisa, que lle encanta compartilo e eu recordei o muito que me custou aprender a estar calada diante doutra persoa. Recordei as noites adolescentes na beira do Támesis, cando cambiei un italiano cachondo e falangueiro por un suizo calvo e interesante que me prometeu unha estrela se conseguía compartir o silenzo con el... poucos días antes de liarse cunha brasileira. Un par de anos máis tarde veume buscar a Compostela, pero daquela eu xa sabía que a estrela que dixera regalarme era, en realidade, un planeta.
O meu planeta de silenzo.

They try to tell me how to live my life



Casandra abre unha sección sobre mulleres músicas en Emuller cunha mestra do blues, Elisabeth Cotten, que compuxo esta canción aos 11 anos, ás agachadas, porque a súa familia non a deixaba tocar a guitarra. Estaba mal visto nas mulleres. Cóntanos Casandra que Cotten como tantas mulleres de entón (e de agora) casou e que como a tantas mulleres (de sempre) o seu home lle prohibiu facer o que máis quería, tocar a guitarra. Así que Elizabeth ,Libba, como tantas mulleres fixeron, fan e farán foise da casa coa súa filla e mandou ao seu home a tomar por saco. Foi a Washington DC e alí coñeceu á familia Seeger, para a que traballou como empregada doméstica. Como sempre pasa nos contos e nunca ou casi nunca na realidade, a familia Seeger non són non se aproveitou dela, senón que a axudou a comezar a súa carreira musical. América é América, a pesar de Bush e outros persoaxes da súa ralea.

Precisamente, neste vídeo aparece con Pete Seeger, un extraordinario músico folk, ao que Bruce Springsteen rescata nun dos seus últimos traballos. Seeger é un defensor dos dereitos humanos, condenado a un ano de cárcel e a moitos máís de censura polo Comité de Actividades Antiamericanas.

Volvendo a Libba, por sorte a vida foi xenerosa con ela (viviu ata os 95 anos) e tivo tempo para ver editado o seu primeiro disco aos 66 anos e recoller un Grammy.

19 Jul 2008

É verdade



Señoras y señores, aunque sólo tengo un hijo natural, Diego Sánchez, puedo decir que como Martín Luther King, el gran soñador afroamericano asesinado hace 40 años, también tengo otros cuatro hijos víctimas de las minas antipersonas: la mozambiqueña Sofia Elface Fumo, a la que ustedes han conocido junto a su hija Alia en la imagen premiada, que concentra todo el dolor de las víctimas, pero también la belleza de la vida y, sobre todo, la incansable lucha por la supervivencia y la dignidad de las víctimas, el camboyano Sokheurm Man, el bosnio Adis Smajic y la pequeña colombiana Mónica Paola Ojeda, que se quedó ciega tras ser víctima de una explosión a los ocho años. Sí, son mis cuatro hijos adoptivos a los que he visto al borde de la muerte, he visto llorar, gritar de dolor, crecer, enamorarse, tener hijos, llegar a la universidad. Les aseguro que no hay nada más bello en el mundo que ver a una víctima de la guerra perseguir la felicidad.

Es verdad que la guerra funde nuestras mentes y nos roba los sueños, como se dice en la película Cuentos de la luna pálida de Kenji Mizoguchi.

Es verdad que las armas que circulan por los campos de batalla suelen fabricarse en países desarrollados como el nuestro, que fue un gran exportador de minas en el pasado y que hoy dedica muy poco esfuerzo a la ayuda a las víctimas de la minas y al desminado.

Es verdad que todos los gobiernos españoles desde el inicio de la transición encabezados por los presidentes Adolfo Suarez, Leopoldo Calvo Sotelo, Felipe González, José María Aznar y José Luis Rodríguez Zapatero permitieron y permiten las ventas de armas españolas a países con conflictos internos o guerras abiertas.

Es verdad que en la anterior legislatura se ha duplicado la venta de armas españolas al mismo tiempo que el presidente incidía en su mensaje contra la guerra y que hoy fabriquemos cuatro tipos distintos de bombas de racimo cuyo comportamiento en el terreno es similar al de las minas antipersonas.

Es verdad que me siento escandalizado cada vez que me topo con armas españolas en los olvidados campos de batalla del tercer mundo y que me avergüenzo de mis representantes políticos.

Pero como Martin Luther King me quiero negar a creer que el banco de la justicia está en quiebra, y como él, yo también tengo un sueño: que, por fin, un presidente de un gobierno español tenga las agallas suficientes para poner fin al silencioso mercadeo de armas que convierte a nuestro país, nos guste o no, en un exportador de la muerte.

___
* É verdade que Gervasio Sánchez lles dixo estas verdades publicamente á vicepresidenta do goberno, varios ministros e ministras, ex-ministros do PP, a presidenta da Comunidade de Madrid o alcalde de Madrid ou ao presidente do Senado, antes de agradecerlles o premio Ortega y Gasset que acababa de gañar coa foto que ilustra o texto. Tamén é verdade que o mesmo grupo Prisa que se gaba de premiar o xornalismo comprometido decidiu non publicar o texto.

15 Jul 2008

I'm a million different people
from one day to the next



Ando mui musical, mui pouco literaria e nada televisiva. Ando descoñecida. Como me sinto terriblemente insegura neste chan inestable, camiño pola rúa con decisión, imaxinando que son Richard Ashcroft naqueles meses de gravación de A northern soul que describiu como "catro meses intensos, tolos. Realmente fóra de control. Dunha forma xenial, pero tamén dunha forma terrible. Como só a boa música, as drogas malas e as emocións mesturadas poden facelo".

12 Jul 2008

Sombras e fume

Geisers del Tatio 7

Rafita visita o Santiago pequeno nestes días extraños, de sombras e de fume, de ilusións e frustracións, de encontros e desencontros, de (enésima) reconstrución vital. Acompañamos o polbo á feira e os pementos de padrón cunha conversa sobre os insospeitados límites dos corpos e das mentes, sobre os ataques de ansiedade, as depresións, as arritmias, as visitas ao taller e sobre como muita da xente que queremos vive vidas que non quere vivir.

Falo con dous tipos interesantes que coñecín en épocas mui diferentes da miña vida. Os seus camiños crúzanse en Delhi e eu penso que sería divertido mover os fíos dende a distancia para forzar o encontro. Había tempo que non sabía de ningún dos dous e sorpréndeme descubrir que tampouco eles son alleos ás angoxas que nos atenazan ao resto dos mortais.

Un pouco por unha cousa e un muito por outra, ao final quedo en Compostela a fin de semana. Aproveito as horas que lle roubo ao Freire para repensar aquelo que lle dixen a Rafita pouco antes de despedirnos, índome de guai, como sempre...

A pregunta non é se seremos capaces de levar a vida que levan os nosos xefes.

A pregunta, claro, é se queremos.

11 Jul 2008

Pihippy



Aquí me tedes, no niño compostelano, xogando co capricho pihippy co que pasei, definitivamente, ao bright side of life. Pensei que a transición ía ser máis difícil, pero de momento o único que non conseguín foi sincronizar a axenda electrónica (penúltimo capricho pihippy desta tía tan fashion e tan cool e tan ouyeah na que me estou convertendo). Levo todo o día de mudanza dixital e na fin de semana espero que Wu exerza (unha vez máis) de guía tecnolóxico-espiritual e me provea coa versión pihippy das ferramentas do lado escuro da vida sen as que xa non sabería vivir. Se é que podo ir a Valado City, que aínda está por ver...

Nota.- Os traballos emocionantes son mui sacrificados.

Bis.- A xente é mui complicada.

8 Jul 2008

Cidades Abandonadas



A miña querencia pola melancolía casa mui ben coas imaxes e coas historias dos lugares abandonados. En Chile hai un mui famoso, Humberstone, unha cidade mineira que en dúas décadas viviu un gran explendor e a morte máis fulminante da man do nitrato artificial. Sempre quixen visitar ese escenario perfecto para o realismo máxico latinoamericano, pero ao final tivo que quedar para a próxima. Agora, tamén de Chile, chéganme os ecos desta reportaxe sobre 20 cidades abandonadas do mundo, 20 escenarios perfectos para calquera novela.

7 Jul 2008

A fiestra atlántica



Unha das mulleres marabillosas que me regalou a experiencia habaneira envioume hoxe esta imaxe da súa viaxe a Marrocos. Encantoume. Convertina inmediatamente no meu fondo de escritorio e agora non podo deixar de mirala. Percorro a liña do horizonte e sinto como me invaden a paz e a tranquilidade. Comparto coa fotógrafa a curiosidade pola roupa tendida, polas figuras dos dous rapaces, e invándeme o cariño e a gratitude. Recordo a serie de fiestras* que teño a medias con esoutras dúas mulleres marabillosas que me regalou a experiencia chilena e penso no afortunada que fun sempre coas persoas, en canta xente interesante e xenerosa ten compartido comigo etapas do camiño...

___
*Bárbara, anITA, sei que non cumple as reglas do xogo, pero quería compartir tamén con vós este recunchiño atlántico... se vos coñezo como creo coñecervos, gustarávos tanto coma a min.

6 Jul 2008

O incidente



Vou ao cine con Z. e vemos a última de M. Night Shyamalan. Z. odiouna. A min fíxome gracia ese punto Hitchcock que ten sufrir cos plano de follas e herbas movidas polo vento, gustoume a beleza atolondrada de actriz de cine mudo que tiña protagonista e encantoume o frikismo dese director que se mete nos títulos de crédito como o actor que dá vida a unha personaxe que nunca aparece nin fala na película. Faime gracia Shyamalan porque é evidente que el tamén se divirte facendo o que fai.
Só teño un pero. O final, claro.
E para a próxima elixes ti e queixome eu, prometido.
Sobre todo, se me levas a ver unha chiringallada desas.

5 Jul 2008

Compostela is back and is new



Unha emocionante proposta laboral lévame de volta a Compostela da man dun guía excepcional. En tres días descubrín unha cidade nova, chea de recunchos espectaculares, redescubrín algúns dos meus bares favoritos e rencontreime con algunha das persoas coas que gocei a cidade noutras vidas. Xa teño niño capitalino e conto pasar ben tempo nel este vrao, así que aproveito para advertirlles a estas persoas que se preparen para acompañarme no meu reencontro con Humidtown.
E coa súa noite.

First night out
A miña primeira noite de farra post achados acabou á unha do mediodía do sábado. O curioso e que esa noite non foi a de onte, senón a do mércores. A primeira copa de viño (ehem, ao mellor caeu algún aditivo máis) en meses mantívome borracha 60 horas... 60 horas!!! Foi, con muitirma diferenza, a chea máis salvaxe da miña vida, infinitamente peor que calquera das animaladas perpetradas pola rebelde sen causa que, anque pareza mentira, algún día fun. Sobrevivín de milagro, porque tiña comigo dous cabaleiros de brilante armadura. Gracias. Eso si, como mui ben me adiantou O'Xirarei, non houbo resaca tradicional... vése que a química que aínda campa polo meu corpo ten un efecto de Alka seltzer permanente.
Aínda teño que estudiar os pros e os contras desta situación.

30 Jun 2008

Acordámonos



Seguindo a estela de Isaura, Martintín e máis eu estivemos acordándonos hoxe dos sabores que se perderon na infancia. As palmeras resesas e os donuts duros, os bocata de tulipán ou de quesitos el caserío, as panteras rosas, os bollicaos, a nocilla de fresa, os caramelos de cubalibre, os chimos, os chicles bang bang, o quilométrico de boomer, os flash de 5 10 ou 15 pesetas (sobre todo, os de mora, os de cola e os de limalimón) e o colaget, os escalofríos, os petazeta, o leite da casa (que pasaba directamente da ubre da vaca ao cazo tapado cun prato duralex que botaba todo o día sobre a cociña), as tortillas francesas con azúcar, as pipas das festas (que podían saír resesas ou absolutamente deliciosas) e os paos que aparecían no medio, as sopas de burro canso (pan da casa, azúcar e viño), o leite quente con coñac, as mesturas imposibles de refrescos que perpetrábamos nas BodasBautizoseComunións...
Un, dous, tres, responde outra vez.

Catro cousas...

... que, se cadra, non sabes sobre min. Outra de test tontunos.



CATRO EMPREGOS QUE TIVEN NA MIÑA VIDA:
1. Profe particular de... química
2. Tradutora nun documental da BBC sobre... a pesca en Galicia
3. Axudante de realización nunha tele local en Barcelona
4. Monitora nunha asociación de pequenos con problemas psicolóxicos

CATRO PELÍCULAS QUE VOLVERÍA VER UNHA E OUTRA VEZ:
1. Before Sunset
2. Before Sunrise
3. Calquera de Lubitsch
4. Calquera de cine negro clásico, das dos escritores beat falando por boca de Bogart

CATRO LUGARES NOS QUE VIVIN
1. Santiago de Chile
2. Barcelona
3. Pontypridd
4. Burela

CATRO PROGRAMAS OU SERIES QUE VEXO:
1. Northern Exposure
2. Heroes
3. House
4. Gilmore Girls

CATRO LUGARES NOS QUE ESTIVEN:
1. Rapa Nui
2. Patagonia
3. Altiplano
4. Guernesey

CATRO PERSOAS QUE ME MANDAN CORREOS CON REGULARIEDADE:
1. Martín
2. María
3. Lorena
4. Fran

CATRO DAS MIÑAS COMIDAS FAVORITAS:
1. Ensaladas
2. Pastas e/ou arroces
3. Carnes e/ou pescados á plancha
4. Postres da casa

CATRO LUGARES NOS QUE DESEXARIA ESTAR AGORA:
1. Donde estou
2. Guatemala
3. Colombia
4. Brasil

ESPERO QUE ESTE ANO (2008) PODA:
1. Recuperarme fisicamente
2. Establecerme vital e profesionalmente
3. Coñecer xente interesante
4. Viaxar

27 Jun 2008

Achados XIV: Como un buxo

O meu House particular cotilleou esta mañá na miña ficha os resultados da biopsia e aseguroume, sen entrar en muitos pormenores pero cun sorriso tan sincero como impropio da personaxe, que estou como un buxo. Un buxo con algunhas cicatrices e con algunha fenda imprevista que haberá que ir controlando con ITVs periódicas, pero buxo á fin e ao cabo... xa sabedes, dun material compacto, duro, flexible e, sobre todo, duradeiro.

26 Jun 2008



Sabedes como chegou Aznar ao congreso do PP de Valencia? Pois chegou no jet privado de Dionisio Gutiérrez, un mangante guatemalteco que xa o tiña entrevistado nalgunha ocasión para o seu programa televisivo... Se podedes, recoméndovos deixar a entrevista de fondo mentres traballades, ten uns puntos memorables no máis puro estilo Urdazi. Se non, mirade polo menos o perfil do empresario de éxito que pon a súa fortuna ao servizo da liberdade, fírmao a nosa piriodista máis internacional.

Dynamic Thinker

Unha de test tontunos. Segundo este, son unha pensadora dinámica, unha tía segura e independente, que irradia entusiasmo e enerxía. Encántame ter moreas de amigos ao meu redor, preferentemente aqueles cos que podo discutir sobre calquera cousa. Son mui directa, pero nunca de maneira deshonesta. O descoñecido desperta a miña curiosidade e as reglas e a rutina despertan a miña resistencia. Se algo non vai como quero, reacciono de xeito un tanto terco e obstinado. Espero muito de min mesma e dos demais e quen non encaixa nos meus esquemas non o ten fácil comigo. Normalmente, para as pensadoras dinámicas unha parella só ten un lugar secundario, despois do traballo, anque nos gusta ter alguén con que encaixar intelectualmente, con quen perseguir obxectivos comúns e ter interesantes discusións durante toda a noite, preferentemente de carácter práctico, pois o sentimentalismo e o romance non son, segundo parece, o noso.

Aí queda eso.

25 Jun 2008

Ser universitaria en Chile

En Chile coñecín unha rapaza da miña idade que escribía poesía de vangarda. Si, da vangarda do século XX. Unha rapaza curiosa e xenerosa, que me interrogou incansablemente sobre as miñas crenzas, que me educou nos valores chilenos, que me convidou aos platos típicos do seu país e que me amosou as tripas do seu goberno. Unha rapaza hiperresponsable que levaba unha década traballando como secretaria para poder pagar os estudos de dereito nunha universidade da que falaba marabillas. Unha universidade de inspiración masónica, privada, claro, pero laica, pluralista, tolerante... Un oasis, aseguraba ela, no abafante ambiente universitario chileno. Esta mañá recibín un correo seu, contándome que a súa universidade marabillosa quebrou -se robaron todo el dinero los fundadores- e que ela perdeu o seu último ano de carreira, o ano que pedira de excedencia para facer as prácticas e preparar o exame de grado, buscando unha nova universidade e negociando o prezo dun novo billete cara ao ansiado ABC1.

24 Jun 2008

09

Donme os dedos de tanto cruzalos, pero creo que podo dicirvos (anque sexa baixiño) que a miña vida volve coller algo de ritmo. Sigo sen poder pasar muito tempo sentada, polo que o traballo e a cibervida terán que seguir aparcados uns días máis, pero xa vou tendo a cabeza lista para as lecturas, as pernas fortes para os paseos reparadores e a ilusión renovada para o que veña.

O verán está cheo de proxectos e de flores.

16 Jun 2008

Achados XIII, bon número se non crece

Esta mañá quitáronme os puntos. Nunhas semanas saberei de onde viñeron os pequenos mostros que habitaban o diamante do meu Sim. Se hai sorte, esta historia de achados acabará aí, acabará aquí. Se hai algo menos de sorte, nos próximos meses tocarame descubrir algunha outra cousiña sobre min mesma. En calquera caso, agora estou ben. E non o digo por dicir. Estou realmente ben. Acelerei a publicación dos últimos achados pre-hospitalarios, que na miña ausencia tinguiron emerecindo dunha negrura que se cadra non vos correspondía soportar, e xuntei os hospitalarios neste post. A ver se, de agora en diante, abrimos as fiestras e ventilamos esto un pouquiño.

01

Achado hospitalario número 1: o peor dos hospitais son as enfermidades. Con frecuencia, as dos demais. Obvio, pero imprevisto. Antes de que me acabasen de tomar a tensión e a temperatura por primeira vez, xa me dera conta de que eu era a que menos queixa tiña en dous quilómetros á redonda. Os olores, as imaxes e as historias do hospital son sempre dolorosas. "A este mundo vimos para sufrir", dicía continuamente unha das miñas compañeiras nos paseos polo corredor. Eu sorría. Eu, cando non sei mui ben que dicir, sorrío.

Achado hospitalario número 2: case todo o que che fan nun hospital réstache autonomía e manca, pero a dor non vai en progresión xeométrica. O primeiro doe muito. Para o resto, xa estás preparada. Anotación innecesaria, as drogas son boas.

Achado hospitalario número 3: os quirófanos non son nin tan grandes nin tan limpos como (parecen) os da tele. Cando entras estás desperta, subes tu soa á mesa de operacións e entéraste de que te atan, "para que non se che caian os brazos cando te durmas". Tamén descubrín que nese momento tiña un ritmo cardiaco mui baixo, o que, segundo asegurou a anestesista, pode significar que son unha gran deportista (ehem) ou unha tipa anormalmente tranquila (ehem ehem).

Achado hospitalario número 4: se eres unha gran deportista e/ou unha tipa anormalmente tranquila, cando espertas da anestesia tés muitísimo frío. Muito, muito, máis que en ningunha outra ocasión na vida, máis incluso que de noite en Uyuni. Frío, sede e tos.

Achado hospitalario número 5: no hospital, sobre todo despois de espertar da anestesia, o tempo fai unhas cousas mui raras. Esténdese e contráese, vira sobre si mesmo, detense, acelérase. Durmes, espertas, durmes, espertas, durmes, durmes, durmes, espertas.

Achado hospitalario número 6: non hai peor soidade cá que che dá a compañía obrigada, non hai peor esperanza cá mentirosa. E non hai mellor compañía cá dos que te miran con cariño mentres dormes, cá dos que che levan o pao do suero nos paseos polo corredor, cá dos che traen perfumes, debuxos e cancións que enganen os olores, as imaxes e os sons que te rodean. Non hai mellor compañía cá que eu tiven, que cambiou o meu cuarto do taller por campos de fresas aos que non chegaban os ecos de historias tristes, de compañías obrigadas e esperanzas mentirosas.

Gracias.

Achados XI: Analíticas

06/06/08

Esta semana fixo un mes do achado. Un mes. Analizo a tormenta emocional dos primeiros días, a autoconsciencia, o agobio de sentir o monstro palpitar tremer medrar no meu interior, a tranquilidade coa que cedín o control, a sorpresa que levei cando descubrín que ao cedelo non fixera máis que anclalo a min. Analizo a efeméride, pero analízoa pouco, porque a miña vida volveu coller o seu ritmo habitual e os plans non me deixan tempo para nada. Teatro. A mudanza. Amnistía. A planificación empresarial. Timbas de tute de chinchón de wii. O traballo. Lecturas e escrituras. O ioga. Sobriñeo madriñeo mequeo. O diván de hotmail. Viaxes imaxinarias e imaxinadas. A miña axenda está tan chea que o único espazo que lle queda ao achado na miña vida é o da incerteza. Entón chaman do Hospital, "mañá ás dez da mañá tés que facer unha analítica, podes vir almorzada". A incerteza tórnase certeza e o diamante que levita enriba do meu Sim perde, de novo, parte do seu verdor.