13 Feb 2009

Episodios internacionais III: Medios intermediarios



Vexo nos medios chilenos a Chile como convidado de honra na Feira Internacional do Libro de La Habana. Véxoo nos medios cubanos. Véxoo nos españois. E véxoo na Voz.
E alucino.

12 Feb 2009

Episodios internacionais II: Habilidades negociadoras



Da lo que tienes y a pedir te quedas, díxome hoxe Damaris, pura desconfianza destilada. O día a día na Habana é unha aprendizaxe constante. Hai que coller o ritmo. Hai que forzar a máquina, pero sen afogala. Hai que atopar o equilibrio entre o sorriso e a bravura, entre a inocencia e o inxenio. Hai que escuitar e hai que opinar. Hai que mollarse. Hai que entender a idiosincrasia e o sistema. Hai que crer as mentiras e hai que dicir as verdades. Hai que negocialo todo. Todo. Tamén o ritmo o sorriso a inocencia a opinión as mentiras e as verdades... Despois de catro meses traballando 14 horas ao día, 7 días á semana, sen tempo para tomar unha caña para sobriñear para ir á aldea para pasear polo Valado... a primeira hora que botei esperando a que alguén cumplira a súa parte do trato foi insufrible. A segunda, intrigante. A terceira, divertida. A cuarta, enervante. A quinta, aleccionadora. Na Habana hai que negocialo todo. Todo... E se das o que tés, non che queda nada co que negociar.
___
* Tardaron tres horas en non poñer o toldo. A a-foto é un falso roubado, pedíronme que llela fixera.

11 Feb 2009

Episodios internacionais I: O tempo



Na miña condición de espía dobre, traio na maleta 12 kilos de roupa para min e 30 kilos de roupa comida bebida medicinas xabós fotos vídeos libros discos cartas cartos e pornografía para outra xente. Fago as entregas na porta do hotel, escondéndome da mirada acusatoria dos porteiros, e síntome como se acabase de baixar dunha máquina do tempo defectuosa. Unha máquina que, despois de darme máis voltas que unha lavadora, me deixou na fin dun século que nunca existiu.

9 Feb 2009



Posteo rápido dende Barajas. Envolta pola néboa febril desta gripe traidora e encirrada pola imaxe que C. V. sementou en min, vivo esta viaxe surrealista como unha das aventuras máis divertidas dos últimos tempos. A tos e a afonía son a coartada perfecta para gozar as performances alleas sen máis responsabilidade cá de rir, ou non, cando acaba o espectáculo...

Di Xuan Bello no primeiro capítulo dun libro mui chulo que emprego como burbulla en caso de extrema necesidade que a verdade tamén se inventa. Que a vida é sempre unha mentira máis ou menos ben contada. Engado eu que a vida, cando é mentira, pode ser tremendamente divertida.
Ou non.

7 Feb 2009

No meu moleskine XV: Iluminados



A vida é como unha fotografía, se gañas luz perdes sombra e se gañas sombra perdes luz... Moi poucas veces se gaña coas dúas mans.

___
*A imaxe é un fotograma mítico dunha película mítica, o Nosferatu de Murnau. O expresionismo ía, precisamente, de luces e de sombras. De decisións erróneas. E de traizón, paixón e loucura.

6 Feb 2009


Garry Winogrand

Botei toda a mañá cosendo remendos de urxencia na rede de seguridade. Miro a ver se polos buratos que lle quedan cabemos algún de nós e refrego nos dedos.
Non os sinto.

Se cadra, é pola neve.

5 Feb 2009

As androides soñan con post dun millón de liñas


A foto é de Elisa Gianni. Ao fondo, O inventario indócil

Aí me tedes, no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, falando de blogs e de literatura con Anxos Sumai. Metablogueando, vaia, que é o puto peor. Bueno, nesta foto en concreto, falaba Anxos. E facíao dende o punto de vista da creadora que ten asumido o seu compromiso coa literatura. Eu falei despois, como a outsider que son. Ou amateur. Ou amante, que mola máis.

Anxos debullou as características que ofrece o espazo dixital e percorreu o camiño que ven dende o que ela chama "a prehistoria galega dos blogs" até hoxe. Falou das primeiras propostas de Camilo Franco (Por conto alleo e Necesariamente X) e de Juareguizar (Familia Feliz), en vierios, do Velaquí de Olalla Cociña e de Anxos de Garda e O inventario indócil, de Elvira Riveiro, en culturagalega...

Os blogs como traballo en proceso, como cadernos de apuntamentos, como forma de promoción. Blogs de editoriais. Portais que aloxan creación literaria, editoriais dixitais, portais divulgativos, portais que inclúen crítica e blogs de críticos completan unha panorámica actual que non acaba de aproveitar as posibilidades do espazo dixital para a creación literaria. Os escritores (e as escritoras) usan o espazo dixital como usarían a máquina de escribir, sostén Anxos.

Eu sosteño que ten razón.

E despois incumplo varias leis e firo o espazo dixital cun post dun millón de liñas perpetrado nunha Olivetti eléctrica, como as ovellas.

Xa posta a metabloggear, recordei como cheguei ao blogomillo, aló polo 2004. Levaba anos en Barcelona, estaba coa morriña polas nubes e atopei Todonada. Lino enteiro case sen respirar, comentei o último post e abrín unha conta no blogspot. Nove días máis tarde, naceu Emerecindo. Dende aquela levo publicados, con este, 738 post. Nunca cheguei a saber mui ben para que os escribía. Preguntáronmo e pregunteino varias veces e aínda non sei se ten sentido. De feito, levo case 5 anos preguntándomo no propio subtítulo do blog.

Creo que cando escribín o primeiro post non era realmente consciente do que facía, para min era como escribir un correo aos amigos e incluir a unha persoa descoñecida no destinatario. Pero só a unha. E en realidade é o coñecido dun coñecido... Pero hai anos que emerecindo deixou de parecerse aos correos que lles escribía aos amigos. Hai anos que empecei a escribir cousas no blog que non son capaz de contarlle a ninguén, nin por escrito nin, muito menos, cara a cara. É unha especie de mecanismo de autodefensa. Cando posteo algo, unha idea unha angoxa ou un pensamento, é como se o metese nunha botella e o lanzase ao mar... Segue sendo meu e está protexido, dentro da súa pequena botella de cristal, pero pouco a pouco vaise alonxando e chega un momento no que o pode coller calquera, no que xa non estou tan segura de que me pertenza... e, nese momento, quedo liberada do seu peso no meu interior.

Esas mensaxes nunha botella ao longo destes anos falaron, sobre todo, do cotián e das miñas idas e volta. Da eterna emigrante retornada. Pero tamén de ética e xornalismo, de crises persoais, de viaxes, de lecturas e de situacións que, por unha cousa ou outra, me tocou vivir. Despois daquel encontro coa Melodía, intentei organizarme un pouco. Empecei a poñer etiquetas e, da mao de anITA, metín un pé na ficción, pero a auga estaba mui fría e non me acabou de conquistar a idea de arrebolarme de cabeza.

Estou máis interesada en experimentar coas formas nas que podo meter as miñas mensaxes en cadansúa botella, en intentar aproveitar as posibilidades do espazo dixital, en ver como o facedes os demais. A busca sonora e visual de Ictios, os golpes na mesa de Ascárida, as imaxes matizadas de Krrakuk, as video-receitas e as anotações efémeras de Roi... Gústame muito esta idea do efímero que defende Rodrigo, sobre todo, porque somos tantos e dicimos tantirmas cousas que empeza a ser complicado oirse unha mesma.

Conta Philip K. Dirk nesa novela tan chula na que se basea Blade Runner que, despois da Guerra Terminal, a Terra está cuberta polo Kipple. O Kipple son os obxectos inútiles, como o correo basura ou as caixas de mixtos baleiras ou os papeis dos chicles, o xornal do día anterior ou os milleiros de blogs e flickrs e fotologs e podcast que existen hoxendía... Os blogs en galego tiveron o seu auxe no 2004, onde pasaron de ter só uns 20 a principios de ano, a ter 300 a finais de ano. Onte, Blogaliza tiña rexistrados 7074. Ninguén pode luitar contra o kipple. Tampouco as androides. Como muito, podemos limpar unha pequena parcela e manter o Kipple a raia temporalmente. Hai ferramentas que nos axudan, como os lectores de sementes.

E volvemos ao comezo. Con que soñamos as androides? Que é o noso non-Kipple, cales son os nosos animais eléctricos? Eu, no meu curral de bloglines, teño un pulpo de tentáculos longos e fortes, un par de vacas que pastan ao seu aire, un can que coida da casa, algún gato que cobiza o cariño de quen lle queira pasar a mao polo lombo e máis dunha pita que pon a ovo por día... aínda que normalmente non son de ouro. Hai algún moucho que vive atento ao que escriben os demais, algún galo de pelexa e algún camaleon que imita aos que o arrodean. En tempos tamén tiven algún avestruz que escondía a cabeza, pero cada día son menos. Agora están máis de moda os pavos reais. E os peixes, claro, cada un no seu acuario…

3 Feb 2009

Achados XV: Paciencia

Vou ao taller pasar a ITV. Nestes meses, o medo cedeu parte do seu espazo ao estrés noso de cada día e hoxe sentín como un roubo cada un dos minutos que pasei naquela sala de espera baleira. Para que carallo te citan ás 9 se non teñen pensado atenderte ata as 10?
Entrei enfurruñada.
E non tardaron en devolverme ao meu lugar.
Exposta mancanda insegura, envolta polas texturas os sons e os olores dun medo coñecido, comprendín que a paciencia axuda a soportar a dependencia.

2 Feb 2009



I love you, Rachael said. If I entered a room and found a sofa covered with your hide I'd score very high on the Voigt -Kampff test.
___
*Ando a voltas cun libro xenial, que se pode descargar aquí. E aquí, en castelán (latinoamericano).

29 Jan 2009

Outing III



Ás veces escóndome entre a xente.
Si. Ás veces, escóndome.
Tamén de ti.

28 Jan 2009



Carrexando animais xigantes en camións minúsculos dunha esquina a outra do salón petrucial caín en que a vida non é máis ca iso, un traballo inútil para o que temos ferramentas defectuosas...

Tamén observei que (en boa compañía) tanto unha cousa como a outra son terriblemente divertidas.

27 Jan 2009



La Habana abierta y esperando. ¿Qué 10 minutos me tocan?

Actualización 23:30.-
Dale chiquilla que comenzó la vida bohemia.

Actualización 28/01/08
.- Que prepares tu barriguita enfermiza para las tandas de café...

26 Jan 2009

ἀφορισμός I: Fillidade

Os nosos defectos nacen dass virtudes dos nosos pais.
E viceversa.

A sombra do paraíso



O meu paraíso está cheo de sombras. Sombras boas. Sombras que xurden, como todas, da luz. Sempre me gustaron. Sei que é nelas onde reside a beleza, a fondura. Sen embargo, ás veces, desexo que desaparezan. Ás veces, como hoxe, quero que a luz o invada todo. Que me cegue. Que me leve. Que borre as árbores as pólas as follas as pozas e ata o camiño. Quero cambialo todo, o bon e o malo, polas sabas quentes e luminosas do meu cantiño lugués.

19 Jan 2009



A miña voz en off está máis activa ca nunca e, sen embargo, non teño ganas de escribir. Imaxes conversas sensacións teorías historias proxectos vidas e enganos, dos propios e dos que poñen en escena os demais para min, nacen e morren na miña cabeza, sen foto que os ilustre, mentres soa esta canción...

Oh and so I'll go, yes I'll go, so I'll take that train and ride. Wishing, hoping I can write a rhyme that might stop the tick of time, get off this situation and feel fine...

O ano pasado, por estas datas, tampouco estaba nada blogueira. Será un síntoma do paso cíclico do tempo?

16 Jan 2009

Outing II



Mírome nos escaparates. E nos charcos. E nas fiestras que dan ao adarve. E nas gafas de sol dos demais. E nos espellos retrovisores dos coches. Si, tamén nos do meu.

11 Jan 2009

A sombra (da) cazadora

Los libros son finitos, los encuentros sexuales son finitos, pero el deseo de leer y de follar es infinito, sobrepasa nuestra propia muerte



Por que a xente escribe blogs que non le ninguén? Blogs emocionantes dolorosos divertidos fermosos comprometidos, pero tamén discontinuos efímeros crípticos esvaradíos. Pregúntollelo a algúns dos meus blogueiros favoritos, das miñas blogueiras favoritas, e contéstanme que el@s só queren falar. Contar. Comentar asuntos intrigantes. Vomitar ideas, sentimentos ou denuncias puntuais un día calquera a calquera hora. Dinme que escriben por escribir, pola pulsión enfermiza dos humanos por contar historias, porque lles gusta ver como ideias soltas ou vagas se vão conectando e colhendo forma... Muit@s presumen de non buscar lectores. Tamén eu. Intúo que mentimos. Se non quixeramos que nos lesen, escribiriamos (só) nas servilletas dos bares na libreta que hai ao lado do teléfono nas follas vellas dos calendarios nos post-it. Se cadra, o que non queremos é que nos lea muita xente. Se cadra só precisamos saber que hai alguén do outro lado. Aínda que sexamos nós mesm@s. Ou, se cadra, o que queremos é que nos lea alguén en concreto. De feito, seguramente Bolaño tiña razón tamén niso e o único que queremos, en realidade, é follar.

Follar es lo único que desean los que van a morir. Follar es lo único que desean los que están en las cárceles y en los hospitales. Los impotentes lo único que desean es follar. Los castrados lo único que desean es follar. Los heridos graves, los suicidas, los seguidores irredentos de Heidegger. Incluso Wittgenstein, que es el más grande filósofo del siglo XX, lo único que deseaba era follar. Hasta los muertos, leí en alguna parte, lo único que desean es follar.
Es triste tener que admitirlo, pero es así.

9 Jan 2009

J'Adore



Adoro compartir con Wu doces aquarius e historias. Adoro ver no moble do salón o reflexo da xente que pasea polo valado. De feito, adoro pasear polo valado. Adoro que a praza ula sempre a empanada. Adoro o té Martinique. Adoro que Z. veña petar á miña porta cando lle pasa algo importante. Adoro que E. teña as súas zapatillas debaixo da miña cama. Adoro quedar ao día seguinte con S. e con V. para comentar os detalles escabrosos. Adoro ver unha peli resacosa con anITA. Adoro recibir a chamada post-garda da doutora Fleishman. Adoro estrear os reises co Pikiniño e co Afillao. Adoro que o meu pai me apalice ao tute. Adoro tomar unha caña cos de Amnistía. Adoro o tanqueraiconsprait caseiro. Adoro a música do Riff e, ás veces, a do No e a da Velvet. Adoro facer o idiota e dicir que bailo. Adoro escuitar historias surrealistas. Sobre todo, se son certas. Adoro que P. me encha a cabeza de teatro. Adoro almorzar salgado antes de ir para a cama. Adoro ter o recuncho cheo de pegadas das outras vidas que vivín. Adoro a miña cama, os azulexos do baño e a luz que hai na cociña pola mañá. Adoro o café. E o frío. Adoro conducir por carreteras coñecidas. Adoro estar aquí.

8 Jan 2009

I like vodka too



Roberto, un dos meus blogueiros chilenos favoritos, ofrece hoxe unha manchea de links interesantes sobre Gaza. Se podedes, mirádeos con vagar. O primeiro é este Rafah Kid, que ten un twitter e un blog. Na súa última entrada conta:
S. asks me the question every Palestinian is asking: “Why are they bombing us?” He adds the bit that many add: “I’m not Fatah, not Hamas. I like vodka.” He tells me he’ll show me sometime, in the future. “If I have a future,” he adds with a grin.
Xa na casa, tamén estes días, Miguelanxo Murado analizou os dilemas militares e Barreiro Rivas, o patetismo da resposta da UE. E, por certo, polo visto a manifestación nacional queda, finalmente, para o domingo 18 ás 12h, na Alameda de Compostela.

Engádega.- Amnistía Internacional instalará o sábado 10 de xaneiro, a partir das 12.30h, na praza Maior de Lugo unha mesa para a recollida de apoios ao seu chamamento para que Israel poña fin aos ataques ilexítimos que afectan á poboación civil palestina, permita o acceso sen trabas da axuda humanitaria e a saída da Franxa de Gaza á poboación que queira escapar do conflito. Se non podes achegarte, podes asinar aquí.

6 Jan 2009

Moving on up



Just move on up
and keep on wishing
Remember your dreams
are your only schemes
So keep on pushing
Take nothing less -
not even second best

___
* Teño por costume facer caso dos bos consellos. Let's move on up, then.

4 Jan 2009



Israel consuma a invasión, o número de menores mortos nos bombardeos dispárase e EE.UU. impide que a ONU esixa a fin dos ataques.
Nada disto é novo. E sempre o sufren os mesmos.

1 Jan 2009

Mutatis mutandis

I go carefully, choose
the rabbit and the goose
from the box in the kitchen
oh, that's where you put all your little animals



Quixen recibir o ano novo vida nova coas uñas e os labios pintados de vermello, cos ollos pintados de azul. Quixen mutar noutra das mulleres que fun algunha vez. Quixen beber unha noite o que non me deixaron beber as 364 anteriores. Quixen coñecer un tipo interesante. Quixen rir.
E rin.
Caín en que os bares que abren até as dez da mañá en findano son o escenario axeitado para coñecer tipos mui pouco interesantes. Bebín algún tanqueraiconesprait menos dos que me debía o 2008. Mutei nunha das mulleres que aínda non fora. Recordei o ben que mesturan o azul e o vermello.
E rin.
Benvido sexa este novo capítulo.

___
* Roubeille a mirada a Otro Azul. E de onde saiu esta, hai máis.

31 Dec 2008

Néboa no camiño

O 2008 non quixo amoldarse ao que tiña previsto para el. Quixen un ano tranquilo, de volta á casa, e tiven 12 meses de voráxine, de cambios, de achados, de idas e voltas, de luitas, de derrubes e de reconstrucións... Doce meses de néboa no camiño.



En xaneiro busquei as nosas pegadas por Compostela. E non as atopei. Sufrín, como un xunco, o agobio da desconfianza. Da dos demais en min e, sobre todo, da miña nos demais. A familia exerceu como rede de seguridade e dobrei pero non rompín. En febreiro vivín un millón de experiencias habaneiras. Algunhas boas, outras mui boas, outras (as menos e as máis serodias) máis ben malas. En marzo redefininme, "a la sombra de mi sombra", en Valado City. En abril namoreime de Boloña, ceei coas miñas chicas chilenas en Madrid e atopeime no reflexo dunha illa misteriosa. Re-descubrín o atractivo do malotismo ilustrado, re-vivín a confianza perpetua con La-Lorena, renovei vellas ilusións (e vellas desilusións) nunha conversa de mil horas con EL e recoñecinme, unha vez máis, n@s espiche.

En maio visitei o taller por vez primeira, alimentei enganos prosaicos (todo na vida é bon) e disfrutei con Gonzo unha das mellores conversas da miña vida. Intentei aceptar que no siempre los huesos / aguantan el peso, sentín a melodía dos días usados (por outra persoa) e esperei e esperei e esperei no paso a nivel mentres a puta nube negra o tinguía todo dunha intensidade insoportable.

En xuño sorprendeume a beleza da primavera en wineland. Entrei por fin no taller e conteivos que semanas atrás atopara no diamante que levita sobre o meu Sim tesouros aforismos eufemismos tabús o meu feminino singular preocupacións o corpo a laparoscopia a espera a anestesia as analíticas e unha cana. Na vida todo é bon, tamén o malo. No taller atopei a luz do outro lado do túnel e descubrín que non hai mellor compañía cá que eu teño, que cambiou un cuarto horrible por campos de fresas aos que apenas chegaban os ecos das historias tristes de compañías obrigadas e esperanzas mentirosas.

En xullo volvín a unha Compostela na que nunca estivera. Fíxenme pihippy, camiñei entre sombras e fume, fun a million different people from one day to the next e abrín unha fiestra atlántica no meu planeta de silenzo. En agosto sentinme covarde, antes de aplicarme un trekking terapéutico no medio dos Apapacho's e de escribir unhas notas para unha turista galega no Santiago Austral. Un ano despois do As de Espadas, descubrín intactas as miñas frustracións. As dos traballos e as vidas imaxinadas e a do riquiñismo pasivo agresivo que, polo visto, tan ben me acae. Un ano despois, sigo sen asumir que nin son tan boa como me temo nin tan mala como me gustaría. En setembro agobioume o contraste entre a tranquila quietude que me rodeaba e o meu movemento desenfocado e non souben decidirme entre parar eu ou intentar que se movera o resto, así que non fixen nada.

En outubro vin en Barcelona as luces do derradeiro vagón do metro contrario desaparecer na negrura do túnel e sentín a vertixe da dúbida perpetua. E se me equivoquei de dirección e ese era, en realidade, o meu tren? Uns días máis tarde, quen compuxo a melodía dos días usados (por min) faloume dos fíos que compoñen o seu tecido misterioso e eu sentínme fío, sentínme formiga e sentínme estrela, antes de que unha das persoas marabillosas que me regalou a experiencia habaneira me aprendese que non importa que as cousas fermosas que nos pasan sexa efímeras, mentres o instante no que as vivimos as pensemos eternas... Longa vida ás mandarinas!

En novembro arrastroume a luita vacuna, pedín paciencia e ofrecéronme gasolina e aprendín que si una puerta se cierra, se abre otra, no sé, más grande, más bonita y más fácil que ayer, más fácil que ayer... Atopei a miña fiestra no baño de I e resultou que daba a unha primavera invernal chea de vidas mentirosas, a un pudor insospeitado e a María do Cebreiro, quen me aprendeu que só se pode medir o que non nos importa e que o camiño non son todos os pasos xuntos. É o primeiro paso. Son os pés.

En decembro vivín os medos propios e as in-seguridades alleas, recibín un bico do sur e aínda máis mandarinas e letras, cheguei aos vintetodos envolta pola maré e descubrín que cabo dunha volvoreta máxica o aire é máis puro. Camiñei over the rainbow ilusionada coa teoría de Arjun Appadurai, un antropólogo da India que di que o único necesario para que o mundo evolucione nunha dirección determinada é que sexamos capaces de imaxinalo. Quero que a miña vida evolucione nunha dirección determinada, pero parece que non son capaz de imaxinar en cal. Chívanme que pararse é moito mellor que perseguir a sombra da melancolía e eu inténtoo, pero parece que, xustamente agora, non vale parala.

Foi un ano duro e deixoume derreada, pero entre obstáculo e obstáculo atopei unha ducia de persoas marabillosas que me fixeron o camiño máis fácil e divertido. Esa é a miña vitoria sobre este 2008 que morre dando guerra. E, por certo, despois da última batalla botei unha olladela cara atrás e (ben se ve na foto) a néboa que me impedía ver as cousas conclaridade pérdese, lonxana, no horizonte.

29 Dec 2008

Gaza



Como mui ben di Íñigo Sáenz de Ugarte en Guerra Eterna, queren facernos crer que os árabes son xente primitiva que só entende a lenguaxe da forza, mentres que os israelíes só aplican a forza imprescindible para conseguir un intelocutor moderado co que poder alcanzar acordos... E eu sei que unha matanza non deber ser nunca reducida a un xogo de números, pero neste caso os números son evidentes. No que vai de ano, morreron 650 palestinos a mans das forzas israelíes. Polo menos unha terceira parte eran civís desarmados, incluidos 70 pequenos. No mesmo periodo, os grupos armados palestinos mataron 25 israelís, 16 deles civís, incluidos 4 nenos.

O bombardeo israelí de Gaza suma o maior número de vítimas palestinas en catro decenios de ocupación de Cisxordania e da Franxa de Gaza. Que paren. E que deixen entrar axuda, medicinas, alimentos, electricidade, auga e outros produtos e servizos indispensables.

Actualización 30.12.2008.- Chégame unha convocatoria ao mail STOP Á MASACRE EN GAZA. CONCETRACIÓN HOXE, MARTES 30, ÁS 20H NA PRAZA DO TOURAL, EN SANTIAGO.

28 Dec 2008

Non vale parala



Soan as mesmas cancións nos mesmos bares. Bares que nestes dez anos cambiaron vinte veces de nome e de dono. Os adolescentes e os vellos tamén son distintos. Aprendo que nós pertencemos aos segundos e aprendo tamén que agora, no fubolín, non vale parala.

Parala era, precisamente, a miña especialidade.

23 Dec 2008

Sol de inverno



Á volta duns días xeniais en Compostela, atopo intacta a súa desesperación. Non hai poemas, non hai dilemas, non hai cervexas conversadas, non hai mil e unha noites, non hai flores nas ventanas. O que hai é frustración, medo e un relato entrecortado que interrompen aínda máis as chamadas das outras vidas que me esperan, que me esixen. Sinto dor e sinto culpa. Chego ao recanto agobiadísima.
Fáltame o aire.
Poño música, abro todas as ventanas e limpo durante horas. Limpo a casa. Limpo a roupa. Límpome a min mésma. Despois, baixo ao contenedor os restos da batalla e compro tres kilos de mandarinas.
Se o 2008 quere guerra, ha ter guerra.
A ver quen di a última palabra.

18 Dec 2008

No meu moleskine XIV: Solícitos



Pedid y os será dado. Mateo 23
... Está nos Evanxeos.
___
* A foto é Salvation, de Duane Michals, que ten un libro marabilloso chamado The Adventures of Constantin Cavafy.
* A cita orixinal é real, aínda que quen a copiou daquela no seu moleskine non foi Mateo, se non Lucas: "Pedid y se os dará; buscad y hallaréis; llamad y se os abrirá. Porque todo el que pide, recibe; el que busca, halla; y al que llama, se le abrirá". Pero a miña versión favorita é a de estoutra web relixiosa: "Pedid y os será dado, rozad y recibiréis"...

Crying won't help you now

Now I just keep on starring
Into the black eyes of the truth

We'll have to learn to live up on our own somehow



A imaxe atopeina aquí, pero aínda non probei coa autohipnose

Dábame medo escribir este post, porque son consicente de que esto parece o diario desquiciado dunha ciclotímica, pero é que este 2008 está sendo un ano mui complicado, de altos e baixos, e está visto que antes de morrer quere deixar dita a última palabra. Hai tempo lera por aí que pararse é moito mellor que perseguir a sombra da melancolía, que insistir na espiral que deixa as cousas no centro dun espazo no que a respiración se dificulta... E eu creo que necesito parar. Necesito viaxar, necesito voar, aínda que sexa coa imaxinación. Necesito sair deste centro no que o aire se me (se nos) empeza a facer irrespirable.
__
*E si, outra vez Camilo Franco... Estoume poñendo algo repetitiva. De feito, tiña outra imaxe marabillosa (O son da auga non lle impedía ver, / se non pensar.) pero tres veces nun mes era excesivo ata para María do Cebreiro.

15 Dec 2008

Over the rainbow



B. fálame de Arjun Appadurai, un antropólogo da India que di que o único necesario para que o mundo evolucione nunha dirección determinada é que sexamos capaces de imaxinalo. Paréceme unha idea marabillosa e jódeme terlle cortado tantas veces as ás á miña imaxinación para encaixala nos lindes da realidade. Unha realidade que por momentos se me descubre máis sorprendente interesante e fermosa do que imaxinaba.

14 Dec 2008

Vinte cantados, cabalo na mesa


No será peor de lo que era
No será peor, seguro que es mejor
Y aunque juré que nunca más
Voy a darme una fiesta por mi cumpleaños

Chego aos vintetodos envolta pola maré. Parabenízanme en todos os formatos posibles (e nalgún imposible) e eu déixome querer déixome levar polo balancé déixome gozar. Despois dunhas horas conclúo que, efectivamente, cabo da volvoreta máxica o aire é máis puro.

11 Dec 2008

Mandarinas e letras



Vai facer un ano que nos coñecemos. Non disfrutei aquela cea porque viña de ver morrer outra vida que soñara vivir e a súa perda provocábame unha dor inmensa. Hoxe sei que daquelas cinzas naceron estas brasas, estas mandarinas e estas letras, e non podo estar máis que agradecida.
Manuel e ti tedes razón, os sucesos estaban sempre ligados, a vida era unha rede de causas e consecuencias, todo tiña que ver con todo...

9 Dec 2008



Eu sonche máis ben de tanqueraiconsprait, pero non hai alcol que valga para esquivar as hostias de Amor Amén... Agradézoche a xenerosidade o regalo a dedicatoria o saúdo o consello e, sobre todo, o valor que fai falta para escribir como escribes. Declárome toda eu inexacta insoportable por impulsiva impertinente por insistente imperfecta por incisiva incoherente. Declárome fracasada ferida idiota torpe suicida. Declárome adicta.
Gracias

8 Dec 2008

No meu moleskine XIII: Ambiciosos



Teño de todo. Menos medo vergonza e cartos, teño de todo.

___
*Este Teenager Asleep pertence ao Teenage Lust de Larry Clark.

7 Dec 2008

In-seguridades



Outra cousa, máis literaria pero non menos real, son os medos propios. Os que nacen como se foran espontáneos pero non son. Os que investigamos para conseguir grandes novelas e vidas lamentables. Eses que significan que a vida que levamos é máis interesante como argumento que como experiencia.

Vivo rodeada de espellos amables xenerosos cariñosos respectuosos. Négome a sentirme reflectida no desprezo absurdo dunha persoa absurda. Négome a deixarme levar por vellas in-seguridades.

29 Nov 2008

O pudor

O camiño non eran todos os pasos xuntos.

16

Escribir un blog como este ten muito que ver co pudor. Máis coa súa forma que co seu tamaño, supoño. Ten que ver coas partes de min que quedan ao aire. Ás veces olvido que hai outras partes. Olvido que hai historias que non podo contar, aínda que queira, aínda que sinta que teño que facelo.
Onte empecei un post que non dei acabado.
Hoxe, escribín outro.
Era o primeiro paso.
Eran os pés*
Onte deches o primeiro paso do resto da túa vida e dáme medo non ser capaz de dicirche canto me alegro.
___
* Outra vez María do Cebreiro.

27 Nov 2008



Agora que se achega o meu cumpre e, con el, findano e, con eles, esta obsesión tasadora que me caracteriza, intento contarlle os sucos á cerna da miña vida. Non é tan sinxelo, a superficie é irregular e as sombras, mentireiras. Sinto que me afoga o tamaño dos proxectos das ideas das sensacións que me rodean. Non lle dou tomado as medidas a esta realidade e o meu cerebro acciona todos as alarmas. Para. Pensa. Conta. Tasa. Pesa. Mide... Paro. Penso. Sírvome un té medioambientalista, collo un dos libros que se acumulan cabo da cama e leo: "só se pode medir o que non nos importa".

Se o chego a saber, paro penso e leo antes.

26 Nov 2008



Eu coñezo a esa rapaza. De feito, débolle un post como un mundo. De grande e de complexo.

23 Nov 2008



Vou tramitar a pasaxe dunha rutina a outra á aldea. É día de sala e, segundo indica a tradición, a min tócame pelar allos e cuidar dos pequenos. Engulipo Vidas Post-it deitada cabo do sono inquedo do afillao. A casa da aldea móvese, vital, ruidosísima, fóra desa habitación coas paredes tinguidas pola humidade e eu, dentro, énchome de vidas mentirosas, vidas non vividas, vidas naufragadas e, sobre todo, énchome dun medo enorme a que esas sexan as únicas vidas verdadeiras, as únicas vidas que podemos vivir... Fóra fai un día estupendo, fermosísimo, e eu sinto un desexo irrefrenable de pechar o libro, espertar o afillao e marchar con el para fóra, deixar que o outono nos invada e me convenza de que unha vida que che permite gozar momentos coma este non pode ser tempo perdido.

22 Nov 2008

café

Cando a morriña atacaba con dureza, chamaba á casa pola mañá cedo para sentir do outro lado do teléfono o recendo do primeiro café da cafeteira.

15 Nov 2008



Esperto resacosa despois dunha semana de crise. O mar foi e volveu e eu quedei na beira, conxelada por dentro e por fóra. Deixo na ducha de I. os restos da batalla, abro a fiestra do baño e invádeme un mar de tellados. Respiro o inverno e recordo que a vida é equilibrio. Non é un pensamento mui orixinal, pero tranquilízame.

13 Nov 2008

Y dicen que,
si una puerta se cierra,
se abre otra, no sé,
más grande, más bonita y más fácil que ayer,
más fácil que ayer...
y esta vez
veo que en cambio de una puerta viene un ventanal
muy sólido, muy fuerte y con vistas al mar,
con vistas al mar...



Escuito a canción que che regala I. e vénseme á cabeza a fiestra atlántica que me troixeches do paraíso sureño de S... A cambio, regáloche esta porta nova que dá a un mar descoñecido, a un horizonte cheo de promesas...

9 Nov 2008

We're the sugar cubes

one lump or two,
in the black coffee


...we're gonna be sinkin' soon

___
*O CD é tan priciocirmo como a capa, casandra, un millón!

8 Nov 2008

A mellor avoa do mundo (coñecido)



A mellor avoa do mundo (coñecido, tampouco quero esaxerar) ten 83 anos, tres fillas, cinco fillos, nove netas, catro netos e tres bisnetos. Tivo unha nai, un pai, tres madastras, un medio irmán, unha media irmá e unha irmá irmá, que é a única que lle queda e que sae con ela na foto. Aprendeu a ler na casa e traballou toda a vida na aldea, donde viviu épocas malas e épocas peores. Desde que morreu súa nai, sendo mui pequena, a mellor avoa do mundo (coñecido) érguese cada día co primeiro raio de sol para encender a cociña facer o café e quentar o leite antes de que a casa bote a andar. Gústalle ler o xornal, aínda que sexa atrasado, e ver o parte e, cando soubo que a neta número 2 ía estudar xornalismo, exclamou emocionada: ao mellor acabas en Monforte dando as notas!

Cando eramos pequenos, os primos de Madrid e máis eu pasabamos parte do vrao na aldea. Daquela, como agora, eu sempre despertaba antes cós demais. Sepultada debaixo de sete mantas e aburrida, xogaba a adiviñar o ritmo escondido tralos ruídos das vacas no establo ata que a sentía arrastrar as zapatillas pola madeira. Saía disparada tras dela, sentaba no tiro coa cabeza deitada sobre o mármore e miraba o ritual de limpeza da cociña (vinagre lixa xabón estropallo auga trapo). Ela botábame o primeiro café da cafetera, que é o máis rico, e contábame historias da fame, da chicoria, do caldo de castañas, do chocolate como regalo de cumpreanos, do pai, da nai descoñecida, das festas, dos mozos, da vida.

Ultimamente, a mellor avoa do mundo anda fastidiada dos ósos. A escaseza os traballos e as crianzas pasan factura. Ás veces, a dor é tan forte que esa muller dura que pasou por todo na vida di que non pode máis, que o único que quere é morrer. A neta número 2 mira para outro lado conta ata tres e aclara a voz antes de responderlle, forzando un chisco o enfado, "eso non o diga nin de broma". Despois, deixa bulir o silenzo compartido e enche a tarde toda de trapalladas de historias rocambolescas de viaxes imposibles, ata que consegue que a gargallada enorme e rotunda da mellor avoa do mundo (coñecido) ocupe todo o espazo ao seu redor. Tamén o da dor.

4 Nov 2008

No meu moleskine XI: Inflamables



I tu dicíndome "ten fe"... O que me tías que haber dito é "compra gasolina"!!!


___
*A foto é unha das máis coñecidas de Diane Arbus (Identical twins, Roselle, New Jersey. 1967) e eu creo que a da esquerda é a que compra a gasolina.

3 Nov 2008

Luita vacuna



Fun secuestrada por un comando de vacas leiteiras que luitan pola súa dignificación sexual e gastronómica. Non teño nin idea de como acabará isto, pero de momento estouno pasando de vicio. Desculpade a ausencia.

2 Nov 2008



Se eu fora un home intelixente sensible bondadoso libre políglota viaxeiro de aspecto agradable san e ilusionado, non destacaría tanto o de "divorciado". Ao fin é unha característica tan inútil como a educación a intelixencia a sensibilidade e a ilusión nunha muller ideal para unha sincera amizade.